jueves, 5 de julio de 2007

Información sobre a reunión plenaria do Foro de Inmigración

Onte tivo lugar a reunión da plenaria das entidades que constituímos o Foro de Inmigración.
Estes son os aspectos máis salientables da mesma:

1) A Comisión temporal de Traballo para a elaboración da proposta de informe preceptivo sobre o borrador do Plan Galego de Inmigración 2007-2010 xa elaborou o informe. Nel tivéronse en conta, nunha primeira lectura aínda non moi exhaustiva, as principais demandas e achegas do Foro de Inmigración, entre elas as que formulamos desde Esquerda Unida. Nunha posterior información detallaremos o alcance do informe. O 17 de xullo ás 10h30 someterase a aprobación dito informe. Aínda descoñecemos a data para a aprobación do Plan Galego. Ese mesmo día terá lugar a constitución da Comisión "Racismo e Xenofobia" e presentarase a Carta dos dereitos Cidadáns [da que, por outra banda, como organización política, nen sequera fomos informados].

2) Presentouse tamén o documento elaborado pola Comisión de Traballo do Plan Local de Inmigración. O 3 de setembro, seguinte reunión de dita comisión. Decídese solicitar entrevista coa concelleira de Benestar Social, onde recaerá a área de Inmigración, para este mesmo mes de xullo.

3) Infórmase sobre a reunión o 18 de xuño na subdelegación de goberno. Repárase en que hai problemas ao redor do tema prostitución e semella que hai un espírito de persecución da mesma...que pode afectar ás propias mulleres vítimas da mesma...cunha expulsión. Por iso, para frear esta tendencia, está prevista unha reunión cos mandos policiais para que non inicien de forma automática o procedemento de expulsión. Insistiremos no tema das autorizacións por motivos excepcionais.

4) O 15 de setembro manterase unha xuntanza de traballo coa coordinadora galega de ONGD's.

5) A Comisión de elaboración de materiais e de información na rede anuncia a elaboración dunha nova presentación en power point para sensibilizar sobre o tema migratorio..."todo o mundo é fillo da inmigración"

6) Procédese a informar sobre distintos aspectos de normativa que afectan ás persoas inmigrantes e emigrantes retornadas: a contradición que se dá entre as recomendacións da Directiva Europea sobre as parellas de feito e os rexistros habilitados en España, que non recoñecen o que si recoñecen por exemplo os rexistros de Francia; a carta de invitación, cun novo modelo de presentación; o aumento do tope para visados; a nacionalidade para netos de españois.

7) Froito da colaboración entre Cruz Vermella e a Universidade de Vigo é o libro A inmigración na prensa galega. O reflexo da diversidade. Perspectiva teórica e análise socio-estatística. Informaremos máis adiante tamén sobre os contidos do libro.

O 5 de setembro terá lugar a seguinte asemblea plenaria, xa que en agosto repousamos un chisco.

Ata entón, seguiremos atentos á evolución da situación da poboación inmigrante e emigrante que retorna.

No hay comentarios: