viernes, 15 de abril de 2011

Xuntanza con COGAMI

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNESE COA CONFEDERACIÓN GALEGA DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE (COGAMI).

O PROGRAMA DE ESQUERDA UNIDA INCORPORARÁ UN AMBICIOSO PLAN LOCAL PARA A INCLUSIÓN SOCIAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE .

Membros do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, encabezados polo coordinador comarcal e cabeza de lista, Xabier Ron, reuníronse o xoves, 14 de abril, con Anxo Queiruga Vila, presidente de COGAMI, e con Ignacio Rodríguez Sáez, secretario xeral da organización, dentro do programa de visitas ó tecido do movemento asociativo de Santiago.

A xuntanza transcorreu nun clima de reciprocidade en canto á necesidade de avanzarmos na consecución de dereitos para as persoas con discapacidade. Esquerda Unida Compostela presentou o Plan Local para a Inclusión Social das Persoas con Discapacidade, que será incorporado ao documento programático para as Eleccións Municipais 2011. Dito plan aséntase na Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas Con Discapacidade aprobada polas Nacións Unidas no 2006, e ratificada por España no 2008, nas recomendacións programáticas de CERMI e nas indicacións do Plan de acción Integral para as persoas con discapacidade de Galicia (2010).

COGAMI manifestou a súa convicción de que as medidas propostas neses documentos son ambiciosas pero moi necesarias, recordando que todas estas propostas non son favores que se fan ás persoas con discapacidade, senón accións, que as administracións públicas deben realizar, como servizo público que son, encamiñadas a dar resposta a dereitos cidadáns.

Por último, dende COGAMI constataron a necesidade de controlar a ocupación das prazas para discapacitados ao aire libre, xa que se constatan irregularidades no seu uso e de aí a necesidade de revisar as tarxetas outorgadas até o de agora. Igualmente, solicitan que o Concello expida estas tarxetas por un prazo superior a un ano, en torno aos dez anos, que sexan persoais e intransferibles e que non se teña que especificar a matrícula, para poderen empregarse en toda Europa, medidas que EU Compostela comparte plenamente. Tamén se fixo fincapé na necesidade de adaptar as paradas do transporte público para facilitar o seu uso ás persoas con discapacidade, recordando, unha vez máis, a necesidade de elaborar unha ordenanza de accesibilidade.

No hay comentarios: