martes, 15 de mayo de 2007

Programa: Por un Concello diferente

1. Cara un modelo de política e de cidade diferentes

Os homes e mulleres de Esquerda Unida-IU defendemos e cremos nun modelo de cidade alternativo, que fai da sustentabilidade social e medioambiental un dos seus sinais de identidade, que se enfronta á especulación e que defende servizos públicos de calidade como garantía de igualdade de oportunidades para todos os veciños e veciñas do noso municipio.

O Concello de Santiago medrou de forma espectacular en vivendas, pero non en habitantes. Un mal que afecta a toda Galicia. Un mal que pode provocar auténticos desaxustes non só medioambientais, senón sociais e laborais. Os datos a nivel de Galicia son alarmantes: entre 2000 e 2007 o censo de vivendas novas foi de 216.777. Nese mesmo espazo de tempo a poboación medrou só en 35.426 persoas. Preguntámonos, se consideramos que o acceso ás vivendas novas e libres é prohibitivo, a quen beneficia este boom cementeiro?

O actual rexedor compostelán xustificou a execución do PXOM porque permitiría a construción en pouco máis dunha década de cáseque 40.000 vivendas. O rexedor de Ames, tamén do PSdG, anunciaba hai uns días que Milladoiro chegaría ás máis de 10.000 vivendas, alegrándose dun aumento de máis de 5000 vivendas. Para que persoas se fai isto? Para os candidatos e candidatas que nos presentamos aos Concellos de Santiago e Ames, é urxente unha planificación e coordinación en materia urbanísticas, para que a oferta de vivenda vaia en función da demanda. Non cabe instalar agora, cando Ames se fixo de composteláns e compostelás “expulsadas”, unha competitividade para “roubarlle” habitantes. Non cementemos máis. Freemos esta degradación.

Para Esquerda Unida-IU é necesario garantir que os espazos públicos non sexan invadidos por máis cemento. Cómpre recuperarmos o uso convivencial e de encontro. Retiremos as cámaras de vixianza que non garanten absolutamente nada: só a ruptura da privacidade e da intimidade. Cómpre que reduzamos a utilización salvaxe da ORA. A política de mobilidade que queremos desenvolver desde Esquerda Unida-IU, de forma paseniña e inevitable, conlevará unha necesaria redución do espazo ORA –ao meramente necesario-. No entanto, é preciso eliminar nalgunhas zonas a tarifa rápida, xa que os traballadores e traballadoras vénse na absurda obriga de saír do local de traballo para renovar o ticket da ORA. Isto non é entendible. Esquerda Unida-IU eliminará, igualmente, a ORA dentro do Campus Sur.

Os veciños e veciñas de Compostela poderedes comprobar neste programa que está realizado pensando na concreción de certas accións. Nós non queremos prometer nada que non poidamos realizar.

As mulleres e homes desta organización pensamos que este programa, realizado de forma participativa a través de reunións con representantes do tecido asociativo e sectorial do concello, representa unha resposta aos problemas e dilemas que empeoran a calidade de vida da meirande parte das persoas.

Sabemos que son cada vez máis as persoas que non se sinten a salvo da precariedade laboral, da inestabilidade contractual, dos salarios baixos, das dificultades ou mesmo das imposibilidades para acceder a unha vivenda digna, e que ollan con desespero o estado da conta corrente cando chega o 20 de cada mes. Precisamente porque o sabemos, dirixímonos a todas as persoas que queren unha maior igualdade e equidade. Que queren ver como os barrios ofrecen os mesmos servizos e a mesma igualdade de oportunidades. Que desexan desprazarse pola súa vila sen desesperarse, chegando no autobús a tempo para comezar o traballo.

Pensamos que é posible cambiar, que é necesario cambiar. Como se pode pensar sequera en que a existencia de 20000 persoas que viven no umbral da pobreza é algo que non debe cambiar? Ou que a taxa de desemprego, que non baixa desde 1999 das 5000 persoas, debe permanecer inmiutable? Ou que a temporalidade nos contratos laborais estea por riba do 90%? Isto debe cambiar. Pura necesidade. Ou simplemente, “sentidiño común”, algo ausente hoxe na Corporación Municipal, tanto no equipo de goberno como nunha oposición carente de programas de acción claros.

Con que cara se pode dicir que non vai cambiar o ataque ao noso contorno? Que non vai mudar a ausencia de responsabilidades ante os verquidos nos nosos ríos? Como se pode afirmar que non debe cambiar a situación do tráfico na vila? a abusiva política de prezos nos aparcadoiros? A escasa utilización do transporte público para asistir ao traballo? Como pode quedarse un indiferente ante a instalación abusiva e descontrolada de antenas en cáseque tozas as zonas da nosa cidade? Como é posible dicir que non debe cambiar a situación das zonas rurais do municipio, abandoadas e desleixadas polo equipo de goberno?

Os homes e mulleres de Esquerda Unida-IU Santiago comprometémonos publicamente para afirmar que as medidas que propoñemos representan unha forma alternativa de pensar a política municipal. Unha forma alternativa na que os veciños e veciñas sodes os principais protagonistas.

No hay comentarios: