jueves, 16 de mayo de 2013

Moción Día Internacional contra LGTBIfobia



Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela é fundamental o compromiso real e efectivo do Concello na loita contra a LGTBIfobia.

No ano 1990 a homosexualidade deixou de ser considerada como unha enfermidade pola OMS, sen embargo, na actualidade os manuais internacionais de psiquiatría continúan patoloxizando a transexualidade como “disforia de xénero”, por iso, como deber deste Concello na loita polos dereitos do colectivo LGTBI, demandamos nunha moción, presentada o 31 de outubro de 2012, a despatoloxización da transexualidade, entre outras medidas.

A nivel legal, nos últimos anos España foi pioneira en recoñecer os dereitos civís de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais, pero en todo o territorio do Estado as persoas e colectivos LGTBI seguen sendo vítimas de discriminación e agresións en espazos tan diversos como o ámbito laboral, ou no educativo onde se produce o acoso escolar homofóbico, e para o que pedimos, nunha moción presentada o 8 de xaneiro de 2013, que o Concello promovera medidas para loitar contra el.

Por outra banda, o colectivo segue a ser obxecto de ridiculización e desvalorización social debido ao inadecuado tratamento que dende certos medios de comunicación se lle dá ás realidades vitais das persoas LGTBI. Habida conta dos numerosos casos de discriminación que sofren as persoas LGTBI, podemos asegurar que, no Estado Español, a igualdade legal é practicamente unha realidade xeneralizada, sendo aínda hoxe a igualdade social e real do colectivo LGTBI unha materia pendente que hai que abordar con premura e decisión.

O 17 de maio celébrase o Día Internacional contra a LGTBIfobia, é dicir, unha data de loita contra a discriminación por motivos de orientación sexual e identidade de xénero. Por desgracia, a LGTBIfobia persiste na nosa sociedade, mostrándose con moitas e diversas caras. A discriminación exercida contra lesbianas, gais, transexuais e bisexuais é violencia e como tal debe ser denunciada e condenada enerxicamente tanto pola sociedade como polos propios poderes públicos.

Cando se aproban recortes en sanidade que afectan especialmente ás persoas transexuais e se elimina a dotación orzamentaria que sostén o Plan Nacional sobre SIDA, tamén existe LGTBIfobia, por iso reclamamos, nunha moción presentada o 20 de decembro de 2012, que o Concello apoiara aso comités antisida, e tamén, a través dunha moción presentada o 11 de febreiro de 2013, esiximos a creación dun servizo municipal de promoción da saúde sexual.

Ante a lacra da LGTBfobia a educación aparece como o instrumento máis eficaz na loita contra  a discriminación e a intolerancia. A protección e normalización do colectivo LGTBI en escolas e institutos debería ser unha prioridade, en lugar de facer desaparecer os escasos avances conseguidos neste eido coa eliminación da materia de 'Educación para a Cidadanía', unha medida ideolóxica que perpetuará o acoso escolar e o odio á diferenza. Por esta razón, é necesario defender con decisión unha educación pública, laica, humanista e inclusiva que contribúa a poñer fin a esta lacra social e a promover o respecto á dignidade cidadá de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais. Sen esquecer que esta loita pola igualdade non será completa se non traballamos ao mesmo tempo contra outras desigualdades, como o machismo e o racismo.

A discriminación por razóns de orientación sexual e identidade de xénero é unha triste realidade que debe ser erradicada mediante o compromiso de todas e todos. Por iso, neste Día Internacional contra a LGTBfobia é necesario seguir traballando a favor da igualdade e do respecto á diversidade afectivo-sexual e de xénero, reafirmando un compromiso activo cos dereitos de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais y condenando rotundamente a discriminación e a intolerancia que aínda hoxe sofre o colectivo LGTBI.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro.- Que o Concello contribúa, nas competencias que lle son propias, ao desenvolvemento e aplicación de todas as medidas previstas na lexislación vixente contra toda discriminación pola orientación sexual, identidade de xénero e diversidade familiar, coa finalidade de erradicar da nosa sociedade calquera tipo de LGTBIfobia no ámbito familiar, escolar, laboral, social e/ou político.

Segundo.- Que o Concello colabore, con todos os medios necesarios, coas diferentes asociacións LGTBI que desenvolvan a súa actividade no municipio, así como coas diferentes personalidades que a iso se presten, co fin de abordar a necesaria educación e sensibilización social para o recoñecemento da igualdade social e real e o respecto aos dereitos de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais.

Terceiro.- Que o Concello solicite ao Goberno que abandone a súa política inxusta e antisocial de recortes e axustes, con especiais consecuencias para o colectivo LGTBI. Pedir especificamente ao Goberno que reforce o seu compromiso na loita contra o VIHS/SIDA e garanta a viabilidade económica e orzamentaria do Plan Nacional sobre SIDA, así como a inclusión do proceso integral de atención a persoas transexuais no catálogo de prestacións xerais da Seguridade Social

No hay comentarios: