martes, 6 de marzo de 2012

Moción 8 de Marzo

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presentou unha moción polo 8 de Marzo.

Aquí tedes o texto da moción:

Esquerda Unida Compostela neste 8 de Marzo quere manifestar o seu máis profundo rexeitamento ao recorte en materia de protección social que o PP está implantando a nivel do Estado e nas autonomías onde goberna.

A anunciada reforma da Lei de interrupción voluntaria do embarazo retrotrae ás mulleres aos momentos da transición política considerándoas como seres incapaces para decidir sobre as súas propias vidas.

Se xa en si mesmo a chamada “lei de dependencia” tiña un enfoque sexista ao incentivar o relegamento da muller a tarefas do coidado doméstico, a decisión de non continuar financiándoa, significará, amais de suprimir un dereito necesario, unha rápida involución e un retorno aos vellos roles que a sociedade patriarcal quere para a muller.

Dende o Consello Comarca de EU Compostela criticamos tamén a reforma laboral, que aumentará a feminización do desemprego e da pobreza, e a extensión da xenofobia na sociedade, debido á existencia dunha lesiva lei de inmigración e á transmisión de valores racistas, que afecta con maior rigor ás mulleres inmigrantes.

Cómpre destacar que os homes seguen sen compartir equitativamente as cargas familiares e as tarefas domésticas, e non son as leis as que deben mudar esta situación, senón una conciencia social de igualdade que transforme a cultura patriarcal e sexista que aínda existe. Por iso o 8 de marzo, é a data propicia, para que este Concello mostre a súa vontade para acadar esa sociedade, onde as mulleres sexan cidadás en plenitude de dereitos.

Por todo isto, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro.- O Concello comprométese a perfeccionar os mecanismos para que a igualdade da muller sexa unha realidade.

Segundo.- O Concello elevará ao Goberno do Estado a esixenza de non restrinxir os dereitos das mulleres e a necesidade de paralizar toda reforma regresiva, como a da lei de interrupción voluntaria do embarazo.

No hay comentarios: