viernes, 29 de abril de 2011

Xuntanza coa directiva da AVV A Xunlla de Laraño

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNESE COA DIRECTIVA DA A.VV. A XUNLLA DE LARAÑO .

O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA APOIA AS REIVINDICACIÓNS DOS VECIÑOS EN DEFENSA DO RURAL .





Membros do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, encabezados polo coordinador comarcal e cabeza de lista, Xabier Ron, reuníronse o xoves 28 de abril coa directiva da asociación veciñal A Xunlla de Laraño, dentro do programa de visitas ó tecido do movemento asociativo e veciñal de Santiago, co fin de pulsar as distintas opinións sobre a situación do concello e sobre todo para coñecer de primeira man as eivas e tamén as posibles solucións sobre a zona rural de Laraño.

Durante a reunión os directivos e directivas da asociación manifestaron, en primeiro lugar, a súa preocupación polo abandono do rural que levan a cabo as Administracións Públicas, exixindo se garantan os dereitos que se deben cumplir en condicións de igualdade coa zona urbana.

Un dos aspectos máis comentado foi o da saturación de tráfico existente en moitas zonas de Laraño, debido a que é zona de escape circulatorio da rotonda da autovía, que fai necesario acondicionar a zona para que as persoas poidan transitar con plena seguridade e sen temor ao tráfico. Outra circunstancia posta de relevo foi a necesidade de dotar á zona de espazos de lecer para a xente, pois só existe un pequeno parque infantil, insuficiente para cubrir a demanda existente.

Outras peticións realizadas son as de instalar un paso de peóns con semáforo de pulsador na estrada xeral que divide Laraño en dúas partes, ou a de acometer a limpeza dos camiños do monte co fin de lograr roteiros que permitan o paseo lúdico ou deportivo. Tamén se realizaron observacións sobre a iluminación pública, o basureiro do Casal, ou a necesidade de acondicionar a ponte da Carmela.

Esquerda Unida Compostela agradeceu a xuntanza reiterando a necesidade de artellar un programa de actuacións que permitan revitalizar as zonas do rural do Concello e informou sobre as actuacións levadas a cabo no tocante á instalación da nova EDAR.


jueves, 28 de abril de 2011

Vídeo participación Xabier Ron na mesa de actualidade de Santiago Te Ve

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela deixámosvos este vídeo coa intervención de Xabier Ron na mesa de actualidade de Santiago Te Ve

miércoles, 27 de abril de 2011

Xuntanza coa Fundación Down Compostela

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNESE COA FUNDACIÓN DOWN COMPOSTELA

EU PRESENTOU A DOWN COMPOSTELA O SEU PLAN LOCAL PARA A INCLUSIÓN SOCIAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE.



Membros do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, encabezados polo coordinador comarcal e cabeza de lista, Xabier Ron, reuníronse o martes 26 de abril con representantes da Fundación Down Compostela, encabezados polo seu presidente, Juan Jesús Martínez López, dentro do programa de visitas ó tecido do movemento asociativo de Santiago, co fin de coñecer de primeira man as eivas e tamén as posibles solucións no tocante ás persoas con discapacidade intelectual.

Durante a reunión os representantes da Fundación expuxeron as súas propostas en varios aspectos esencias. A máis importante, a do acceso a un emprego, un dos pasos esenciais para transitar cara a autonomía. E dentro do emprego, a Fundación Down Compostela insistiu na importancia de poder acceder a un emprego público. De feito, manifestaron a necesidade de que se establezan desde a Administración Local, dentro da reserva de emprego público destinada a persoas con discapacidade, unha reserva propia destinada a persoas con discapacidade intelectual, que concorrerían mediante probas adaptadas.

Esquerda Unida Compostela aproveitou para presentarlle á Fundación o Plan Local para a Inclusión Social das Persoas con Discapacidade, onde xa se recollían medidas para o fomento e o acceso ao emprego, e comprometéuse a poñer de relevo esa demanda na redacción final do programa electoral.

Outros temas que se debateron foron o acceso a cursos de formación que teñan en conta ás persoas con discapacidade intelectual, a atención sociosanitaria na comarca, demandando a ampliación da unidade de Atención Temperá Hospital Clínico Universitario para que se atenda como é debido ás persoas con discapacidade intelectual, e falouse da necesidade de que se avance normativa que regule os Servizos de Promoción da Autonomía Persoal (SEPAP) e a carteira de servizos que permita a homologación dos SEPAP.

A Fundación solicita tamén unha revisión do convenio que o concello mantén coa Fundación, de 2.000 euros ó ano, a pesares de que atenden a máis de 100 familias e, finalmente, piden un tratamento respectuoso coa linguaxe que políticos e políticas e medios de comunicación deben ter á hora de falar das persoas con discapacidade intelectual.


martes, 26 de abril de 2011

Xuntanza coa directiva da A.VV. de Pontepedriña

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNESE COA DIRECTIVA DA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS E VECIÑAS DE PONTEPEDRIÑA .

O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA ESCOITOU AS DISTINTAS REINVINDICACIÓNS REALIZADAS POLA XUNTA DIRECTIVA.



Membros do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, encabezados polo coordinador comarcal e cabeza de lista, Xabier Ron, reuníronse o luns 25 de abril coa directiva da A.VV. de Pontepedriña, dentro do programa de visitas ó tecido do movemento veciñal de Compostela, co fin de pulsar as distintas opinións sobre a situación da cidade, e coñecer de primeira man as súas eivas e tamén as posibles solucións.

Durante a reunión os directivos e directivas da asociación expuxeron as distintas accións que consideran necesarias para mellorar o barrio, como é o acceso peonil, aberto 24 horas, dende Pontepedriña ó Horreo a través da estación do tren, co que se conseguiría unha mellor comunicación do barrio co ensanche. Tamén manifestaron a súas peticións de mellora da iluminación existente na zona vella do barrio, adecentamento e limpeza de soares, sinais de tráfico, beirarrúas e farolas.

EU Compostela únese ás reivindicacións sobre seguridade viaria dada a saturación de tráfico existente no barrio, sobre a necesidade de acometer as medidas pertinentes para solventar o problema que afecta aos edificios abandonados e, o antes posible, solucionar o problema de augas fecais que se verten ao río Sar, asi como acondicionar o parque infantil. Tamén se expuxo a necesidade de mellorar o transporte público, xa que hoxe, debido ás múltiples obras e á densidade do tráfico privado, e tamén a unha incorrecta planificación das frecuencias, é incapaz de cumprir con eficacia co seu obxectivo social e ecolóxico.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela queremos manifestar a nosa satisfacción ó comprobar os folgos e ilusión mostrada pola nova directiva da AVV que comezou a súa andaina neste xaneiro 2011 co fin de mellorar o barrio e traballar para toda a veciñanza.

lunes, 25 de abril de 2011

Moción sinalización e dimensións prazas aparcamento para persoas con discapacidade

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presenta unha nova moción, nesta ocasión pedindo a correcta sinalización e coas dimensións pertinentes das prazas de aparcamento para persoas con discapacidade na vía pública.

martes, 19 de abril de 2011

Xuntanza coa Asociación Plataforma polo Emprego


ESQUERDA UNIDA REÚNESE COA ASOCIACIÓN PLATAFORMA POLO EMPREGO

EU PRESENTOU O AMBICIOSO PLAN LOCAL PARA A INCLUSIÓN SOCIAL



Membros de Esquerda Unida, encabezados polo coordinador comarcal e cabeza de lista por Santiago, Xabier Ron, e o coordinador local e cabeza de lista por Ames, Daniel Pérez Amador, reuníronse o luns, 18 de abril, con representantes da Asociación Plataforma polo Emprego.

Os representantes da Plataforma expuxeron a súa proposta de inclusión de cláusulas sociais e da reserva de contratos na contratación das administración públicas, medidas que Esquerda Unida comparte totalmente e xa forman parte do seu programa electoral. Tamén manifestaron as melloras que consideran se deben levar a cabo na administración local, suxerindo a creación dunha axencia de colocación municipal que dende EU tamén se considera necesaria.

Pola súa parte os representantes de Esquerda Unida presentaron o ambicioso Plan Local para a Inclusión Social, e defenderon, unha vez máis, a necesidade de manter e mellorar o xa creado neste eido, ratificando a necesidade de avanzar na loita pola igualdade e xustiza social, criticando os recortes nos servizos públicos que se están a realizar nesta crise por parte de todas as administracións públicas.

domingo, 17 de abril de 2011

XESÚS REDONDO ABUÍN. Un preso político no Penal de El Puerto.


Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela queremos recordar que no ano da Memoria a Xunta de Andalucía organizou un acto de recoñecemento e gratitude ós presos do franquismo e ás súas familias. Tería lugar no propio recinto daquel que foi o temible e temido Penal de El Puerto de Santa María.

Os organizadores tiveron a ben invitar o noso camarada Xesús Redondo Abuín a participar no mesmo en calidade de expreso daquel presidio. Anunciáronlle que ía participar nun encontro cos medios de comunicación pola mañá e que interviría no acto pola tarde.

Como e habitual en Abuín Puxo negro sobre branco o que ía dicir e mandoullo. A resposta foi que mantiñan a invitación, pero que non interviría. Mantendo a coherencia que marcou, marca e marcará a súa vida, declinou asistir en calidade de mudo.

A grata sorpresa e que dous anos despois, atopou aquelas palabras súas colgadas en internet. Por iso poñemos a vosa disposición o enlace a esa páxina: http://www.gentedelpuerto.com/2011/03/29/968-jesus-redondo-abuin-un-preso-politico-en-el-penal-de-el-puerto/ tamén vos deixamos o enlace para descargar o pdf: https://docs.google.com/viewer?a=v&pid=explorer&chrome=true&srcid=0B2Qs0PGtB_k1ZjZlZjZhZDctMGY5My00ZTdlLTg3OTMtOGQ0MGQyNGM5Y2Y4&hl=en

sábado, 16 de abril de 2011

Solucionada absurda situación en Ramón Piñeiro

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela comprácese o comprobar que onte, 15 de abril, solucionouse a absurda situación, denunciada o martes, que se podía ver na rúa Ramón Piñeiro.

Como podedes ver nas fotografías, está totalmente visible o semáforo anteriormente tapado polo sinal que agora se atopa o seu carón.

viernes, 15 de abril de 2011

Xuntanza con COGAMI

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNESE COA CONFEDERACIÓN GALEGA DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE (COGAMI).

O PROGRAMA DE ESQUERDA UNIDA INCORPORARÁ UN AMBICIOSO PLAN LOCAL PARA A INCLUSIÓN SOCIAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE .

Membros do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, encabezados polo coordinador comarcal e cabeza de lista, Xabier Ron, reuníronse o xoves, 14 de abril, con Anxo Queiruga Vila, presidente de COGAMI, e con Ignacio Rodríguez Sáez, secretario xeral da organización, dentro do programa de visitas ó tecido do movemento asociativo de Santiago.

A xuntanza transcorreu nun clima de reciprocidade en canto á necesidade de avanzarmos na consecución de dereitos para as persoas con discapacidade. Esquerda Unida Compostela presentou o Plan Local para a Inclusión Social das Persoas con Discapacidade, que será incorporado ao documento programático para as Eleccións Municipais 2011. Dito plan aséntase na Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas Con Discapacidade aprobada polas Nacións Unidas no 2006, e ratificada por España no 2008, nas recomendacións programáticas de CERMI e nas indicacións do Plan de acción Integral para as persoas con discapacidade de Galicia (2010).

COGAMI manifestou a súa convicción de que as medidas propostas neses documentos son ambiciosas pero moi necesarias, recordando que todas estas propostas non son favores que se fan ás persoas con discapacidade, senón accións, que as administracións públicas deben realizar, como servizo público que son, encamiñadas a dar resposta a dereitos cidadáns.

Por último, dende COGAMI constataron a necesidade de controlar a ocupación das prazas para discapacitados ao aire libre, xa que se constatan irregularidades no seu uso e de aí a necesidade de revisar as tarxetas outorgadas até o de agora. Igualmente, solicitan que o Concello expida estas tarxetas por un prazo superior a un ano, en torno aos dez anos, que sexan persoais e intransferibles e que non se teña que especificar a matrícula, para poderen empregarse en toda Europa, medidas que EU Compostela comparte plenamente. Tamén se fixo fincapé na necesidade de adaptar as paradas do transporte público para facilitar o seu uso ás persoas con discapacidade, recordando, unha vez máis, a necesidade de elaborar unha ordenanza de accesibilidade.

miércoles, 13 de abril de 2011

Xuntanza EU Compostela coa Fundación Secretariado Gitano


ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNESE COA FUNDACIÓN SECRETARIADO GITANO (FSG) .

O PROGRAMA DE ESQUERDA UNIDA INTEGRARÁ AS PROPOSTAS REALIZADAS POLA FSG.




Membros do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, encabezados polo coordinador comarcal e cabeza de lista, Xabier Ron, reuníronse o martes 12 de abril co representante da FSG, Gorka de Luís, dentro do programa de visitas ó tecido do movemento asociativo de Santiago.

EU Compostela comprácese da mellora da situación da comunidade xitana en Compostela nestes catro anos exposta pola FSG. Existiu coincidencia entre as dúas organizacións en que é preciso que as distintas administración públicas persistan no traballo realizado, sendo importante dar o paso do conxuntural ao estrutural para que se avance e consolide a normalización do colectivo xitano no seo da sociedade. Fíxose fincapé tamén que é vital, en tempos de crise, non realizar recortes no eido da inclusión social.

Por último os representantes do Consello Comarcal de EU manifestaron a súa intención de incluír no programa de Esquerda Unida as propostas da FSG en materias como vivenda, educación ou emprego, e a importante labor que deben realizar os medios de comunicación para desfacer a carga negativa dos estereotipos que, a día de hoxe, aínda deterioran a imaxe social da comunicade xitana.






martes, 12 de abril de 2011

Comunicado absurda situación en Ramón Piñeiro


ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA PIDE QUE SE SOLUCIONE O PROBLEMA EXISTENTE NA RÚA RAMÓN PIÑEIRO CUN SEMÁFORO E UN SINAL DE TRÁFICO.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, tralas queixas recibidas, e comprobando que o semáforo existente na confluencia da rúa Ramón Piñeiro coa do Hórreo xa se encontra operativo, sinalizando con luz ámbar que se debe torcer a dereita, pide que se solucione o problema resultante de que este semáforo se encontre tapado, impedindo a súa visibilidade polos condutores, por un sinal de ceda o paso e de prohibido xirar a esquerda.

EU Compostela considera necesario que o concello leve a cabo as medidas necesarias para corrixir esta deficiencia, que se ben causa certa hilaridade non viandantes, non é admisible dado o custe que supuxo este semáforo, agora totalmente inútil o non ser visible.

Por todo isto demandamos o equipo de goberno que actúe con celeridade para evitar esta situación absurda.

viernes, 8 de abril de 2011

EU Compostela contra a guerra en Libia

Militantes e membros do Consello Comarcal de EU Compostela encabezados polo coordinador comarcal e cabeza de lista, Xabier Ron, acudiron onte a concentración convocado pola Coordinadora Galega pola Paz baixo o lema "POLA PAZ, NON Á GUERRA". A continuación deixámosvos o manifesto leído nesta concentración:
Pola paz, non á guerra

As persoas que hoxe respondemos á chamada da Coordinadora Galega pola Paz, o facemos para manifestar publicamente a nosa oposición á guerra, ás guerras como maneira de resolver os conflitos.


A guerra, o belicismo, a cultura da violencia, o terror, non significan a continuación da política por outros medios, como dicía Carl von Clausewitz, senón o fracaso da política, o fracaso da diplomacia, o fracaso da palabra, o fracaso da humanidade.

As guerras son sempre xustas para aqueles que as inician. Os agresores, sexan quen sexan, énchense de razóns para xustificar as súas accións militares. Todas as guerras buscaron sempre a compracencia da cidadanía, a súa parálise, a inacción, cando non a súa complicidade. Sen a complicidade ou a parálise da poboación, sen a silencio dos pobos, o delito de silencio, as guerras non son posibles.

En todas as guerras a primeira vítima é sempre a verdade. As mentiras están na orixe dos conflitos armados. E os bandos enfrontados menten, menten máis que falan, menten cando non din a verdade, ou cando a contan a medias. A propaganda e a manipulación anulan á información. E a mentira trunfa.

A intervención militar occidental en Libia está chea de cinismo, de hipocresía e de mentiras. Ninguén nega que a Resolución 1973 do Consello de Seguridade sexa legal. Ou que a decisión de apoiar a intervención do Parlamento Español non sexa maioritaria, coas honrosas excepcións do BNG e de IU. Son legais. Sen embargo, a súa lexitimidade, a súa xustiza, non están tan claras. Como tampouco o están os intereses secretos e non confesados dos intervintes.

Non podemos ser xuíces e parte nos conflitos armados. Non debemos esquecer que o Consello de Seguridade está formado polos estados que son os principais vendedores de armas do mundo. Tamén por aqueles que teñen enormes intereses económicos e xeoestratéxicos en Libia, particularmente Francia, Italia e o Reino Unido. Libia é, ademais, o segundo provedor de petróleo e gas do Estado Español. A participación española na guerra costa ás arcas do estado, a todas e a cada un de nós, 1 millón de euros ó día. Como podemos ver, neste caso, o déficit está ben xustificado, as guerras non contan, son un gran negocio, para algúns, para os mercadores da morte.

Os mesmos que, ata hai un mes, vendíanlle armamento convencional sen límites a Gadafi, os mesmos que o paseaban polas cancilerías e o presentaban como un actor principal no Mediterráneo, son agora os que aborrecen do ditador e o cualifican de asasino do seu propio pobo, merecedor polo tanto de detención e xuízo no Tribunal Penal Internacional, corte aínda non recoñecida, por certo, polos EE.UU.

Gadafi non é precisamente un modelo de gobernante democrático. Desde logo non o é máis que Mubarak en Exipto ou Ben Ali en Túnez. Como tampouco o son moitos gobernantes da rexión, algúns deles aliados da Coalición de Voluntarios. Como tampouco o é Mohamed VI de Marrocos, os príncipes dos estados do Golfo ou Arabia Saudita, por citar só a algúns.

¿Como non imos compartir o dereito a protexer á poboación civil?. Claro que si, mais en todo o mundo, non só en Libia e só dun bando. Para impoñer o dereito de protección non é necesario atacar militarmente a un estado soberano. Para impoñer a exclusión aérea non é necesario converterse no brazo armado dunha das partes no conflito, armala e asesorala, calada ou abertamente.

En Barheim, onde por certo existe unha base USA, tropas de Arabia Saudita interviron militarmente con extrema dureza non para protexer á poboación civil, senón para asegurar ó réxime monárquico que actuaba contra do seu propio pobo. Curiosa forma de impoñer o dereito de protección precisamente contra da poboación civil. En Gaza, por exemplo, os bombardeos do goberno sionista de Israel, contra da poboación civil son constantes e reiterados, vulnerando tódalas resolucións de Nacións Unidas, diante da total pasividade da comunidade internacional. ¡Canto cinismo, canta hipocresía!.

Non, así non se protexe. Non, así non se resolven os conflitos. Non, así non garantimos a paz e a seguridade.

Son moitas as mentiras. Son moitas as medias verdades no caso da guerra en Libia. ¿Quen pode crer o repentino entusiasmo de Sarkosy, Cameron ou Berlusconi polos dereitos humanos, a poboación civil libia ou a axuda humanitaria?. O cheiro a petróleo é abafante…

Todos sabemos que non se esgotaron as medidas de presión económica e diplomática previas. Tampouco se buscou o dereito de protección sobre a base da interposición de forzas da ONU para procurar un alto o fogo real e multilateral. Nin se propiciaron acordos políticos sobre a base da democracia representativa. O penoso papel do Secretario Xeral da ONU, Ban Ki-Moon, neste conflito, evidencia o seu sometemento absoluto ós poderosos e á industria do petróleo e do armamento.

Rematar canto antes os ataques aéreos, interpoñer de inmediato forzas de vixianza de paz das Nacións Unidas, retomar o papel da diplomacia, garantir un tránsito pacífico sobre a base do diálogo entre as partes, deberan ser os obxectivos da comunidade internacional.

Non podemos seguir lexitimando a guerra e a violencia. Nin tampouco a partición do Estado Libio, nin a apropiación das súas riquezas petrolíferas e gasísticas por parte de Occidente, nin a tutelaxe política da súa cidadanía.

As persoas que hoxe estamos aquí, convocadas pola Coordinadora Galega pola Paz, reiteramos que a democracia non se impón con bombas e misís, que as matanzas non se evitan provocando novas masacres. Que o dereito de protección non pode materializarse sobre a base da xeralización da guerra e da violencia.

Sobran as razóns. Estamos cargados de argumentos para seguir a berrar, unha e outra vez:

pola paz, non á guerra.


jueves, 7 de abril de 2011

Videos intervención Xabier Ron en Faladoiro

Dende Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela deixámosvos os enlaces os vídeos onde podedes varias intervencións de Xabier Ron no programa Faladoiro.






miércoles, 6 de abril de 2011

Comunicado xestión dos comedores escolares

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA DEFENDE QUE OS SERVIZOS COMPLEMENTARIOS NOS CENTROS DE ENSINO DEBEN ESTAR XESTIONADOS POLAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS .


O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPRENDE A DECISIÓN TOMADA POLA DIRECTIVA DA ANPA DO PIO XII .

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela entende o concello como o servizo público máis próximo a cidadanía, e como tal ten que levar a cabo as medidas necesarias para contribuír ao benestar dos veciños e veciñas. Para poder cumprir coa súa obrigación o equipo de goberno debe traballar para coñecer as eivas existentes na cidade, buscando as mellores solucións posibles.


A dimisión en bloque da ANPA do Pío XII responde a unha destas eivas. A xestión do comedor non pode repousar nas ANPAS. Teñen que ser as administracións públicas (Concello e Xunta de Galicia) as que se ocupen da súa xestión. Os comedores escolares realizan unha importante función social e a súa provisión non pode ser desigual en base a criterios economicistas ou en base á ratio de alumnos e alumnas do centro educativo. A provisión do servizo por parte da administración pública permitiría igualar o acceso ao mesmo.


Precisamente, a necesidade de que sexa a administración pública a que leve a cabo a xestión dos comedores escolares foi un dos aspectos no que concordamos, logo da xuntanza mantida o 4 de abril de 2011, Esquerda Unida Compostela e o sindicato STEG. Por iso, non nos sorprende a decisión tomada pola directiva da ANPA do Pío XII, a cal entendemos perfectamente.

martes, 5 de abril de 2011

Xuntanza con STEG

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNESE CO SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA (STEG).

O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA VALORA POSITIVAMENTE AS PROPOSTAS DO SINDICATO E MANTENSE FIRME NA SÚA DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO .


Membros do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, encabezados polo coordinador comarcal e cabeza de lista Xabier Ron, reuníronse o luns, 4 de abril, con representantes do sindicato STEG, Alfredo Iglesias Diéguez e Rosa Suárez Veiga, dentro do programa de visitas ao tecido do movemento sindical de Compostela.

Durante a xuntanza os representantes de STEG expuxeron os problemas que soportan algúns centros educativos, como o CEIP de Vite ou o CEIP Santiago Apóstolo. Tamén criticouse o proceso de zonificación, que en base aos criterios actuais beneficia aos centros concertados en detrimento dos públicos.

O principal punto de acordo entre EU Compostela e STEG comprobouse en temas como a mellora dos servizos complementarios, coma o de comedor, que, en vez de repousar nos esforzos das ANPAS, debido á súa función social, debe ser un compromiso das Administracións Públicas (Xunta-Concello). Igualmente, houbo coincidencia en defender o emprego público en todos os eidos do ensino, xa que hoxe as funcións de bedel, de apertura de pavillóns, ou mesmo de limpeza, están externalizadas e son realizadas por unha mesma empresa.

Tanto Esquerda Unida como STEG manifestaron o seu convencemento en que a participación cidadá nos centros de ensinanza é necesaria, non só a de nais e pais, senón tamén das distintas asociacións veciñais, culturais, de persoas migrantes… do barrio, polo que o cabeza de lista de EU Compostela, Xabier Ron, comprometeuse a loitar por un Consello Municipal máis participativo e valorou moi positivamente as propostas de STEG sobre a escola de nais e pais, a necesidade de traballadores sociais nos centros de ensino e o uso das instalacións en períodos vacacionais.

lunes, 4 de abril de 2011

Comunicado arranxo rúa Virxe Branca

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA PIDE QUE AS OBRAS QUE SE ESTÁN A REALIZAR NO CASTIÑEIRIÑO NON PREXUDIQUEN OS VECIÑOS E VECIÑAS.


O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA APOIA A REINVIDACIÓN DE ARRANXO DA RÚA DA VIRXE BRANCA .

Esquerda Unida Compostela entende que calquera obra que se realice sempre provocará certas molestias inevitables, pero o que nunca poderá facer unha administración pública, neste caso o concello rexido polo PSdG e o BNG, e aproveitar esta circunstancia para abandonar as súas funcións de velar polo benestar da cidadanía.

É máis que habitual o malestar dos veciños e veciñas do barrio do Castiñeiriño por certas deficiencias que non se arranxa pese a insistencia das reclamacións. Xa o pasado 8 de novembro na xuntanza que o Consello Comarcal de EU Compostela mantivo coa asociación de veciños manifestaron a súa preocupación porque o desenvolvemento urbanístico que está a sufrir o barrio non veña acompañado polo servizos públicos necesarios, como pode ser a apertura dun centro de día ou unha gardería que fagan fronte a demanda existente no barrio, e que se verá aumentada polos novos habitantes que fixarán a súa residencia neste barrio.

A estas demandas se lle uniron nos últimos meses as peticións, que EU Compostela apoiou mediante un comunicado e unha moción respectivamente, dunha mellor regulación do tempo de espera do semáforo que é necesario para chegar o CSC e a instalación dunha beirarrúa na Divina Pastora.

Nesta ocasión son as obras dos novos edificios que se están a levar a cabo no barrio as que provocan unha nova e xusta reivindicación dos veciños e veciñas. Sen entrar a valorar a nefasta política de vivenda do actual equipo de goberno, Esquerda Unida Compostela ve primordial que unha vez aprobadas unhas obras da magnitude das que se realizan neste barrio, o concello debe velar porque causen o menor malestar posible, pero unha vez máis, a lóxica non se mostra nas actuacións do PSdG e o BNG.

Clara mostra é a rúa Virxe Branca, que pese as denuncias realizadas polos veciños e veciñas e as promesas de arranxo feitas, presenta un lamentable aspecto que non se pode tolerar até o fin das obras posto que a mínima decencia que se lle debe exixir ás actuacións do equipo de goberno obriga a unha solución o antes posible.