martes, 10 de julio de 2012

Alegacións ós orzamentos


Na sesión extraordinaria do pleno do Concello de Santiago de Compostela, celebrada o día 22 de Xuño de 2012, foi aprobado inicialmente o orzamento xeral do ano 2012.

O día 26 de Xuño publicouse o anuncio de aprobación do orzamento xeral do ano 2012 do Concello de Santiago de Compostela no Boletín Oficial da Provincia de Coruña, establecéndose un período de 15 días, a partir da publicación de dito anuncio para presentar reclamacións.

O artigo 169 do Real Decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da lei reguladora das facendas locais, establece que finalizado o período de exposición pública, as corporacións locais adoptarán os acordos definitivos que procedan, resolvendo as reclamacións que se presentaran.

Unha vez examinado o Orzamento, o Consello Comarcal de Esquerda Unida de Santiago de Compostela presenta as seguintes alegacións ao orzamento do ano 2012.

Exposición de Motivos:

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que na situación actual de crise, con altos niveis de desemprego na cidade, familias que teñen severas dificultades para chegar a fin de mes, e o incremento de desafiuzamentos, o orzamento debe enfocarse a paliar as inxustizas sociais que están a suceder. O orzamento deste ano debe investir en benestar social, en axudas aos máis desfavorecidos, e a promover o emprego, fronte a gastos superfluos ou grandes investimentos de dubidosa prioridade.

Pola contra, as contías destinadas aos programas de Festas son máis do dobre que as dos programas de Fomento de Emprego. A reforma do parque de Ramírez supón un investimento maior ao global nas áreas de Muller ou Mocidade.  Os gastos destinados ás partidas de Educación vense reducidos un 14,7 con respecto ao orzamento do ano 2011.

A veciñanza de Compostela non só terá este ano menos políticas sociais, senón que ademais sufrirá un aumento da presión fiscal. As políticas de axuste do Concello para facer fronte á débeda  polas facturas pendentes de pago sairán dos petos da veciñanza de Santiago que terá que pagar un 8% máis en impostos.

En vez de avogar por unha política fiscal progresiva, nos orzamentos para o ano 2012 realízase unha suba do IBI dun 13,2% sobre o do ano anterior. Increméntase tamén a presión sobre a recadación tributaria, multas e sancións, sendo unha vez máis os de sempre os prexudicados.

O Consello Comarcal de EU Compostela considera que en vez de gravar máis ás familias de Santiago, moitas das cales teñen severas dificultades para chegar a fin de mes, uns orzamentos que se pretenden sociais deberían aplicar máis taxas ás entidades bancarias ou ás grandes empresas.

O Concello de Santiago de Compostela é o máis endebedado das cidades de Galiza, destinando case un 12% do seu orzamento a amortización de débeda máis ao pago dos  correspondentes xuros. 

O Consello Comarcal de Esquerda Unida considera que é necesario retomar o desempeño de certos servizos do Concello que foron externalizados e que na actualidade son xestionados por empresas privadas. O custo dos traballos realizados por outras empresas na parte destinada a Limpeza de Vías Públicas e de Centros Públicos é o 35% do capítulo destinado a Gastos Correntes en Bens e Servizos, e os realizados no mantemento de parques e xardíns un 15%.

Pola seguinte o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela fai as seguintes alegacións ao Orzamento do ano 2012. 

No hay comentarios: