jueves, 17 de mayo de 2007

Programa: Democracia Participativa

1.1. Democracia Participativa. Construindo contigo o Concello que queremos

A mellor ferramenta para impulsar a limpeza e transparencia, para afondar no verdadeiro fundamento da Democracia, para que todos e todas podamos desenvolver as nosas capacidades para intervir e co-decidir nos asuntos públicos está hoxe fortemente debilitada pola actual indiferenza dos mandatarios locais, falamos da Democracia Participativa.

A explotación da democracia delegativa, representativa ou formal contribuiu a afastar ás persoas dos asuntos que máis lle afectan, e mesmo a fomentar un espírito pasivo. Para que? Para crear a desconfianza que ten hoxe a xente con respecto á clase política, que é mesmo considerada unha das grandes preocupacións nas enquisas? Para alimentar as canles de escurecemento informativo, que son as que levan primeiro á ocultación e logo á manipulación?

As clases dominantes establecen así as regras do xogo, xa que os seus intereses si que se vén fortalecidos pola “xestión” de alcaldes e concellais. Así, á explotación económica adiciónase agora a alienación e a dominación cultural. Pero debemos e podemos mudar esta reducionista tendencia e só se pode facer se nas Corporacións están voces como as que representa Esquerda Unida-IU, que realmente asuman a necesidade de crear as canles necesarias para que a Democracia Participativa sexa unha realidade. Porque é necesario. Porque é un dereito constitucional. E porque é preciso para derrubar o modelo burocrático actual, que abafa calquer intento de participación, ou quere facelo –porque a pesar de todo, cando temos que facelo, sabemos mobilizarnos (praza de Salgueiriños, Antenas de Telefonía Móbil, reclamación dunha política de integración das persoas migrantes, solicitude de valores democráticos nos nomes das nosas rúas, esixir unha política ecolóxica e un modelo de sustentabilidade diferentes e realmente sustentables, etc…).

O goberno local, o Concello, ten que volver a ser un órgano próximo e familiar en estreita ligazón coas persoas. Pero ollo, non desde o imperio da xerarquía, da imposición mediante o expediente da vía delegativa, que é o que existe hoxe en Compostela, senón desde o exercicio da decisión en co-igualdade democrática, da corresponsabilidade de construir a cidade que queremos todas as persoas.

Con Esquerda Unida-IU introduciráse esta nova forma de facer política. A democracia participativa abranguerá unha multitude de eidos, o económico-laboral, o cultural, ou o ambiental. Deixaremos de lado o actual goberno delegativo polo modelo de goberno relacional que nos caracteriza aí onde gobernamos (Cabezas de San Juan, Córdoba, Rivasvacia-Madrid, etc.).

Para crear o goberno relacional reordenaremos a organización municipal e farase en base a que o noso Concello sexa transparente e eficaz para desenvolver un servizo público de calidade. Crearemos os alicerces precisos para que os orzamentos participativos sexan a máxima expresión do poder de decisión da cidadanía.

Algúns pasos serán:

  • Elaborar un novo Regulamento de Participación Cidadá, no que o Alcalde non terá a potestade para conceder ou impedir a túa intervención. Figurará tamén a obriga de responder sempre aos escritos que presenten os veciños e veciñas, xa sexa baixo unha organización, xa de forma individual, en tempo e forma pertinentes.

  • Desenvolver un Plan de Formación cidadá

  • Creación de Foros Cívicos

  • Consellos Sectoriais

  • Posta en marcha dun Observatorio da realidade social e participativa

  • Asembleas de Barrio ou Parroquia (participación horizontal)

  • Audiencia públicas (orzamentos, urbanismo, etc)

  • Consello do Municipio como máximo órgano participativo do municipio.

  • Modelo de mediación veciñal na resolución de pequenos conflitos de convivencia

  • Recuperación do Pleno como elemento informativo e participativo. Hoxe a política decídese en xuntas de goberno, ás que non pode acceder a cidadanía.
ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS DE SANTIAGO

¿Qué son?

Os orzamentos participativos constitúen a perspectiva real doutro xeito de facer política, doutra maneira de administrar a “cousa pública”. Unha política asentada na participación, na conformación dunha cidadanía activa e crítica coa finalidade de lograr a plena autonomía e determinación dos suxeitos e dos colectivos sociais para construír colectivamente a nosa cidade, a cidade de todos e de todas.

¿Qué obxectivos teñen?

- Que as decisións sexan tomadas en asembleas onde cada persoa poida propoñer, expresarse e decidir libremente.

- Que planifiquemos entre todos e todas unha cidade máis xusta, máis solidaria.

- Que a cidadanía poida organizarse implicándose na xestión da nosa cidade.

- Que as decisións tomadas sexan compromiso claro de cumprimento.

- Que promovamos a redistribución da riqueza e que academos a participación dos sectores menos favorecidos da cidadanía.

¿Como os levaremos a cabo?

Tendo en conta que non é un proceso de implantación inmediata, a tarefa máis urxente que nos propoñemos é primeiro crear a fase de elaboración dos Plan de Barrio ou Parroquia. Desde Esquerda Unida-IU insistimos en dicir que non é un proceso inmediato, senón que é de lenta pero segura implantación. Pero, e iso si que o podemos dicir con pleno convencemento, con esta forma de facer política, muda totalmente o rostro da política, dos políticos e políticas e do rol da propia cidadanía.

  • Cal é o rol dos políticos e políticas?
    • Animar o proceso en todos os aspectos, en especial desde a área de Participación Cidadá informaremos, asesoraremos, colaboraremos contigo; potenciaremos proxectos conxuntos; propiciaremos o encontro e intercambio de experiencias.
  • Cal é o rol dos veciños e veciñas?
    • O primeiriño, “diagnosticar” as necesidades e melloras desde todos os puntos de vista do barrio ou parroquia (Plan de Barrio ou Parroquia) para que formen parte do Plan de Barrio.
    • Nun segundo momento, os equipos de técnicos analizarán a viabilidade dos Plans de Barrio ou Parroquia
    • Nun terceiro momento, explicaranse os Plans de Barrio ou Parroquia ante a Asemblea.
    • Aí votaredes e priorizaredes o importante.

Como se ordena este proceso?

Todo o proceso detallarase nun Regulamento de Participación Cidadá. Dito Regulamento, entre outros aspectos disporá o seguinte:

1. CARTA DE DEREITOS DOS VECIÑOS E VECIÑAS. A súa finalidade é garantir e fomentar a participación. Esta carta recollerá os seguintes dereitos:

  • Dereito de petición: os veciños e veciñas (organizados asociativamente e non organizados) poderán facer iniciativas e suxestións sen máis limitacións que as establecidas nas leis, quedando obrigado o Concello en respostar sempre por escrito das actuacións que se teñen previsto realizar ao respecto.
  • Dereito de intervención nas sesións públicas: o Alcalde xa non terá a potestade de impedir a túa participación.
  • Dereito de consulta ou referendo: permitirase a título individual ou colectivo sempre que se acaden uns mínimos que estarán fixados tamén no Regulamento.
  • Dereito á Información: será parte importante no procedemento porque será garantía de que os veciños e veciñas así coma as asociacións teñan información suficiente sobre os servizos municipais e sobre todo tipo de actividades. Fárase especial fincapé nos medios de comunicación municipais coma televisión e radio que informarán sobre temas de interese xeral facendo debates, consultas..etc para que a cidadanía teña a máxima información para decidir.

2. ÓRGANOS

Contemplarase 3 niveis de órganos; Consello do Distrito (constituído polas Asembleas de Barrio ou Parroquia con cadanseus consellos); Asemblea Sectorial (e Consello); Consello de Movemento Cidadán.

CONSELLO DE DISTRITO

Constituirase un distrito en cada zona de Compostela (agrupación de barrios/parroquias) contando con cadansúa Asemblea e tratará calquera asunto relacionado co distrito.

Funcións

-Propoñer a realización de consultas populares

-Propoñer estudos sobre temas de interese para o distrito así como propoñer o debate sobre os mesmos.

-Coñecer e debatir os orzamentos municipais que afecten ao distrito así coma os plans de actuación e ordenanzas así coma outras disposicións.

-Participar nos órganos do Concello.

-Manter as reunións que considere necesarias.

-Recoller as propostas da cidadanía.

Composición

Terá natureza mixta que, por unha banda garanta o dereito de iniciativa individual e por outra banda garanta a participación da cidadanía. Ademais da iniciativa individual estarán presentes as seguintes;

-asociacións veciñais.

-asociacións pais e nais

-asociación culturais

-asociacións deportivas

-asociacións xuvenís

-asociacións de inmigrantes

-asociacións de mulleres

-asociacións da terceira idade

CONSELLO SECTORIAL

Canalizan as iniciativas da cidadanía en temas concretos de especial interese.Crearase este órgano en materias coma educación,muller,terceira idade,persoas diminuídas,inmigración, deporte,cooperación e outras que se poidan crear a proposta das propias asociacións .


Composición

-Asociacións do ámbito sectorial concreto no que desenrole a actividade o Consello Sectorial

-Grupos políticos

-Persoas de especial relevancia polos seus coñecementos no ámbito sectorial concreto

-Outras institucións.


CONSELLO DE MOVEMENTO CIDADÁN

A súa finalidade e a de coordinar o bo funcionamento do proceso emitindo informes , debatendo, promovendo procesos participativos, consultas, recabar propostas da cidadanía..etc.

Composición

-Representantes Asembleas de Barrio ou Parroquia

-Federación asociacións de veciñ@s

-Federación de Nais e Pais

-Clubs deportivos

-Representantes do Consello Sectorial

-Asociacións culturais.

¿CÓMO PARTICIPAREMOS?

Participar será moi sinxelo. Participarán todos os maiores de 16 anos –os menores terán o seu propio regulamento e formas de participación- e bastará con cubrir unha ficha cos datos, detallando do xeito máis concreto a proposta. Esta ficha deberá ser presentada no Consello Sectorial ou no Consello de Distrito correspondente, ademais no caso de teren dúbidas haberá encargados de axudar a que as propostas sexan válidas e claras para que participemos todos e todas no proceso.

Unha vez presentada a solicitude serán os técnicos, especialistas no eido concreto os que determinen a viabilidade do proxecto en concreto sempre preferindo a aplicación nas zonas que máis necesiten.

Todo coa finalidade de lograr unha Compostela participativa e igualitaria que poña freo a calquera proceso de exclusión en ningún barrio ou parroquia da cidade.

No hay comentarios: