sábado, 13 de octubre de 2007

O 14 de outubro, comeza a Semana de Acción Global contra a Pobreza

Mañá 14 de outubro de 2007 comeza a Semana de Acción Global contra a Pobreza. Co gallo desta semana a nosa Agrupación Comarcal tomou a decisión de presentar dúas iniciativas:

1) Presentar unha moción con medidas para erradicar a desigualdade e a pobreza, unha desigualdade que non é tan só unha dimensión vertical, de Norte a Sur, senón que tamén abrangue unha dimensión horizontal e circundante, a do propio bandullo das cidades (o chamado Cuarto Mundo que, en EE.UU, por poñer un exemplo coñecido, afecta a máis de 50 millóns de persoas desasistidas). En España os estudos contribúen a situar un 20% das persoas na soleira da pobreza. No noso Concello non é menos evidente esta porcentaxe, á que deberemos sumar as máis de 5000 persoas que están no desemprego (desigualdade estrutural), as persoas maiores de 65 anos que viven soas (meirande parte, mulleres e con pensións ridículas). De aí que nas demandas nada mellor que solicitar unha defensa do público como patrimonio daquelas persoas que non o teñen,e ntre outras medidas que se poden ler neste mesmo blog.

2) Presentar a II Plenaria Internacional pola Paz en Colombia
Aproveitando unhas conversas co sindicalista colombiano Gilberto Torres, animámonos a divulgar esta II Plenaria, unha iniciativa da Asemblea Permanente da Sociedade Civil pola Paz en Colombia, da que é voceiro Gilberto Torres. En días sucesivos colocaremos o cartaz de presentación do acto, que terá lugar o venres 19 de outubro, ás 19h30 no salón de actos da Facultade de Filosofía (na praza de Mazarelos).
A violencia e a guerra son unha das causas que explican a desigualdade e de pobreza. De aí o noso compromiso coa erradicación desta guerra e de todas as guerras que só provocan, hoxendia, movementos de poboación civil, no mellor dos casos cando poden evitar a morte, entre fronteiras cada vez máis endurecidas á dor humana, cada vez menos acolledoras, cada vez menos humanas.

O martes detallaremos a presentación desta Plenaria.

Un saúdo

Se a u-topía é posible
Outro mundo é probable
Xabier Ron

No hay comentarios: