miércoles, 18 de febrero de 2009

Mitin Castiñeiriño


Tamén queremos informarvos que manán ás 18:00 na nosa sede, rúa Dublín 8 baixo, o Foro Galego de Inmigración presentará a sua Proposta de temas para presentar aos candidatos ás Eleccións Galegas.
Aquí vos deixamos as medidas que esixen o futuro goberno da nosa Terra:
1.- Deseñar e desenvolver unha política propia a nivel autonómico, contando co colectivo e as súas demandas. Incluír vía reforma estatutaria a posibilidade da concesión das autorizacións de residencia e traballo iniciais (os estatutos de Cataluña e Valencia xa recollen esta posibilidade).

2.- Garantir o acceso aos servizos públicos básicos: educación, saúde, vivenda e benestar social, en condicións de igualdade respecto ao conxunto da poboación. Esta garantía debe incluír ás persoas inmigrantes residentes en Galicia que transitoriamente se atopen en situación de irregularidade administrativa. Do mesmo xeito, a actual conxuntura de crise económica non pode supoñer merma algunha para os dereitos da poboación inmigrante residente.

3.- No campo especifico da educación: medios económicos e sobre todo humanos para o desenvolvemento de planos de acollida do novo alumnado inmigrante que eviten as situacións de fracaso escolar especialmente no ensino secundario obrigatorio. As actuacións deben abranxer ás familias do alumnado e tamén o fomento de valores interculturais entre o conxunto da comunidade educativa. Propoñemos a creación da aulas de integración para o alumnado recen chegado.

4.- No campo específico da saúde: Solicitamos a facilitación dunha tarxeta sanitaria para aquelas persoas que non teñen a posibilidade de poder acceder ao sistema de saúde por falta da documentación necesaria. Cremos que o discurso sanitario ten que cambiar para que a atención se faga tanto desde o Dereito Universal á Saúde, como desde A Convención Europea de salvagarda dos dereitos humanos e liberdades fundamentais, e o respecto aos principios a Declaración de Alma Alta, un compromiso global para aplicar o dereito humano á saúde, e non desde a achega económica ou a sensibilidade política. Por último reivindicamos a formación tanto dos profesionais en temas de estranxeiría como dos inmigrantes en tema de utilización da rede asistencial de saúde para poder acadar o obxectivo de saúde para todos.

5.- No campo específico da vivenda: estender nos casos en que isto non se produce o acceso de toda a poboación inmigrante residente, independentemente da súa situación administrativa, aos programas de axuda para acceso á vivenda en réxime de alugueiro ou de propiedade. Evitar e perseguir os abusos e discriminacións que neste campo se están a producir na actualidade por parte dos propietarios e propietarias privadas (fianzas e avais abusivos).

6.- No eido específico dos servizos de benestar social: os servizos e prestacións recollidos na Lei de Servizos Sociais de Galiza ou na futura reforma da Lei Galega de Medidas Básicas para a Inclusión Social (nomeadamente a RISGA) deben estar garantidos para o conxunto da poboación inmigrante, tamén para a que se atopa transitoriamente en situación de irregularidade administrativa.

7.- No ámbito laboral, moi sensible para o colectivo inmigrante, porque é o medio fundamental para poder conseguir ou manter as autorizacións de residencia e pola actual situación de crise económica: manter o principio da igualdade de dereitos e deberes respecto ao conxunto da poboación traballadora; evitar, denunciar e perseguir a explotación laboral de traballadores e traballadoras inmigrantes; establecer catálogos de ocupacións de difícil cobertura que respondan á realidade do mercado laboral galego; promover programas de inserción laboral específicos para este colectivo cando sexa necesario e garantir o acceso en condicións de igualdade ao conxunto de actuacións dirixidas á loita contra o desemprego.

8.- Compre tamén unha política de xénero que recolla a situación específica das mulleres inmigrantes en xeral e dalgúns colectivos en situación de especial indefensión como as empregadas de fogar, mulleres que exercen a prostitución ou obrigadas a prostituírse, mulleres vítimas da violencia de xénero. En todos estes casos, a situación transitoria de irregularidade administrativa é un fondo lastre que os servizos públicos deben axudar a superar de forma efectiva: con igualdade de dereitos no acceso aos servizos e recursos existentes e/ou coa posta en marcha de novos servizos e recursos se son necesarios.

9.- Perseguir e denunciar de forma contundente posibles actuacións discriminatorias ou de contido racista realizadas polas diferentes administración públicas e tamén por particulares de calquera tipo. Actuacións que deben estenderse tamén para o conxunto das chamadas minorías étnicas.

10.- Deseñar planos de actuación específicos que permitan a axeitada integración do colectivo inmigrante nos ámbitos educativos, laborais e sociais en xeral, con orzamentos axeitados e coa extensión efectiva da figura dos mediadores interculturais ao conxunto dos concellos de Galicia. Promover nos concellos o desenvolvemento de Planos locais e/ou comarcais de convivencia intercultural co mesmo obxectivo.

11.- Impulsar a nivel estatal as actuacións orientadas a conseguir o dereito de voto para a poboación inmigrante residente legal e tamén promover e intermediar coas subdelegacións de goberno e cos corpos e forzas de seguridade do estado, para a persecución efectiva dos actos delictivos que aproveitan á situación de indefensión dunha parte alomenos da poboación inmigrante. Do mesmo xeito, incidir e evitar a persecución da poboación inmigrante residente en situación transitoria de irregularidade administrativa.

12.- Compre artellar medidas para que o colectivo chamado de emigrantes retornados teñan acceso sen atrancos ás prestacións e servizos que lle corresponden pola súa condición de galegos e galegas de orixe. Como o acceso a tarxeta sanitaria, independentemente do pais que veña, ou a situación (pensión por enfermidade, accidente o xubilación) Na actualidade están a darse situacións de falta de ingresos e polo tanto de pobreza e exclusión social entre persoas que adoitan ter unha idade e situación que fai extraordinariamente difícil o acceso ao noso mercado laboral, polo que debe estenderse o tempo de duración das prestacións e axudas que teñen na actualidade. Estender tales actuacións coas familias desas persoas cando non teñen nacionalidade española.

13.- Este Foro e as organizacións e entidades que o conforman, loitan pola defensa dunha sociedade galega intercultural, como realidade xa, e como expectativa dun futuro mellor e cheo de oportunidades para todos e todas. Gustaríanos que os partidos políticos que concorren ás eleccións do 1 de Marzo e os seus principais candidatos de forma explícita fixeran referencia e aposta a prol dunha sociedade galega intercultural con igualdade de dereitos, oportunidades e deberes para todos e todas independentemente da súa procedencia e condición.

No hay comentarios: