viernes, 25 de mayo de 2007

PROGRAMA: EDUCACIÓN, INTERCULTURALIDADE, CULTURA

A Cidade educadora e intercultural. Por unha Educación Pública, Laica e de Calidade.

Apostamos de forma decidida por unha educación pública, de calidade, cun carácter integrador. Laica, porque consideramos que a neutralidade da escola neste sentido é esencial para garantir un marco convivencial. A sociedade é cada vez máis plural, debemos afrontar o reto de construir a cidade intercultural.

Por iso, apostamos pola cidade educadora, onde o espazo público sexa expresión de educación e cultura. Unha educación e unha cultura para os veciños e veciñas, contando coa súa participación. Para iso, en base a desenvolver a implicación, a formación, o coñecemento e a participación crearemos xuntos o Proxecto de Cidade Educadora para poder integrarnos na Rede de Cidades Educadoras.

Porque a educación é un piar da integración e cohesión social proxectaremos igualdade e equidade entre os barrios. As Asembleas de Barrio e Parroquia, as ANPAS dos centros educativos, os claustros de docentes, os políticos e políticas e o equipo técnico do Concello, xuntos crearemos dito Proxecto, xuntos faremos de Santiago unha Cidade Educadora.

Porque desde o Concello podemos e debemos ser máis esixentes á hora de reivindicar as melloras que precisamos, Esquerda Unida-IU, asume a educación coma un reto a desenvolver de forma participativa (Asemblea de Barrio; Consello de Barrio; Asemblea Sectorial de Educación; Consello Sectorial de Educación; Consello do Concello).

Hoxendía, a nosa cidade coñece unha indesexada infravaloración dos centros públicos, colapso derivado da competencia en servizos que ofrecen as privadas concertadas e así, centros coma o do Santiago Apóstol presentan unha única liña e un esmorecemento que non podemos consentir. Sar, de forma semellante, tamén reclama melloras urxentes e un centro educativo propio que sempre está no aire da promesa por realizar. Hai centros educativos públicos que presentan unha infradotación en servizos e recursos. E é que os centros educativos de infantil e primaria son un elemento esencial para que o barrio adquira e manteña a súa cohesión social.

A dignificación dos centros públicos de ensino comeza pola equiparación en oferta de servizos complementarios para que os pais e nais non leven lonxe do barrio seus fillos e fillas a realizar os seus estudos.

A visión secundaria do Concello en tanto que favorecedor da calidade da educación debe ser superada, xa que é posible actuar e moito en materia educativa, con vistas a conseguir a equidade e proporcionalidade en oferta de servizos e recursos.

  • As comisións de escolarización teñen que funcionar con claridade de criterios, de reparto, evitando a zonificación, a densificación e a redución ou eliminación cando é plenamente evitable. Caso claro de redución: o Santiago Apóstol da Almáciga, ou o de Sar.
  • A creación dun Plan Plurianual de mantemento e renovación de centros educativos: seguridade (vixianza de saídas e entradas); calefacción e adecentamentos) sempre garantindo equilibrio e equidade, así evitarase que existan centros educativos sen patios cubertos, coma o de Lavacolla, ou o Ramón Cabanillas. Este Plan Plurianual será discutido e elaborado de forma participativa desde a Asemblea Sectorial de Educación.
  • Artellar un Plan Director para coordinar a oferta de Servizos Complementarios para evitar o actual desequilibrio existente entre centros públicos e centros privados concertados e para evitar a distancia existente entre os centros públicos do rural e os do núcleo urbán. É esencial insistir en que é a educación quen se ten que desprazar cara as persoas, como servizo público, e non alentar, como acontece hoxe, o movemento contrario que deixou baleiras as escolas rurais.
  • Os planos de integración de minorías étnicas coma o da poboación xitana non poden depender do voluntarismo político para que funcione nunha zona (Fontiñas) e non funcione noutra (Almáciga); coordinaranse de forma participativa desde a Asemblea Sectorial de Educación [hoxe identificable de forma moi parcial co Consello Municipal de Ensino, ao que reactivaremos mudando a normativa de funcionamento de ser preciso para que sexa funcional]
  • Esixiremos que as zonas de nova creación urbana vaian ligadas a unha dotación de servizos socioeducativos para que a poboación se vencelle ao espazo e sinta como seu o novo barrio. Senón acontece que asistimos á creación de barrios-dormitorio dentro da propia cidade.
  • Velaremos por que as persoas encargadas de realizar tarefas de vixianza reúnan os criterios de formación e de contratación esixibles en base á lexislación vixente.
  • Só hai 4 escolas infantís municipais públicas en Compostela. Crearemos máis escolas en base a unha racionalización e equilibrio na súa distribución xeoespacial, de tal forma que o rural non se vexa desprovisto de escolas infantís.
  • Campañas de sensibilización contando coa participación dos axentes sociais implicados para fomentar o respecto das diferenzas culturais e para a conformación dun espazo de convivencia.

A educación debe tranversalizar outras Áreas, por iso, establecerase unha Guia Municipal de Servizos Educativos, de carácter anual, onde se recollerán todas as actividades educativas e formativas establecidas nas diversas áreas: deportes; medioambiente; mocidade; educación; urbanismo; etc.

A educación musical, artística e de danza será impulsada e fortalecida. Esquerda Unida-IU animará e guiará un proceso de educación musical, artítica e de danza nos barrios e parroquias de Santiago, de tal forma que a educación, a formación e a cultura sexa accesible a todos os públicos. A tal fin, unha das preocupacións de Esquerda Unida-IU é a creación de Escolas Municipais de Teatro, Música e Danza.

Igualmente, como ferramenta de dinamización sociocultural e de intercambio educativo proporemos a realización de festivais escolares de teatro, exposicións artísticas e de danza intercentros. Neste sentido, procuraremos realizar a conectividade cos proxectos europeos para animar o volcado de experiencias de cara á construción cívica e social dun proxecto europeo real.

Igualmente importantes serán a educación como proceso permanente, ao longo de toda a vida, facilitando a incorporación da poboación a ditos procesos formativos. No caso da educación de adultos velaremos porque os horarios de formación se adapten as dispoñibilidades horarias reais dos veciños e veciñas. En base a isto, a creación de Centros de Educación de Adultos configúrase como unha prioridade para a nosa organización.

Solicitar a creación dun Colexio de Educación Especial de xestión e titularidade públicas.

Esquerda Unida-IU traballará para que estea dispoñible solo para infraestruturas educativas de titularidade e xestión públicas.

Unha verdadeira política de conciliación

Desde as diferentes Áreas de Participación, traballaremos para que a conciliación sexa realmente unha oportunidade para que pais e nais disfruten e eduquen seus fillos e fillas. A conciliación, hoxendía, repousa nun errado concepto de afastamento, de distancia entre as persoas que –afírmase- son beneficiadas pola “conciliación”. As medidas actuais inciden na consideración do centro educativo como unha “gardería” e serven para que as empresas se vexan “liberadas” de obstáculos para aplicar as súas políticas horarias de forma a seguir obtendo beneficios. Neste sentido, preguntámonos, onde está a conciliación laboral e familiar? Como moito, trátase dunha conciliación entre horario laboral e escolar. Para conciliar cómpre realmente unha política diferente e unha aposta pola redución na xornada laboral e unha acción clara que garanta a dispoñibilidade para disfrutar do tempo libre cos fillos e fillas, coa parella ou co ser querido, unidas a unha política que vai faga do ocio unha oportunidade de seguir formándose e educándose.

Esquerda Unida-IU traballará para lograr esta nova forma de conciliar. Para iso necesitámoste. Precisamos non só do teu apoio, senón do teu compromiso e participación. Só así, de forma paseniña, lograremos vencer as reticencias e os obstáculos que se interporán de forma segura a este novo pensamento de rendibilidade social.

Espazo público educador

Esquerda Unida-IU fará todo o posible para que o Concello de Santiago sexa realmente un espazo educador, onde o espazo público recupere a súa dimensión educadora. Por iso, os parques e xardíns da cidade teñen que estar sempre ben dotados, ben organizados e en boas condicións de uso. Pero teñen que ser tamén un lugar para o desenvolvemento cultural e educativo dos e das usuarias. Os nenos e nenas poden adquirir o gusto pola lectura mentres xogan. Impulsar dinámicas de animación á lectura; incorporar escenificacións de guiñois, paiasos, dinámicas teatrais, maxia; xogos de cooperación; fomentar a educación intercultural mentres se xoga ou aprende é un aspecto esencial para que a cidade sexa unha cidade cohesionada. É moi importante que os parques e outras superficies públicas sexan espazos de educación, cultura e lecer. Para Esquerda Unida-IU desenvolver todos estes aspectos será unha necesidade.

Parques como o da Almáciga, cun acceso inaxeitado e nunca rematado, cunha dotación reducida en materais e en oferta educadora e formativa, é o claro exemplo do que queremos evitar.

Cultura

· Mellora dotacional das bibliotecas de barrio e parroquia.

· Creación de feiras do libro con periodicidade cando menos quincenal.

· Desde o Concello manifestaremos a nosa oposición ao abusivo canon de 20 céntimos por libro prestado e traballaremos para que as bibliotecas públicas sexan espazos de dinamización social e cultural.

· Creación dunha comisión cívica da memoria republicana con carácter pedagóxico e reparador. E vencellado a esta acción a eliminación de simboloxías fascistas.

· Creación de locais socioculturais. Hoxe se están pagando alugueres por locais que non son sequera propicios para realizar as tarefas educadoras e formativas que desenvolven con moito esforzo veciños e veciñas. Nesta situación está As Cancelas, Sabugueira,, etc. E noutras zonas nen sequer se dispón dun local propio como no antigo concello de Enfesta, onde a Asociación Enfesta MMV non dispón de local para desenvolver a súa actividade sociocultural, ou en Conxo (Asociación Doctor Maceira)

· Creación da radio e televisión municipal.

· Creación dunha Universidade Popular, onde a formación non regrada estea asentada na participación e no intercambio formativo.

Normalización do uso da lingua galega

Dotaremos de máis recursos tanto humanos como materiais ao Departamento de Lingua (DLG) do Concello para que realmente exerza unha función dinamizadora, para que o uso da lingua galega se prestixie en todos os eidos sociais do noso Concello.

Unha sociedade intercultural

Para que a nosa cidade sexa realmente unha cidade intercultural, Esquerda Unida-IU traballará duramente para que a imaxe que se transmita do fenómeno migratorio, sexa un fenómeno positivo, un fenómeno de enriquecemento intercultural.

A xestión do goberno socialista e nacionalista foi, neste sentido, sinxelamente, errada e ineficaz. As únicas accións positivas chegaron mal e a rastro: unicamente sabemos dalgunha subvención, e de moitas viaxes da concelleira a Latinoamérica coa manida desculpa de procurar o censo de composteláns. E mentres, aquí, a atención social ás persoas inmigrantes e emigrantes retornadas cada vez máis externalizada en asociacións que fan o que poden. Non houbo ningunha acción concreta que demostrase que o Concello procurase realmente a construción dunha sociedade intercultural.

Unha medida esencial, dentro dos parámetros participativos que nos caracterizan, será a redefinición funcional do Consello Municipal de Migracións, para que sexa de forma efectiva e real, o espazo onde inmigrantes, emigrantes retornados e o tecido asociativo veciñal se encontren e analicen as dificultades da vida cotiá e procuren, procuremos entre todos e todas, establecer solucións que nos leven a superar a énfase nos feitos diferenciais e nacionais que, de seguirmos así, só nos poden levar a un multiculturalismo de illas separadas (vid. Políticas de Igualdade de Oportunidades)

No hay comentarios: