jueves, 22 de noviembre de 2012

Manifesto polo 25N



Contra os recortes en políticas de Igualdade e na loita contra a Violencia Machista


Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela a violencia machista, no só non dá tregua senón que nos últimos tempos parece atopar un maior respaldo. Amparada polo goberno do Partido Popular e as institucións, a misoxinia expándese.

As mulleres sufrimos menores salarios en iguais traballos, maior pobreza, menos oportunidades, máis precariedade laboral, menores taxas de actividade recoñecida, responsabilidade dos coidados a dependentes, e escasa representación nos órganos directivos empresariais e políticos. Mentres continúan os asasinatos, escoitamos declaracións de altos cargos que incitan á violación, ameazase coa modificación regresiva da Lei do Aborto, continúan as sentencias xudiciais a favor do acoso sexual, mantense a desprotección e a falta de medios para a independencia das mulleres maltratadas e ameazadas, seguen as obscenas mostras de linguaxe institucional machista e as subvencións a centros educativos que segregan por sexos. Continúa, en definitiva, o desmantelamento de todo organismo e recurso público en prol da igualdade e a regresión nas actitudes das institucións que deberían dar exemplo.

No 2012 o número de mulleres asasinadas aumentou con respecto ao ano anterior, mais os orzamentos da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero sofren un recorte dun 21,3%.  O Instituto da Muller e os Plans para Igualdade sofren tamén recortes superiores aos de outros ministerios. No entanto, o trato de favor á Igrexa Católica segue a aumentar.

A Xunta do PP suprime o SGI (Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller) desmantelando políticas de igualdade nun momento especialmente crítico para as mulleres.  Desde o ano 2007 a Comarca de Santiago carece dunha casa de acollida para as vítimas da violencia machista.
Quérennos converter en cidadáns de segunda onde dereitos tan fundamentais como decidir sobre as nosas vidas deberán ser tutelados, convertendo a maternidade nunha imposición, non nunha opción.
 Dende Esquerda Unida Compostela esiximos que a violencia machista sexa eliminada definitivamente das nosas vidas.  Esiximos, como é de xustiza:

            - A loita pola eliminación da violencia machista: maltrato psíquico, agresións físicas, violencia sexual. Tanto o Concello de Santiago, como outras Administración Públicas, centren os seus recursos económicos e humanos en extinguir esta lacra e asistir ás súas vítimas;

- a loita efectiva contra o acoso laboral e sexual;

            - a loita pola igualdade laboral: fin da discriminación salarial e da disparidade de oportunidades e dereitos;

            - e o dereito a decidir sobre o propio corpo.

En definitiva, a IGUALDADE!

No hay comentarios: