viernes, 25 de abril de 2008

Reflexión do responsable de Mocidade de Ames

Daniel Amador, responsable de Mocidade de Esquerda Unida Ames, reflexiona sobre un feito de actualidade:

LADRILLO E INTEGRACIÓN

Dende fai anos sufrimos un grave problema non resolto no eido da construción. Este problema consiste principalmente na existencia dunha dobre legalidade;

a) a legalidade de dereito e

b) unha “legalidade” paralela, consolidada pola vía dos feitos e que é incomprensible no resto do noso contorno europeo.

A primeira delas constrúe unha realidade ficticia na que tanto as leis coma os instrumentos que as desenvolven, que son os plans urbanísticos, pintan un panorama cheo de termos técnicos e de compricados procedementos administrativos que na práctica quedan valeiros de contido.

Fronte á realidade de dereito prima a segunda realidade, a dos feitos, que consiste en tolerar a construción masiva ao marxe do plan urbanístico que posteriormente legalizará ,de forma milagreira, o que xa de por si é ilegal.

Froito da segunda vía prodúcese un efecto nocivo e que afecta aos máis elementais principios de xustiza; este efecto consiste na falta de execución das sentenzas, que se acumulan nos tribunais e que ditan a ilegalidade dalgunhas das construcións. Tendo en conta esta situación a xustiza non é tal, xa que os fallos non se converten na realidade en feitos concretos. Coñecendo esta acumulación de sentenzas que non se queren executar a pregunta que nos debemos facer a cidadanía é a seguinte: Cales son os criterios para executar unha sentenza e polo tanto derrubar unha edificación ilegal?

Para contestar a esto temos que distinguir dúas realidades

A primeira, a costa, tanto a do noso país coma o do resto do litoral, infestada de construcións que non respetan a legalidade e que foron froito de licenzas indiscriminadas outorgadas por autoridades corruptas. Estas vivendas, que son na meirande parte dos casos segundas vivendas, permanecen intocables mirando ao noso litoral, con ar de superioridade e sabendo que teñen a total seguridade de non seren tocadas por ninguén.

A outra realidade é a que estamos a ver nos últimos tempos nos medios de comunicación (por exemplo a Cañada real e outros asentamentos) nos que se amosan intervencións policiais desmesuradas contra poboados, chabolas..etc, a meirande parte delas formadas por persoas de etnia xitana. Estas vivendas son por suposto vivenda de primeira necesidade .Visto este agravio comparativo é esta a mellor maneira de integrar?.

O principio de legalidade obriga a que a lei deba ser cumprida e non se pode eximir do seu cumprimento ni por razóns económicas nin por razóns étnicas. En todo caso, as posibles excepcións deben ir encamiñadas precisamente, e en termos de xustiza social, ás persoas que non teñen outra vivenda e que quedan condeadas á rúa e non a aqueles que utilizan as vivendas uns poucos días ao ano e que teñen recursos dabondo para subsistir. Mentres non se aborde este tema os efectos os veremos todos os días; ás clases menos favorecidas reprimidas e desaloxodas, en moitos dos casos ilegalmente, mentres as clases dominantes mirarán a noticia dende o seu flamante chalet da costa, chalet por suposto ilegal.

Ames, 24 de abril de 2008

No hay comentarios: