miércoles, 7 de noviembre de 2012

Xuntanza coa AV Pontepedriña



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA PROSEGUE AS REUNIÓNS CO TECIDO ASOCIATIVO DE SANTIAGO MANTENDO UNHA XUNTANZA COA AV PONTEPEDRIÑA.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA COMPARTE AS RECLAMACIÓNS VECIÑAIS RESPECTO Á SEGURIDADE VIARIA, A MELLORA DA ILUMINACIÓN E O ACONDICIONAMENTO DE ESPAZOS PÚBLICOS.

Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, José María Tubío e Vicente Vázquez, proseguindo co programa de reunións co tecido asociativo da cidade mantiveron unha xuntanza coa directiva da AV Pontepedriña.

No transcurso da xuntanza os representantes da AV manifestaron que dende a anterior xuntanza co Esquerda Unida, en abril do 2011, non se levaron a cabo a maioría das súas demandas para mellorar o barrio.

Unha das súas principais reivindicacións, que o Consello Comarcal de EU Compostela comparte, é a de abrir o barrio de Pontepedriña ao Ensanche grazas a un acceso peonil, aberto 24 horas, a través da estación do tren. Mais como é obvio este proxecto está parado debido á inoperancia do goberno local do PP, dado que a día de hoxe aínda non hai un proxecto definido de estación intermodal que faga posible elaborar o proxecto deste acceso até o Hórreo para os veciños e veciñas.

Tamén se reiterou a necesidade de mellorar a iluminación, tanto no troco de farolas en mal estado, por exemplo na rúa Boqueixón, como a necesidade de que a austeridade non poña en risco a seguridade dos peóns, como ocorre na rúa Clara Campoamor, onde por cada farola acesa hai dúas apagadas, o que provoca que as persoas que deban camiñar de noite por esta beirarrúa o fagan na penumbra existente.

Nesta rúa Clara Campoamor a AV, ademais de reivindicar que se controlen os excesos de velocidade existentes, expuxo a necesidade de que se realicen as obras necesarias para acondicionar o solar existente nesta rúa e que foi expropiado para darlle unha utilidade pública.

O Consello Comarcal de EU Compostela comparte as demandas feitas pola AV respecto a limpeza de solares e rúas, como por exemplo na rúa Vedra, a necesidade de solucionar o problema de insalubridade que provocan os edificios abandonados no barrio e de poñerlle remedio aos vertidos de augas fecais ao río Sar.

Por último, o Consello Comarcal velará porque se cumpra a promesa feita polo PP de acondicionar o parque infantil a carón do CSC e por procurar que se faga efectivo o uso público do quiosco situado no parque Eugenio Granell

No hay comentarios: