jueves, 20 de octubre de 2011

Moción transparencia de datos

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presenta unha nova moción, nesta ocasión pedimos o Concello que comparta tódolos datos que sexan posibles cos cidadáns, organizacións e outras administracións, nun paso máis que se debe dar para favorecer a tan necesaria participación cidadá na vida municipal.


Aquí tedes o texto da moción:

Os Concellos deben outorgar gran importancia á participación activa de cidadáns e cidadás tendo en conta as súas ideas, suxestións, apoio material e impulso creativo.

Os Concellos deben modernizarse empregando tecnoloxías innovadoras, accesibles e abertas, que permitan unha transparencia total. Este Concello, como todos, ten unha gran cantidade de datos, cuxo valor podería estenderse enormemente se foran accesibles do modo máis libre posible dentro do concepto de datos abertos (open data).

A Lei Orgánica de Protección de Datos, así como a xurisprudencia relevante, normalizan perfectamente a publicación activa online de información e datos reusables, e a Comisión Europea promove moi activamente e actúa de acordo a esta norma nos estados membros.

O acceso público dos datos a través da Web mellora a comunicación coa cidadanía, reforza a imaxe do Concello respecto a creatividade, innovación e mellora os servizos públicos, permitindo ás persoas organizarse, derivando nunha participación máis intensa e cohesión social.

A disposición dos datos baixo licenza libre permite á cidadanía empregar estes datos para propósitos diversos, contribuíndo desta maneira a actividades económicas, xeradoras de emprego e sostibles. A publicación on-line activa de todos os datos aporta un impulso positivo, innovador e construtivo a tódalas áreas da política municipal.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro.- Que o Concello comparta cos cidadáns, organizacións e outras administracións públicas, todos os datos que sexan posible, mantendo a protección dos datos persoais e a seguridade nacional, en forma reusable e lexible automaticamente e accesible baixo modelos de estándares abertos, segundo obriga o Real Decreto 4/2010, de 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Interoperabilidade no ámbito da Administración Electrónica.

Segundo.- Que se realice un plan de acción concreto que conteña:

1.- A publicación inmediata de todos os datos do Concello baixo formatos abertos, segundo o establecido no Real Decreto 4/2010 antes mencionado e cunha licenza de datos que permita o seu libre acceso e uso á cidadanía.

2.- A indexación destes datos, e a súa publicación en modo reutilizable, empregando estándares, interfaces e formatos abertos, facilitando así a búsqueda no contido publicado.

3.- A garantía de que os datos recabados por terceiras partes para o Concello ( contratas, conselleiros externos, etc) se aporten sen limitacións de licenza, en formatos e estándares abertos e sen restricións de copyright, salvo que sexa imprescindible por mor de outros requisitos legais.

4.- A publicación de todos os datos nunha sección específica da Web do Concello, comezando por aqueles nos que non pesen cuestións legais obvias, para que se poida realizar con gran facilidade e coa infraestrutura técnica dispoñible actualmente.

5.- Que os primeiros datos publicados sexan a relación de obras, contratas e ofertas de emprego adxudicadas polo Concello, así como o orde do día, as actas dos plenos e as mocións presentadas no mesmo, de modo que estes datos sexan accesibles ao público no Concello mentres non se dispoñan publicamente on-line na páxina Web.

6.- Que se xenere unha lista cos datos que estarán dispoñibles para a súa consulta.

No hay comentarios: