miércoles, 14 de enero de 2015

Xuntanza coa AVV Francisco Asorey da Almáciga



ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNESE COA A.VV. FRANCISCO ASOREY DA ALMÁCIGA PARA A ELABORACIÓN COLECTIVA DO PROGRAMA ELECTORAL DAS MUNICIPAIS

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA DENUNCIA QUE O GOBERNO LOCAL DO PP COVIRTE A ALMÁCIGA NUN BARRIO DE OBRAS ABANDONADAS OU ESQUECIDAS

Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Xabier Ron e Vicente Vázquez, mantiveron un encontro coa AVV Francisco Asorey da Almáciga, dentro do programa de visitas ao tecido asociativo da cidade para coñecer de primeira man as necesidades do barrio e facelo partícipe no proceso de elaboración colectiva do programa das municipais de maio do 2015 .

A xestión do equipo de goberno de local do PP neste barrio é nefasta e totalmente lesiva para cos intereses da veciñanza. É inaceptable que, sen informar debidamente á veciñanza, se paren as obras de acondicionamento do Parque da Almáciga. O parque, agora mesmo, ofrece un estado lamentable que, de non realizarse as obras precisas, empeorará e farán inútil o traballo realizado ate o de agora. Xa leva dous meses sen iluminación. E o Alcalde, en vez de asumir o goberno, dilles aos veciños e veciñas que falen coa empresa que realiza as obras.

Os accesos do Parque son perigosísimos para a saúde das persoas. Nun só día de choiva o parque converteuse nunha lodeira que correu cara abaixo por non existir ningunha obra axeitada de canalización de augas. As árbores non se podan desde hai anos: algunha delas déitase enriba do tellado do local da asociación veciñal.

Esiximos ao señor alcalde que goberne para toda a cidade e que se retomen as obras de inmediato para solucionar as eivas existentes e que, por suposto, manteña debidamente informada á veciñanza.

Durante a visita por todo o barrio que nos fixo a AVV Francisco Asorey quedou demostrada a mala planificación das obras e a peor execución das mesmas. A rúa Escultor Asorey empeorou o seu trazado debido á instalación en plena ascensión de elementos decorativos sen ningún sentido, obrigando a trazar unha curva en plena pendente.

Existe, igualmente, absoluta incomprensión cara á creación dunha mini-alameda na parte baixa da Caramoniña, que representa un desbaldimento de diñeiro público, quizais para o único uso e disfrute dos chalés de luxo construídos máis arriba.

As numerosas dúbidas sobre o destino do diñeiro público prometido dentro do Plan Urbana Norte para as obras do barrio derivou nunha demanda da Asociación para que Esquerda Unida a través do grupo AGE formule unha iniciativa ao respecto no Parlamento de Galicia.

As obras son unha chapuza: contedores que seguen bailando e sen soterrarse; beirarrúas que son mosaicos de diferentes elementos construtivos; farolas vellas que non se cambian; beirarrúas que seguirán ofrecendo un aspecto lamentable e non adaptado ás necesidades das persoas con diversidade funcional; dificultades para acceder aos garaxes; obras, en definitiva, mal acabadas ou directamente esquecidas. E todo de forma contraria ao que se especificaba na Memoria de actuación do Plan Urbana Norte.

Entre as moitas carencias detectadas, merece unha mención especial a obra na rúa de Basquiños: construción dun muro insólito, de aspecto segregador, que impide o acceso a todo tipo de persoas no paso dunha beira a outra, e que vai dificultar a vida das persoas en aspectos tan esenciais como seren atendidas por unha emerxencia médica.

Unha rúa que, a pesar de ser de dobre dirección, coas obras realizadas xa se aprecia que se estreita en demasía e que, a pesar de existir posibilidades para impedilo, os buses urbáns seguirán deténdose para recoller pasaxeiros e pasaxeiras en plena calzada, entorpecendo así a fluidez do tráfico que nesa zona adoita ser bastante denso en determinadas horas do día.
.
Un feito non menor é que as obras realizadas na escalinata da Igrexa da Pastoriza atentan contra a protección do elemento patrimonial. E, no estado actual das obras, a actuación na ascensión á rúa de Touro, para que os autobuses podan realizar traxectos en beneficio da veciñanza, ofrece moitas interrogantes.  

O Alcalde debera repensar como goberna e non darlle as costas aos barrios tradicionais da Cidade e debra arbitrar os mecanismos necesarios de participación cidadá para que veciños e veciñas coñezan como se van a desenvolver as obras e mesmo poder achegar suxestións de mellora. Mais todo indica que o Alcalde actual, de goberno dedocrático, despreza a participación, xa que mesmo un elemento de participación co que se dotou o Plan Urbana Norte, como a propia páxina web (www.urbanasantiagonorte.org/) non está actualizada e segue anunciando que o Alcalde é Ángel Currás Fernández.

E, desde logo, denunciamos a actuación prepotente e autoritaria da concellería de turno, non elixida polo pobo, que, logo de reunirse cos veciños e veciñas antes de Nadal dixo, antes as críticas realizadas: “as obras fanse así porque si”.

Estas son as formas dun goberno tecnocrático e dedocrático, que oficiliaza o seu traballo unicamente a través do DOG, deixando de lado a participación de veciños e veciñas. Estas son as formas de goberno que deben destarrarse para sempre o vindeiro mes de maio de 2015.

No hay comentarios: