martes, 21 de junio de 2011

Xestión comedores escolares

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA RATIFÍCASE NA SÚA DEFENSA DE QUE OS SERVIZOS COMPLEMENTARIOS NOS CENTROS DE ENSINO DEBEN ESTAR XESTIONADOS POLAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS.

O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPARTE AS REIVINDICACIÓNS SOBRE OS COMEDORES ESCOLARES DAS ANPAS DOS CENTROS PÚBLICOS DE SANTIAGO.

Esquerda Unida, como demostrou no ambicioso programa electoral presentado nas pasadas eleccións municipais, defende que o concello debe contribuír ó benestar da cidadanía prestando ou velando porque se presten os servizos, de titularidade e xestión pública, que os veciños e veciñas demandan.

Como xa expresara con anterioridade, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela ratificase en que a xestión dos comedores escolares non pode repousar nas ANPAS, sendo as administracións públicas pertinentes as que se deben ocupar de prestar este necesario servizo, que cumpre unha importante función social e a súa provisión non pode ser desigual en base a criterios economicistas ou en base á ratio de alumnos e alumnas do centro educativo.

Por todo isto EU Compostela comparte as reivindicacións da Federación de Asociacións de nais e pais de centros públicos de Santiago e esixe ó próximo equipo de goberno da cidade, probablemente do mesmo partido que rexe na Xunta de Galicia, que leve a cabo as medidas necesarias para atallar este problema, evitando que se volvan dar situacións como a dimisión da ANPA de Pío XII, acontecida no mes de abril.

jueves, 16 de junio de 2011

Transporte público VS novas infraestruturas

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA DEMANDA UN PLAN GLOBAL DE MOBILIDADE SUSTENTABLE ECONÓMICA E MEDIOAMBIENTALMENTE .

O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA RATIFÍCASE EN QUE NOVAS INFRAESTRUTURAS NON SOLUCIONAN O PROBLEMA DO TRÁFICO NA CIDADE .

Esquerda Unida Compostela levou como unha da propostas máis importantes no seu programa electoral, a elaboración, coa necesaria participación cidadá, dun Plan Global de Mobilidade Sustentable económica e medioambientalmente.

Proposta que o anterior equipo de goberno non escoitou, manténdose firme na súa postura de levar a cabo custosas infraestruturas ás que se viron abocados para evitar o colapso da cidade, pero que son ineficaces porque simplemente trasladan o problema a outro punto da cidade e sirve como efecto chamada aumentando o tráfico rodado en vehículos privados, co conseguinte problema ecolóxico e enerxético que isto supón.

Mais, por desgraza, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela comproba que o previsible partido que se encargue de rexer o concello nos vindeiros catro anos, comparte plenamente esta nefasta e insustentable política de infraestruturas e non a necesaria e xusta política de servizos acorde as necesidades da cidadanía. Pois vanaglórianse de acadar o beneplácito do senado para unha nova obra que persiste na perpetuación do sistema económico baseado no ladrillo, asfalto neste caso, e que non atallará a problemática que supón o tráfico nesta cidade.

Por suposto tal e como di a senadora do PP, María Jesús Sáinz «De poco ha servido la obra del túnel que se acaba de poner en funcionamiento si no se resuelve el colapso que se ha trasladado a la glorieta de Conxo», aspecto que acredita a necesidade, unha e outra vez demandada por EU Compostela, de abrir un debate cos distintos colectivos da cidade, asociación veciñais, grupos ecoloxistas e demais, para artellar as medidas necesarias para conseguir unha cidade máis cohesionada socialmente grazas o transporte público.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela demanda que o futuro equipo de goberno atenda as necesidades da cidadanía e traballe, contando co apoio de EU, por ese Plan Global de Mobilidade Sustentable, que abranga dende o tren de proximidade ata un plan director da bici, sempre desde unha premisa de servizo público.

miércoles, 15 de junio de 2011

Uso público do antigo Hospital Xeral


O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA PROPÓN QUE O ANTIGO EDIFICIO DO HOSPITAL XERAL TEÑA UN USO PÚBLICO.

EU COMPOSTELA CRITICA A DESIDIA MOSTRADA POLAS DISTINTAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera necesario aproveitar as instalacións do antigo Hospital Xeral para prestar os servizos, de titularidade e xestión pública, que a cidadanía demanda.

En primeiro lugar EU Compostela quere manifestar a súa preocupación pola inaceptable desidia mostrada polas distintas administracións públicas, que deixaron esmorecer un edificio provocando, ademais da mala imaxe de abandono e deterioro, tanto o malestar da cidadanía que ve como se desaproveitou, por completo, calquera posibilidade de utilizar estas instalación en beneficio da sociedade como a súa indignación ó comprobar que o concello permite a ruína de edificios públicos sen levar a cabo as xestións que si realiza con outros edificios, obrigando ós propietario a rehabilitalos.

O Consello Comarcal de EU Compostela sempre apoiou o uso público destas instalacións, como por exemplo a súa conversión nunha residencia para persoa maiores, cubrindo unha necesidade cada vez maior tanto neste concello como nos concello limítrofes.

Tamén, dada a ubicación próxima a ambos campus universitarios, unha proposta que EU valora positivamente é a súa adecuación como residencia universitaria, dado que sería un proxecto que beneficiaria a familias de toda Galicia, que para facilitar os estudos universitarios dos seus fillos e fillas vense abocadas o gravoso gasto que supón o aluguer nesta cidade

Por suposto a opción que atopara a oposición frontal de Esquerda Unida sería, utilizando como escusa o estado case ruinoso deste edificio, a de optar pola venta desta parcela coa única premisa de perpetuar a especulación urbanística causante desta crise económica.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esixirá ó futuro equipo de goberno que realice as xestións pertinentes para velar polos intereses da cidadanía, e non do capital especulador, promovendo, coa debida participación cidadá, algunha utilidade pública para estas instalacións.

lunes, 13 de junio de 2011

Conde Roa e as súas "propostas"

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA CONSIDERA QUE AS ACUSACIÓNS DE CONDE ROA SOBRE A DÉBEDA DO CONCELLO SON A XUSTIFICACIÓN QUE NECESITA O PP PARA LEVAR A CABO A SÚA POLÍTICA DE RECORTES.

EU COMPOSTELA CRITICA A FALTA DE ÉTICA DE CONDE ROA AO VERTER ACUSACIÓNS SOBRE A DESTRUCIÓN DE FACTURAS BASEÁNDOSE EN “RUMORES” .


O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela tiña a intención de respectar os protocolarios cen días de xestión do equipo de goberno, que, logo da decisión xudicial, sexa o encargado de gobernar en Raxoi, para comezar o cometido, avalado por máis de 1900 persoas, de fiscalizar dita xestión e propoñer medidas para mellorar a calidade de vida das persoas que fan vida no noso concello desde parámetros de esquerdas.

Mais, o que probablemente será futuro alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, non necesitou dese prazo para ratificar as nosas sospeitas sobre o que lle agarda ao noso concello en materia de servizos. En efecto, emulando o comportamento de Feijóo unha vez chegado ao goberno da Xunta de Galicia, unha das primeiras “propostas” de Conde Roa é a acusación, sen máis proba que a súa palabra baseada en “rumores”, sobre débedas e buratos económicos no Concello de Compostela. Argumentos que quere inocular o PP de Conde Roa no imaxinario da sociedade compostelá para, aproveitando dita circunstancia, aplicar a austeridade neoliberal e realizar unha política de recortes e marcadamente antisocial e clientelar.

Desde EU Compostela consideramos que a decencia, que a un cargo público se lle esixe, non permite utilizar “rumores” sobre “trasgos que destrúen papeis” para criticar o aínda actual equipo de goberno en funcións, pois estas verbas non fan máis que demostrar a escasa valía do proxecto do señor Conde Roa para Santiago, chea de confrontación gratuita e demagoxia.

Por todo isto Esquerda Unida Compostela quere ratificar o seu compromiso de realizar nos vindeiros catro anos un traballo serio e honesto, desde as rúas, reuníndose cos veciños e veciñas, elevando ao Pleno do concello propostas e non ocorrencias, defendendo dende o respecto o seu ideario de Esquerda Alternativa e Transformadora.

jueves, 9 de junio de 2011

Asemblea comarcal de Esquerda Unida

EU levará a cabo o venres 10 unha nova asemblea comarcal coa seguinte orde do día:

1. Valoración do resultado electoral.
2. Informe do Coordinador Comarcal e tamén do Consello Político Nacional (CPN).
3. Traballo a realizar nestos vindeiros meses.
4. Varios.