O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera indispensable que
o Concello vele por garantir o dereito á vivenda.
Por tal motivo, entre outras moitas medidas, presentamos, 0 14 de marzo de
2012, un moción na que demandamos a creación duna Axencia Pública de Aluguer, cuxo
fin é a posta a disposición da cidadanía de vivendas en aluguer social.
Cómpre recordar que o artigo 47 da Constitución establece que todos os
españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada. Igualmente,
exhorta aos poderes públicos a promover as condicións necesarias e establecer
as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización
do chan de acordo co interese xeral, para impedir a especulación.
Por iso, para facer efectivo este dereito, pedimos, o 15 de xuño de 2012, a
xestión pública das vivendas dos bancos e caixas co fin de que sexan
xestionadas polo Concello, a través da mencionada axencia de aluguer, na
procura de garantir ese dereito constitucional a unha vivenda digna.
A actual situación económica tivo entre unha das súas máis graves
consecuencias, a destrución dun gran número de empregos. Esta situación,
agravada no noso país pola explosión da burbulla inmobiliaria, provocou que
numerosas familias non poidan atender o cumprimento das obrigas derivadas do
pago das rendas de arrendamento ou, no seu caso, dos préstamos ou créditos
hipotecarios celebrados para adquirir a súa vivenda, sendo dobremente
castigadas pola devandita crise financeira, ao perder non só os seus empregos
senón tamén as súas casas.
Motivo polo cal propuxemos, nunha moción presentada o 1 de decembro de
2011, a creación de axudas para o pago da hipoteca ou alugueiro en situacións
de emerxencia social. Outra medida que tamén propuxemos foi a de axudas para
reformas urxentes en vivendas do Concello, moción presentada o 20 de abril de
2012 .
Todas estas propostas presentadas, como tamén o é a moción do 17 de abril
de 2013, na que demandábamos que o Concello instase a adopción de medidas
legais como as aprobadas polo Goberno de Andalucía, débense a que para o
Consello Comarcal de EU, ante esta situación, as Administracións non poden
permanecer impasibles e deben realizar cantas actuacións sexan necesarias e
teñan ao seu alcance para dar amparo aos cidadáns, ao obxecto de facer efectivo
o dereito a unha vivenda.
Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao
Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de
ACORDO
Primeiro. Que o Concello procederá a modificar con
carácter de urxencia a ordenanza municipal reguladora do imposto sobre o
incremento do valor dos terreos de natureza urbana, engadindo a esta ordenanza
o seguinte:
”Nas
transmisións realizadas polos debedores comprendidos no ámbito de aplicación do
artigo 2 do Real Decreto- Lei 6/2012, de 9 de marzo, de medidas urxentes de
protección de debedores hipotecarios sen recursos, con ocasión da dación en pago
da súa vivenda prevista no apartado 3 do Anexo da devandita norma, terá a
consideración de suxeito pasivo substituto do contribuínte a entidade que
adquira o inmoble, sen que o substituto poida esixir do contribuínte o importe
das obrigacións tributarias satisfeitas”. (De conformidade co Real Decreto
6/2012, de 9 de Maio, artigo 9 de “Modificación do texto refundido da Lei
Reguladora das Facendas Locais aprobado polo Real Decreto lexislativo 2/2004,
de 5 de marzo”)
Segundo. Instar á Xunta a que no
marco das súas competencias, garanta a función social da vivenda e estableza un
censo de vivendas deshabitadas, para no seu caso, sancionar as vivendas que
estean en mans de persoas xurídicas e fomentar o aluguer daquelas vivendas que
estean en mans de persoas físicas, coa idea de fomentar o acceso á vivenda
desde o aluguer
Terceiro. Instar o Goberno de
España a adoptar a paralización dos
desafiuzamentos tal e como se contemplaba na ILP; a que as vivendas do SAREB
pasen a ser xestionadas polas administracións públicas autonómicas para o
aluguer; a que non aprobe o desafiuzamento expréss do aluguer, e a que se faga
unha quita na débeda das familias hipotecadas tal e como se fixo cos balances
bancarios tras o estalido da burbulla inmobiliaria.
Cuarto. O Concello procederá á revisión dos protocolos de
actuación de servizos sociais en casos de desafiuzamento, e colaboración en
pedir ao xuíz a suspensión do desafiuzamento cando este sexa por motivos
económicos e refírase á vivenda única e habitual. Serán destinatarios da colaboración
administrativa os cidadáns e cidadás que necesiten o asesoramento, a
intermediación e, no seu caso, a protección adecuadas para previr a perda da
súa residencia habitual e permanente.
Sexto. Non pór nin un só policía municipal a disposición
das ordes de desafiuzamento
Sétimo. Interpelar
ás entidades financeiras que operan na cidade para esixirlles a
paralización dos desafiuzamentos e a condonación das débedas ilexítimas froito
do actual proceso de execución hipotecaria.
Oitavo. Ningún desafiuzamento en vivenda protexida
pública
No hay comentarios:
Publicar un comentario