sábado, 7 de julio de 2012

O PP e a devolución do Codex Calixtinus

O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA COMPARTE A SATISFACCIÓN POLA RECUPERACIÓN DO CÓDICE CALIXTINO.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA CRITICA O CIRCO MEDIÁTICO QUE O PP ESTÁ A FORMAR PARA A DEVOLUCIÓN DO CÓDICE CALIXTINO.

Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela a política do absurdo apodérase do escenario político galego e español. Porque absurdo –e lexitimamente aldraxante e insultante para quen a duras penas chega a fin de mes- é que o presidente do estado gaste diñeiro público en desprazarse para facer entrega do recuperado Codex Calixtinus.

E absurdo é escoitar ao presidente da Xunta xustificar, unha vez máis, o inxustificable. O desprazamento de Rajoy implica toda unha parafernalia (seguridade, séquito de aduladores e outros empregados da corte, etc.), financiada desde as –din eles cando aplican a tesoira nos eidos da educación, da sanidade e dos servizos sociais- secas arcas públicas.

Acaso non se consultou ao perito especializado para confirmar que non padeceu danos? Acaso non se practicaron interrogatorios e detencións? Non fixo seu traballo a policía? Pois con que se achegase a propia policía, ou se o prefiren, e xa como cumio da publicitaria fotografía, que fose o conselleiro de educación e cultura, o peor da historia, dito sexa de paso, quen fixese entrega do Codex aos responsables do arquivo catedralicio, abondaba.

Pero non. Os políticos do absurdo queren desviar a atención do importante para deterse nos supostos símbolos que –pensan eles- máis afectan á poboación. De paso, aproveitarán que teñen aos medios de comunicación aos seus pés, para fachendear e meter unha pica electoralista, como as que Feijóo leva nas súas viaxes a Latinoamérica.

Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela estes son os tempos dunha traxedia que queren disfrazar de comedia. É insultante. Así, en tempos en que Rajoy nos ameaza cos “venres de paixón”, anunciando novas, duras e inxustas medidas de recortes en materia de dereitos, que só cercenan as posibilidades de vivirmos con dignidade, en tempos en que nin se digna en saír de forma directa a explicarlle ao seu pobo as condicións da entrega do futuro do país aos intereses financeiros (dándose o lóxico ‘cabreo’ de países europeos que non entenden a nosa política do absurdo que impulsa a amnistía fiscal e perdoa a banqueiros e políticos sen escrúpulos), a súa señoría converte en esperpento, en espectáculo cabareteiro –con todo o noso respecto para o teatro do cabaret- o que debera ser integridade política e coherencia ética.

E así a austeridade neoliberal, que é a que abafa á cidadanía, vólvese desbaldimento de recursos públicos para solaz dunha caste política que vive de cóstas ás necesidades reais do pobo.

No hay comentarios: