Aquí tedes o texto da moción:
O Consello Comarcal de Esquerda Unida demanda
medidas de apoio para os veciños e veciñas de Compostela que sofren da
enfermidade celíaca.
Calcúlase que as persoas afectadas por esta
enfermidade son unha de cada 100, cun número moi elevado de casos sen
diagnosticar. Trátase da enfermidade
intestinal crónica máis frecuente no noso país.
A enfermidade celíaca é unha intolerancia
permanente ao gluten que produce trastornos e alteracións importantes no
organismo, sendo o seu único tratamento o seguimento dunha dieta estrita sen
gluten de por vida.
Segundo indican a Asociación de Celíacos de
Galicia (ACEGA) e a Federación de Asociacións de Celíacos de España (FACE) o
non seguimento estrito da dieta sen gluten supón un grave prexuízo para a saúde
do celíaco, aumentando o risco de desenvolver outras enfermidades.
O uso de determinados cereais como trigo, cebada ou
centeo na elaboración de produtos de consumo xeral atópanse no 70% dos alimentos comercializados na Unión
Europea. Porén, os enfermos celíacos deben substituír estes alimentos por
produtos especiais sen gluten, de custo
moi superior. O seguimento dunha dieta sen gluten produce un gasto extra que,
segundo os estudos, é de en torno aos 1500 euros por ano.
O Consello Comarcal de Esquerda Unida considera
necesario proporcionar axudas aos enfermos celíacos para afrontar este custo,
como xa se fai na maioría dos países da Unión Europea. Outro dos problemas
fundamentais cos que se atopan os enfermos celíacos e o grande descoñecemento
da enfermidade nas escolas, restaurantes, comedores, etc.
Por todo isto o Consello
Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a
seguinte proposta de
ACORDOS
Primeiro.- Aprobación de axudas económicas, en función da
renda, para a compra de produtos alimenticios por parte das persoas afectadas
pola enfermidade celíaca.
Segundo.- Que nos comedores
escolares se proporcionen menús sen gluten para os nenos celíacos.
Terceiro.- Realización de campañas
de información e concienciación para a diagnose temperá da enfermidade e para
divulgar o coñecemento da mesma por parte da poboación en xeral.
No hay comentarios:
Publicar un comentario