lunes, 3 de diciembre de 2012

Valoración Pleno novembro



VALORACIÓN DO PLENO DO 29 DE NOVEMBRO DE 2012

O representante do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Vicente Vázquez, proseguindo co traballo municipal de EU, acudiu ó Pleno para valorar o que alí se faga ou diga.

Os cinco primeiros puntos da orde do día foron protocolarios trámites de aprobación de actas, lecturas de declaracións institucionais sobre o 25N e o manifesto FAPE en defensa do xornalismo e unha corrección na ordenanza de terrazas.

O sexto punto da orde do día, aprobado cos votos a favor do PP e as abstencións do PSdeG e o BNG, versou sobre 5 modificacións orzamentarias, que servirían dende pagar mobiliario para o novo CSC de Santa Marta até pagar as horas extras dos funcionarios municipais dos últimos meses do ano 2011.

Sen entrar en maiores valoracións, salvo as tamén expresadas por BNG e PSdeG, de que o PP mostra unha vez máis a improvisación que o caracteriza o ter que modificar un orzamento que aprobou fai escasos catro meses, dende o Consello Comarcal de EU Compostela urximos ó equipo de goberno a que presente o antes posible os orzamentos para o 2013, xa que non pode, como prometera, o 31 de outubro, polo menos que non oculte as regresivas contas municipais moito tempo para poder saber a que se debe atener a cidadanía compostelán.

O punto 7 da orde do día, aprobado cos votos a favor do PP, era unha declaración de indispoñibilidade de créditos do plan de axuste, neste caso nos unimos o voto contrario do PSdeG e BNG, dado que nunca compartiremos calquera medida que veña imposta polo nefasto plan de axuste que hipoteca o futuro deste concello por 10 anos.

Dos seguintes puntos da orde do día do Pleno so compre destacar, pois o resto eran meros trámites, o puntos que versaron sobre o regulamento de venda ambulante, sobre as taxas xudiciais e sobre os desafiuzamentos.

No tocante o regulamento de venda ambulante, dende o Consello Comarcal de EU ratificámonos, unha vez máis, que é necesaria a participación cidadá para conseguir texto operativos e satisfagan as necesidades dos veciños e veciñas, e evitar que o Pleno se converta, como ocorreu neste caso, en un estéril debate de propostas da oposición que se poderían engadir a esta ordenanza para mellorala.

No tocante á proposta do PSdeG contra as taxas xudiciais, desestimada polo votos en contra do PP, e a do BNG, sobre a modificación da Lei Hipotecaria, aprobada, tras unha emenda do PP, por unanimidade, dende o Consello Comarcal de EU Compostela manifestamos a nosa oposición as taxas xudiciais anunciadas por Gallardón e criticamos puerís actos de unidade como a aprobación unánime da moción do BNG, cando ese mesmo día se aprobaba no congreso dos deputados medidas cosméticas que non solucionan o espolio que a clase traballadora está a sufrir por parte dos bancos.

O Pleno rematou con dous rogos do BNG e varias mocións sobre diversos temas presentadas polo PSdeG e o BNG.

No hay comentarios: