martes, 29 de enero de 2008

Xuntanza coa Asociación Veciñal O Seidón

O venres, ás 17h30, Iago Patiño, coordinador local de Esquerda Unida de Ames, e Xabier Ron, coordinador comarcal, mantiveron unha xuntanza con varios representantes da asociación veciñal o Seidón, a petición deste colectivo, dentro da rolda de encontros que están mantendo cos representantes políticos das diferentes organizacións.

O encontro serviu para que Esquerda Unida lles presentase á Asociación as últimas accións realizadas polo noso eurodeputado Willy Meyer ante a Comisión Europea no tocante ao vertedoiro incontrolado da Ameixenda, da inseguridade viaria na N 550 ao seu paso por Milladoiro e a indiferenza das autoridades perante a demanda social de que se constrúa un instituto en Milladoiro para formar tecido comunitario e non desarraigar aos adolescentes.

Varios foron os acordos:

1) Procurar a través do noso avogado a información sobre a parcela onde se debería situar o IES;

2) A única solución que vemos ao problema de inseguridade e tráfico na N 550 é combinar, por unha banda todo un paquete de medidas de seguridade e disuasorias en canto á velocidade coa que se cruza a localidade de Milladoiro; pola outra, non vemos terreo suficiente para a construción dunha variante, e antes de crear unha infraestrutura máis coidamos máis importante habilitar un terceiro carril na AP-9 libre de peaxe.

Esquerda Unida comprometéuse a apoiar as reivindicacións dos veciños e veciñas da Asociación O Seidón.

29-xaneiro-2008

Concentración no Toural, xoves 31 de xaneiro, ás 20h30

POLO FIN DA OCUPACIÓN SIONISTA DE PALESTINA
CONTRA A MASACRE DE GAZA


Concentración
Na Praza do Toural de Santiago de Compostela
Xoves, 31 de xaneiro, ás 20’30 horas
¡Para acabar co gueto de Gaza!


jueves, 10 de enero de 2008

Antenas de telefonía móbil

A nosa organización política é, desde hai anos, a única que berra no deserto, a carón dos veciños e veciñas, para que se poña orde na desenfreada paxión de privatizar o aire do noso concello. De novo teñen que ser os veciños e veciñas os que alerten e amosen a súa indignación perante a inacción do Concello. No barrio da Guadalupe. Como antes en Lamas de Abade, en San Lázaro, en Concheiros, en Salgueiriños ou na Almáciga por citar lugares que saíron nos medios de comunicación censurando a actuación das operadoras e o desleixe dos nosos dirixentes.

Imos relembrar algunha das nosas máis recentes actuacións ao respecto, reproducindo os comunicados presentados á cidadanía e aos medios. Ademais, de forma sinóptica pero orientativa pódese consultar (neste mesmo blog) o programa electoral presentado nas pasadas eleccións onde constan as medidas que contemplabamos ao respecto. En tempos escriptocéntricos coma os do século XXI, non hai máis memoria que a que se mantén nas follas a través da textualidade.

Por suposto, Esquerda Unida seguirá batallando até acadar a razón: o dereito á nosa saúde e a un contorno libre de riscos.

(Doc. 1.) Esquerda Unida-IU de Santiago reclama que o goberno local non se inhiba e recurra a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (10 xaneiro 2007)

O auto xudicial do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de suspender cautelarmente o punto 2.2. da normativa “reguladora das condicións urbanísticas para a instalación e funcionamento de elementos e equipos utilizados na prestación de servicios de radiocomunicación do Concello de Santiago de Compostela” debe ser recurrida polo goberno local. Desde Esquerda Unida-IU entendemos que a decisión do Tribunal Superior ignora a marxe de prevención que se introduciu en 1993 no Tratado de Maastrich como principio. A Unión Europea recomenda aos países membros que adopten políticas de precaución.

A normativa municipal marca que entre as “escolas infantís, centros educativos, hospitais, centros de saúde, residencias xeriátricas ou parques urbanos públicos” e a instalación de antenas de radiocomunicación debe mediar unha “distancia non inferior a 100 metros”.

Desde Esquerda Unida-IU xa presentamos no seu momento unha moción para reealborar a ordenanza reguladora solicitando a ampliación a 1000 metros. Os 100 metros da normativa non son en si unha distancia excesivamente preventiva, dándose o caso de cidades europeas e españolas que xa sitúan o límite nos 200 ou incluso 500 metros de lugares habitados.

Pero unha vez aprobada a normativa e ignorada a nosa recomendación, non podemos transixir coa renuncia ao límite de 100 metros. Non podemos renunciar a unha mínima e escasa marxe de prevención. Agora, intereses de dubidosa moralidade poden indicir na afirmación (científica?) de que as ondas electromagnéticas non teñen ningunha indicencia no ser humano. Quen lles pode certificar ás catro persoas que se viron afectadas de cancro nun edificio de Canido en Ferrol que a antena de telefonía móbil que teñen no teito do seu edificio non tivo nada que ver coa súa grave enfermidade? De ter que ver, farase cargo a compañía telefónica dos gastos médicos? A ciencia aínda non pode pronunciarse de forma fiable porque as bases son inestables, pero xa dan os primeiros resultados como reflicte a Comisión Internacional para a Seguridade Electromagnética (ICEMS). Con motivo da reunións que mantivo a comisión en Benevento entre os días 22 e 24 de febreiro de 2006, os científicos refrendaron a resolución de Catania de 2002, que aconsella manter o “principio de precaución”, xa que existen “evidencias epidemiolóxicas e experimentais in vivo como in vitro” que reflicten que mesmo a exposición de campos de frecuencias extremadamente baixas pode aumentar o risco de cancro infantil e inducir problemas de saúde en persoas adultas (risco tumores cerebrais ante uso prolongado teléfonos móbiles) e, por suposto, nos nenos e nenas.

Cando transcorran algunhas xeracións, saberemos con certeza o verdadeiro alcance da exposición ás ondas electromagnéticas. Para que na nosa conciencia non existan remordementos por non ter actuado de forma cabal, Esquerda Unida-Iu reclama e esixe ao equipo de goberno local a que recurra a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A nosa saúde ben merece o esforzo.

(Doc. 2) Esquerda Unida-IU saúda a decisión dos veciños e veciñas do polígono de Salgueiriños de non permitir a instalación de antenas de telefonía móbil e criticamos a indiferenza da corporación local (4 de marzo de 2007)

Unha vez máis, a cidadanía compostelá amosa ter máis cordura e empaque que a corporación municipal ao rexeitaren os veciños e veciñas dun dos bloques do polígono de Salgueiriños a instalación de antenas de telefonía móbil.

Argumento importante utilizado: a veciñanza de centros de ensino, espazos de alta sensibilidade ante a exposición de ondas electromagnéticas. En semanas anteriores, Esquerda Unida-IU esixía ao Concello que recurrise a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de suspender cautelarmente o punto 2.2. da normativa municipal, o principio que regulaba a distancia mínima ante espazos sensibles (principio de prevención).

Ignoramos se recurriron ou non, xa que os políticos que nos gobernan hoxe están moi pouco habituados a dialogar: no entanto, os veciños e veciñas do barrio da Almáciga durmirían máis tranquilos, xa que sobre as súas cabezas se instalaron varias antenas de telefonía móbil de forma ilegal e se ben deberían ser desmanteladas, o certo é que os veciños e veciñas afectadas contan como se poden escoitar as alarmas das mesmas perante a simple proximidade dun gato…isto é seguen operativas.

Esquerda Unida-IU, sabedora de que non se debe anular o principio de prevención, encabezada polo candidato á Alcaldía, Xabier Ron, repartiu unha serie de dípticos e entregou á Asociación Veciñal do barrio da Almáciga informes científicos (Declaración de Benevento do 2006 de expertos en ondas electromagnéticas) e normativos (Proposición de Lei francesa do 2005 que establece distancias mínimas en base ao principio de prevención) sobre a nocividade ante a exposición ás ondas electromagnéticas.

Mágoa que neste Concello non gobernen persoas como as do Concello de Huelva, que perante unha sentenza semellante do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía decidiron recurrir a sentenza e pelexar para tratar de controlar a actividade voraz das operadoras de telefonía móbil.

A saúde das persoas, o dereito a unha vida sá, o dereito a vivir sen medos, deberían guiar os pasos da corporación municipal e non a posible “ofensa” que se lle puidese facer a unhas empresas que, por riba, utilizan espazo público para o seu lucro.

Desde Esquerda Unida-IU reiteramos que seremos belixerantes no tocante á instalación de antenas de telefonía móbil que vulneren o principio de prevención, tal como establece a propia Unión Europea.



viernes, 4 de enero de 2008

U-los horarios do transporte metropolitano?

Hai un ano, Esquerda Unida remitiu aos medios de comunicación diversos comunicados sobre o incumprimento reiterado do contrato das empresas que realizan o transporte metropolitano, en materia de horarios, de renovación dos autobuses para seren realmente transporte adaptado para todas as persoas e en materia de mobiliario para agardar os autobuses sen expoñerse a unha rotunda molladura, dispoñer de papeleiras para que o chan non sexa o depósito de papeis, botellas de plástico, etc.

Hoxe, un ano despois: ano novo, vellas prácticas. Nada cambiou. Nas marquesiñas unicamente reparamos nunha banda laranxa desgastada que publicita un transporte metropolitano do que ignoramos aínda frecuencias, liñas e horas de paso. Isto é, ofréce un servizo público deficiente e insuficiente.

Nesta reiterada e deliberada violación do dereito á información que ten a cidadanía, non pode valer de escusas absolutamente nada. E todos son culpables: alcaldes que decidiron acollerse a este sistema sen preocuparse -a non ser en época electoral para quedar ben na foto- e Xunta de Galicia.

Os bares estanse convertendo en improvisadas delegacións dun servizo inexistente. Pero é que hai paradas que non dispoñen nen sequera deste improvisado servizo.

De forma curiosa, os domingos, cando o ocio é máis doado de converterse en negocio, e cando as perosas dispoñen de máis tempo libre, é cando menos autobuses hai e, xa que logo, cando máis se pon a proba a paciencia das persoas.

O acceso ao ocio para persoas que viven en núcleos afastados da atractividade urbana debería ser contemplado como unha preocupación para os nosos dirixentes e pensar non en diminuir, senón cando menos en manter a mesma frecuencia que durante a semana.

Ou, é que o cambio climático só hai que combatilo durante a semana laboral?
Acaso non hai que desmotivar o uso do coche para acceder ao ocio tamén os domingos?

Os nosos dirixentes deberían pensar máis nos dereitos que temos, sobre todo cando, a inicios deste mes de xaneiro sentimos como o noso peto tremía perante o aumento de todos os indicadores de prezos básicos. A cambio, ofrécennos servizos deficitarios...

Sinaturas en contra do peche da Oficina Municipal de Atención á Poboación Inmigrante e Emigrante Retornada

Este próximo luns, ás 10h, terá lugar un acto de entrega
de sinaturas para amosara nosa disconformidade co peche
da Oficina Municipal de Atención á PoboaciónInmigrante
e Emigrante Retornada.

O Concello de Santiago semella embarcado nunha campaña
de "modernización" (sic) que leva á privatización,
á externalización e ao deterioro dos servizos sociais.

Cando se dean conta da irreversibilidade, da inutilidade,
da malsana deformación social que provocan as súas tácticas
neoliberais....en que se escusarán?


Reproducimos de seguido o comunicado de prensa do Foro,
do que forma parte Esquerda Unida.

*******

O Foro de Inmigración composto polas asociacións e entidades
que figuran abaixo na zona de Santiago e Comarca, convoca unha
rolda de prensa informativa o luns día 7 de Xaneiro ás 10:00 h
diante da Oficina do Rexistro Xeral do Concello de Santiago
(Rúa Salvador Allende), previa á presentación nesa oficina de
máis de 200 sinaturas individuais que completan a solicitude
das asociacións e entidades do Foro para que non peche
(polo tanto para esixir a súa inmediata reapertura)
a Oficina Municipal de Atención á Poboación Inmigrante e
Emigrante Retornada .
No nome deste Foro, que agrupa a asociacións de inmigrantes
e emigrantes retornados e asociacións e entidades que prestan
servizos á poboación inmigrante e emigrante retornada da cidade
e de moitos outros e outras veciños e veciñas da cidade que se
solidarizaron con esta causa, solicitamos a través das sinaturas e
do propio acto público de presentación das mesmas que se manteña e
mellore un servizo público municipal que custou moito conseguir a
súa posta en marcha e que as funcións que realiza na actualidade
(por exemplo, os informes de arraigo social) son imprescindibles
para os cidadáns estranxeiros ou emigrantes retornados da cidade
e para moitas outras persoas interesad@s en contratar traballadores
ou traballadoras inmigrantes ou en realizar outros tipos de
consultas, xestións, etc. Por outra banda, as asociacións e
entidades deste Foro entendemos que as traballadoras que viñan
desenvolvendo o seu desempeño profesional nesta Oficina
realizaban un excelente traballo e que deben continuar,
preferiblemente en condicións laborais menos precarias,
no seu labor profesional.
Compre tamén, ao contrario do que vimos denunciar no acto público
que presentamos, mellorar os recursos humanos e materiais
da devandita Oficina, polo aumento continuado da poboación á
que debe dar servizos a mesma. O retraso na renovación do
convenio coa Secretaria Xeral de Emigración non
debe servir de desculpa para xustificar o non mantemento de
forma continuada, como un servizo público municipal importante,
desta Oficina e das súas traballadoras.