lunes, 10 de enero de 2011

Crítica a CdC

COMUNICADO DE PRENSA .

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA, ANTE INAUGURACIÓN DA CIDADE DA CULTURA, MANIFESTA UNHA VEZ MÁIS AS SÚAS CRÍTICAS A ESTE FARAÓNICO PROXECTO.

O CONSELLO COMARCAL DE EU ESIXE QUE NON SE CONTRÚA NINGÚN EDIFICIO MÁIS E QUE AS INSTALACIÓNS REMATADAS SEXAN ÚTILES PARA A SOCIEDADE GALEGA.


Esquerda Unida Compostela opúxose dende o principio ao proxecto da Cidade da Cultura, que provocou e provocará un desbaldimento de fondos públicos que non parece ter fin, e que claramente se manifesta no orzamento destinado a cultura pola Xunta de Galicia.

Obviamente, a día de hoxe o Consello Comarcal de EU comprende que, unha vez feitas estas obras que non se deberon levar a cabo, e opoñéndonos a construción de calquera novo edificio, os xa rematados deben ser utilizados, pero con propostas que non hipotequen os fondos públicos. De feito, de ser así a vontade política o complexo podería albergar as instalacións da administración autonómica, o que repercutiría favorablemente no aforro de alugueres.

Esquerda Unida Compostela critica a actitude do goberno local, e máis concretamente a do alcalde, que dende o primeiro momento apoiou incondicionalmente este proxecto dando todas as facilidades posibles, e promovendo actuacións como a do teleférico, duramente criticado no informe de ICOMOS, e que aínda hoxe non parece descartado, ou máis recentemente, avalando a necesidade de levar a cabo todavía máis obras, por un valor superior a 20 millóns de euros, para que a CdC teña acceso pola autopista…

Tamén compre destacar que por mor da Cidade da Cultura o equipo de goberno ten proxectado nas brañas de Sar un novo ataque ecolóxico a esta zona, con novas edificacións e estradas, seguramente co fin de que o tránsito da cidade a este proxecto resulte “estético”.

Esquerda Unida Compostela non comparte a obstinación do equipo de goberno neste macroproxecto, e defendemos actuacións máis sustentables económica e máis respetuosas co medioambiente.

A necesidade de “xustificar” o mausoleo fraguián conlevará unha desconexión coa verdadeira cultura compostelá, a que reside na propia vila. Non podemos esquecer que, no fondo, é unha cultura elitista a que se está xestando nese mausoleo. Por iso, vemos perigoso o esmorecemento dunha cultura de base accesible para todas as persoas. De aí que estemos en contra do enorme desbaldimento-hipoteca que seguirá ocasionando a CdC, e que consideremos máis importante para a nosa cidade dinamizar os barrios de Compostela recuperando edificios baleiros dotándoos de pequenos museos, pequenas bibliotecas, locais de ensaio, para crear itinerarios culturais beneficiosos non só para a veciñanza, senón para as persoas que visitan a nosa cidade.

Xaneiro 2011

No hay comentarios: