viernes, 28 de diciembre de 2007

U-la participación cidadá?

Aínda non tivemos ocasión de poder comprobar se as alegacións que presentamos ao Regulamento foron tidas en conta ou non -supoñemos que non, porque así é a democracia imperfecta da Democracia Representativa-.

En calquera caso, cómpre que os políticos e as políticas de turno, os e as que nos gobernan, se saquen esa máscara de hipocrisía e admitan xa, ao igual que fixeron os eurodeputados socialistas logo do tratado de Lisboa, que lles importa un pemento o que opine ou non a cidadanía e menos aínda a súa participación.

Unha organización pequena como a nosa, sen representación institucional, ás veces, ten a sensación de remar contra o vento, pero desde a modestia hai razóns poderosas que se erguen con forza, e dificilmente son derrubables, a honestidade e o esforzo no traballo cotiá.

Non é doado sabelo, pero ese traballo non obedece a persoas que están liberadas e cobran un salario, senón ás horas de militancia que extraemos do día despois de traballar. Por iso, por moito que o queiran, non calaremos, e facemos noso o manifesto brelián, sempre estaremos á procura da xustiza social e da igualdade de oportunidades.

A política de prezos do Concello é para tremer. Optan por xogar co peto do día a día, cos impostos indirectos, en troques de reivindicar na Xunta e no Estado que os municipios teñan dereito a máis pastel da tarta que reparte o Estado: loitar por ese 30 por cento cando menos para dar resposta aos retos que soporta a política municipal.

Non é polo camiño das plusvalías que reporta a construción -esgotarase-, nin mediante os impostos indirectos. A redistribución da renda -vexamos o modelo finlandés- comeza polos impostos directos, onde aquel que máis ten, máis debe pagar. Pero non. Este país, esta sociedade camiñan da man dun hiperindividualismo e hiperconsumismo devorador e vemos como a clase empresarial se volve -de facto- unha delincuencia organizada ao afirmar un 46% que é razonable a fraude fiscal.

Mentres, temos o que nos merecemos? Ás veces, a resposta é tan sinxela como dicir que si.

Ou é alienación debido á roda do capital (doutro xeito non se pode chamar a escoitar que imos tirar a casa pola ventá o día de fin de ano e logo queixarnos da costa de xaneiro)? Desinterese? O goberno duns poucos para -perdón, sobre- a maioría? Un pouco de todo isto e máis?

A taxa de abstención seguirá aumentando, a menos que se vexa que esta forma de facer política é nociva. É lesiva para os intereses da maioría social. É obstrucionista para a real participación e coresponsabilidade na toma de decisións que máis afectan á vida dun pobo.

miércoles, 12 de diciembre de 2007

COMUNICADO DE APOIO E SOLIDARIEDADE Á FAMILIA DE IRENE FERNÁNDEZ E DOS VECIÑOS E VECIÑAS DE MILLADOIRO

Esquerda Unida-IU da comarca de Compostela e o Consello Local de Ames desexan manifestar co presente comunicado en primeiro lugar o noso máis sinceiro pésame e todo o seu ánimo para a familia da nena Irene Fernández, falecida despois dun atropelo na Avenida Rosalía de Castro da localidade de Milladoiro. En segundo lugar, desexamos comunicar que poñemos a disposición da familia afectada todos os recursos dos que dispón Esquerda Unida-IU, incluído o seu gabinete de recursos xurídicos. Finalmente, manifesta que estará cos veciños e veciñas de Milladoiro na concentración pacífica de máñá mércores ás 19h

É triste que sempre teñan que acontecer sucesos tráxicos para que as autoridades competentes tomen nota e se apliquen na tarefa de poñer remedio á situación insostible de falta de seguridade viaria que sofre a localidade de Milladoiro. Ao longo do día, os veciños e veciñas de dita localidade ven como milleiros de vehículos cruzan a Avenida de Rosalía de Castro, convertida en estrada nacional dirección a Pontevedra ou Santiago. Por iso, o chamado que realiza a asociación veciñal Seidón de circunvalación, reurbanización e desvío de tráfico pesado da avenida é un chamado á simple lóxica que desde Esquerda Unida-IU respaldamos.

Santiago, 11 de decembro de 2007

viernes, 7 de diciembre de 2007

Martes 18 de decembro, concentración pola dignidade. Os fascistas non pasarán

PORQUE NON PASARÁN OS FASCISTAS

Martes 18 de decembro, concentracións en Santiago e Coruña, ás 20h

MiniaturaVivimos tempos convulsos nos que abrolla e xa se visuaLiza o comportamento xenófobo de grupos ultras e de ideoloxía fascista e filonazi. Tempos nos que se culpa de todo o malo ás persoas migrantes e só son valoradas en termos numéricos en relación á cantidade de cotizantes de Seguridade Social, obviando os valores hamanos e sociais.

Pero son tempos de claro racismo institucional, xa que, como levamos denunciado desde hai anos, temos unha dura lexislación de estranxeiría e que, de prosperar a iniciativa presentada no Senado por Coalición Canaria [apoiada por CIU e polo PP -o que sinala con quen dialogan algúns grupos nacionalista que se auto-proclaman "de esquerdas" (sic)], se convertiría nunha verdadeira lei de escurantismo e negación de dereitos.

Por iso, o Foro Galego de Inmigración, ao que nós pertencemos desde a súa fundación, anima ás persoas desexosas de loitar por un mundo mellor, por un mundo onde a persoa se eleve sobre o abafo do capital a que apoien coa súa presenza ás persoas inmigrantes.

Están previstas dúas grandes concentracións, unha na Praza do Toural en Compostela, ás 20h; outra, á mesma hora, pero na praza coruñesa de María Pita.

Esquerda Unida-IU presenta aos medios a petición e pregunta sobre o vertedoiro incontrolado de Ames ante o Parlamento Europeo

Hoxe, venres 7 de decembro de 2007, ante os medios de comunicación, tivo lugar na sede comarcal de Esquerda Unida-IU unha rolda de prensa na que o coordinador comarcal, Xabier Ron, e o coordinador local de Esquerda Unida-IU de Ames presentaron as iniciativas que se levaron ao Parlamento Europeo os días 28 e 29 de novembro.

O coordinador comarcal, Xabier Ron, realizou unha valoración moi positiva do traballo desenvolvido pola agrupacón comarcal de Esquerda Unida e en particular no bo traballo levado a cabo pola agrupación local que coordina Iago Patiño.

A preocupación polo noso contorno, pola preservación da nosa saúde medioambiental e persoal figura como impulso de todo o traballo que hoxe presentou Esquerda Unida antes os medios presentes. O vertedoiro incontrolado de Ames supón un grave risco para a saúde dos habitantes de Ames e veciños. Por iso, os pasados 28 e 29 de novembro, Esquerda Unida de Ames, da man de seu coordinador Iago Patiño, presentou unha petición “ao parlamento europeo co obxecto de chamar a súa atención sobre o impacto ecolóxico e medio ambiental a causa do incumprimento por parte do goberno autonómico e concello local en relación ao peche e selado dun vertedoiro incontrolado na comunidade autónoma de Galicia e para que requira información ao respecto e tome posición ante esta problemática”.

Esquerda Unida felicítase porque dita petición xa foi sometida a consideración da Comisión Europea mediante as preguntas que Willy Meyer, eurodeputado da GUE-NGL (Gauche Unitaire Européenne-Gauche Verte Nordique), presentou o día 3 de decembro ante a Comisión de Peticións.

Iago Patiño realizou unha cronoloxía dos feitos, feitos que subliñan a contradición inherente ao PSdG, xa que, cando estaba na oposición, chegou a formular unha iniciativa parlamentaria demandando o peche do vertedoiro incontrolado de Ames, mentres que desde que goberna a súa actitude foi de demora e de desleixe. Iago Patiño salientou que en ningún momento o grupo de goberno do concello de Ames, tanto cando era rexido polo bipartito PSdG-BNG, como agora que é rexido polo PSdG, tivo a ben responder ás numerosas iniciativas que a nosa organización política lle presentou.

A rolda de prensa finalizou co desexo de que a Comisión de Peticións se posicione e que, a raíz destra iniciativa, se poña fin a unha situación de vulneración da Directiva marco 75/442/CEE sobre tratamentos de residuos, vulneración que pon en perigo á saúde medioambiental e persoal da poboación de Ames.

Consello Comarcal de Esquerda Unida-IU, 7-12-2007.

Marcos Ana, o camarada represaliado, falará sobre a vida dos presos políticos

MARCOS ANA EN COMPOSTELA

MiniaturaO Martes 11 de decembro, ás 20h, no Centro Social Caixa Galicia de Compostela(Rúa do Vilar, 19) estará Marcos Ana, poeta e preso político durante 23 anos dende 1939 ata o 1961 debido, principalmente, á súa loita polas liberdades en tanto que membro do Partido Comunista (se ben, como era de agardar, esta circunstancia é silenciada de forma "memorable" no díptico que informa da charla.

Trátase dunha ocasión inmellorable para escoitar da súa voz toda a memoria verdadeira daqueles anos de pedra e escuridade franquista.

Das súas memorias, Decidme cómo es un árbol, rescatamos os dous seguintes fragmentos, un sobre o vivido, outro, versos que falan de liberdade.

"Me alojaron en otra sala y el espectáculo era como un atroz antecedente del que acababa de presenciar. La mayoría de los prisonieros estaban tumbados boca abajo, no podían apoyar sus espaldas contra el suelo, las tenían desgarradas a causa de las torturas y gemían de dolor al intentar moverse. Comprendí lo que me esperaba"

Autobiografía

Mi pecado es terrible:

Quise llenar de estrellas

el corazón del hombre.

Por eso, aquí, entre rejas,

en veintidós inviernos

perdí mis primaveras.

Preso desde mi infancia

y a mi muerte mi condena

mis ojos van secando

su luz contra las piedras.

Mas no hay sombra de arcángel

vengador en mis venas.

España es sólo el grito

de mi dolor que sueña...

Animamos a todas as persoas a que veñan coñecer de forma directa que significa a memoria histórica.

jueves, 6 de diciembre de 2007

CONVOCATORIA DE ROLDA DE PRENSA


MOTIVO:

AS INICIATIVAS QUE A DELEGACIÓN DE ESQUERDA UNIDA-IU PRESENTOU NO PARLAMENTO EUROPEO SOBRE O VERTEDOIRO INCONTROLADO DE AMES

INTERVEÑEN:

XABIER RON, COORDINADOR COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA-IU

IAGO PATIÑO, COORDINADOR LOCAL DE ESQUERDA UNIDA-IU DE AMES

DÍA:

VENRES 7 DE DECEMBRO DE 2007

HORA:

ÁS 11 HORAS

LUGAR:

SEDE COMARCAL, R/ DUBLÍN, 8 BAIXO DEREITA (SANTIAGO)


TELÉFONOS DE CONTACTO:

XABIER RON: 678 484 556

IAGO PATIÑO: 647 474 857

COMUNICADO DE PRENSA VALORANDO OS DATOS DE DESEMPREGO DO MES DE NOVEMBRO

O paro aumenta en todos os sectores produtivos de Compostela e en todos os grupos de idade e sexo

Esquerda Unida pregúntase que está facendo o goberno local para deseñar estratexias propias de creación de emprego. Que hai do Plan de Acción Local polo Emprego?

A desaceleración no sector construtivo xa afecta á poboación compostelá, producíndose un aumento de persoas desempregadas nun 9,4%. Por cuarto mes consecutivo medra o desemprego e afecta xa a 5640 persoas, cun aumento de 182 persoas con respecto a outubro, en termos relativos un 3,3 % máis.

Os datos son incuestionables:

- menores de 25 anos: en total 622 (+79 con respecto a outubro): homes 250 (+46), mulleres 372 (+ 33).

Repárese no incremento tanto en homes coma en mulleres, dándose un novo aumento por terceiro mes consecutivo neste segmento poboacional.

- No segmento de resto de idades o paro aumenta tanto en homes como en mulleres. Así, das 5018 persoas desempregadas, 1823 son homes e 3195 son mulleres. Neste segmento debido, sen dúbida, ao aumento do paro na construción, aumenta máis o paro nos homes, tal como sucedera no mes de outubro. Isto xa indica que estamos ante unha tendencia que, previsiblemente, aumentará. Así, das 103 persoas desempregadas neste segmento de idade, 80 son homes e 23 son mulleres.

- Se repasamos a tendencia dos últimos tres meses, vemos como se dá unha constante progresión indesexada: setembro: 5212 (+107); outubro: 5458 (+246); novembro: 5640 (+182), isto é, en tres meses, un incremento de 535 persoas. Lonxe está o obxectivo de baixar das 5000 persoas desempregadas con esta tendencia.

Insistimos en que a implicación do Concello é necesaria para animar os procesos cooperativos e na necesaria creación para Esquerda Unida da Axencia Municipal de Colocación con vistas ao desenvolvemento e á oferta pública de emprego no sector sociosanitario. Do mesmo xeito, reclamamos que se redefinan os obxectivos do Plan de Acción Local polo Emprego, xa que, segundo se ve, as metas deseñadas, un ano despois, non están dando ningún froito.

Consello Comarcal, 5 de decembro de 2007.