O Consello Comarcal
de Esquerda Unida Compostela considera función indispensable do Concello levar
a cabo todas as medidas precisas na procura da xustiza e igualdade social.
O 11 de maio
celébrase o Día Mundial do Comercio Xusto, e consideramos que o Concello de
Santiago debe acometer iniciativas que promovan na cidade un cambio de modelo
na distribución e comercialización, que a día de hoxe perpetúan un sistema
económico e social sustentado na explotación laboral de persoas e na destrución
do medio ambiente.
Unha das terribles
consecuencias do sistema económico imperante é a fame. É inmoral que nun no mundo se producen máis alimentos que nunca
antes na historia 900 millóns de persoas sigan hoxe a pasar fame (segundo os
últimos datos da FAO). A globalización
neoliberal ten privatizado moitos dos aspectos da nosa existencia, incluso o
acceso aos recursos naturais como a terra, e a propia agricultura. Unhas poucas
multinacionais someten aos seus intereses privados a produción, distribución e
consumo facendo da alimentación un mero negocio e provocando que millóns de persoas pasen fame e vivan en
circunstancias de pobreza, violando en
fin, un dereito tan fundamental como o dereito á alimentación.
Pero non so a fame
é consecuencia do sistema económico imperante. As persoas perdemos en xeral o
nosa soberanía como consumidores, por exemplo a nosa soberanía alimentaria: aquela
que nos permite saber que é o que
comemos, a quen lle compramos realmente os alimentos e como se produce todo o
que nos levamos á boca. Moitos labregos e labregas non teñen acceso aos bens
fundamentais da produción agrícola (auga, sementes, terras) e os propios
estados non son soberanos a hora de decidir as súas políticas agrícolas. Isto
non acontece unicamente no ámbito da industria alimentaria, a morte, o pasado
24 de Abril, de 660 traballadoras e traballadores de Bangladesh que producían
roupa para as grandes marcas internacionais son triste proba disto disto.
Baixo o actual
sistema, todos os intereses humanos son sometidos aos intereses privados dunhas
poucas multinacionais, e nestas circunstancias non se pode falar de comercio
xusto.
É evidente que os
principios do Comercio Xusto, estándares internacionalmente definidos pola
IFAT, a Asociación Internacional do Comercio Xusto, son totalmente consecuentes
co obxectivo que as Administración Públicas deben fixar para mudar este sistema
depredador de dereitos humanos, principios, entre outros, como son:
- Creación de
oportunidades para grupos produtores desfavorecidos.
- Transparencia e
funcionamento democrático para beneficiar as necesidades básicas das
comunidades
produtoras e de consumidores e consumidoras.
- Relación
comercial equitativa e a longo prazo.
- Prezo Xusto para
os produtores e as produtoras.
- Loita contra a
explotación laboral infantil.
- Equidade de xénero.
- Condicións laborais
dignas.
- Fortalecemento de
capacidades e asistencia para os grupos produtores desfavorecidos.
- Información e
sensibilización sobre Comercio Xusto.
- Coidado do Medio
Ambiente.
O Consello Comarcal
de Esquerda Unida Compostela considera necesario abrir o debate entre os distintos colectivos da cidade con
recoñecida experiencia neste eido, para consensuar as medidas efectivas que o
Concello pode levar a cabo dende a institución para fomentar e sensibilizar
sobre o Comercio Xusto na cidade.
O Día
Mundial do Comercio Xusto é unha ocasión máis para reivindicar sistemas
económicos alternativos, socialmente máis xustos e éticos e máis
respectuosos co medio, non so na comercialización senón en toda a cadea de
produción, distribución e consumo.
O
Concello de Santiago debe por unha parte, apostar pola contratación pública
responsable, aquela que ten en conta criterio ambientais, sociais e éticos á
hora de comprar ou contratar. Esta obriga debería ser común a todos os
organismos e administracións non so polo seu poder económico, senón e sobre todo
polo seu efecto exemplificador no uso dos recursos públicos
O
Concello de Santiago debe ademais promover e fomentar iniciativas do comercio
xusto, e en xeral todas aquelas iniciativas directamente vinculadas a unha
economía social ou alternativa (banca ética, software libre, cooperativas
de consumo e produción,…)
Por exemplo
apoiamos, entre outras moitas medidas que poidan saír da necesaria
participación cidadá, a posibilidade de que nos comedores escolares que
dispoñan de cociña propia se consiga que os produtos consumidos sexan de
agroecoloxía de proximidade e de Comercio Xusto, facendo ademais a pertinente
sensibilización entre o alumnado e as nais e pais.
Por todo isto o
Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de
Santiago a seguinte proposta de
ACORDOS
Primeiro. Que o Concello, a través do debate
e participación cidadá, elabore un plan de actuación na cidade para o fomento
real e efectivo do Comercio Xusto.
Segundo. Que o Concello leve a cabo durante
todo ano diferentes campañas de concienciación e sensibilización do que supón o
Comercio Xusto
No hay comentarios:
Publicar un comentario