lunes, 4 de junio de 2012

Valoración Pleno maio


VALORACIÓN DO PLENO DO 31 DE MAIO DE 2012

O representante do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Vicente Vázquez, proseguindo co compromiso e a responsabilidade que os votos acadados esixen a esta organización, acudiu ó Pleno para valorar o que alí se faga ou diga.

O Pleno comezou, como en todas as ocasións, coa protocolaria aprobación de dúas actas, e coa unión dos puntos da orde do día dende o 3 ata o 9 sobre cuestións urbanísticas que foron aprobadas sen apenas debate, máis aló de pequenas cuestións técnicas.

Foi o punto 10 da orde do día o que suscitou maior debate en todo o Pleno, pero antes de facer o noso posicionamento, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela queremos recalcar unha vez a imperiosa necesidade de levar a cabo a nosa proposta de Democracia Participativa.

Esta mención á necesidade de facilitar canles de participación da cidadanía fíxose patente onte cando durante o Pleno varias persoas interrumpiron o uso da palabra, para manifestar o seu malestar pola ordenanza de ocupación de vía pública, na que entre outras medidas se quere levar a cabo o cobro por mesas informativas.

Dende o Consello Comarcal de EU Compostela entendemos a medida tomada polo alcalde de desaloxar a estas persoas do Pleno, acatada por todos os grupos políticos sen maiores esixencias que aclarar certa cuestión protocolaria, pois o regulamento do Pleno permite, unha vez feitas certas cuestións previas, que sexa factible intervir ó comezo do Pleno brevemente para expoñer algunha cuestión, mais estas persoas non fixeron a petición formal en tempo en forma para poder falar.

Por suposto EU Compostela, tal e como reflicte en todos os seus documentos políticos e programáticos, considera vital que o Pleno se converta en algo máis que simple debate entre partidos políticos que conseguiron lexitimamente a súa representación, por iso defendemos a necesaria participación da cidadanía organizada en plataformas, asociacións, ONGs... na vida institucional do Concello, tanto no debate de medidas como na faceta propositiva desas medidas que poidan mellorar a cidade, mais o que non podemos apoiar e que cando alguén así o considere oportuno poida elevar a súa voz para gritar a defensa de certos aspectos.

Por todo isto Esquerda Unida Compostela seguirá manifestando e propoñendo que se faga efectivo o regulamento que dea cabida, por fin, á participación real da cidadanía a través dos diferentes mecanismos da Democracia Participativa.

No estrictamente ocorrido no debate deste punto da orde do día, desde o Consello Comarcal de EU Compostela non compartimos a abstención do PSdeG, pois, por moito que se defenda que nas alegacións se poderán modificar os puntos polémicos desta ordenanza, o noso posicionamento, aínda compartindo moitos dos puntos expostos, coma o cobro a caixeiros automáticos, sería totalmente contrario á aprobación inicial desta ordenanza, pois para nós é inadmisible cobrar por mesas informativas.

Tanto o punto 11 como o 12 do da orde do día foron tamén protocolarios e se aprobaron sen apenas debate.

Unha vez máis un punto da orde do día, neste caso o número 13, valeu para, sen chegar ó nivel inadmisible doutras ocasións, o PSdeG e o PP perderan o tempo en debates estériles sobre cifras e acusacións de e ti máis e ti peor, dito punto, unha proposta sobre o comercio da cidade presentada polo PSdeG foi rexeitada grazas ós votos do PP.

No punto décimo cuarto da orde do día volveuse a escenificar, unha vez máis, a lamentable actitude do PP, pois o BNG presentou unha proposta para a conmemoración, no 2015, do 30 aniversario da declaración de Santiago como cidade cultural Patrimonio da Humanidade, e a principal, por non dicir única, razón pola que o PP non a apoiou foi que cando eles presentaran para conmemorar o 25 aniversario o PSdeG e o BNG non a apoiaran, é dicir, unha vez máis, sen disimulos, o PP certifica que moitas medidas se fan como un certo tipo de axuste de contas de lexislaturas pasadas. Por suposto consideramos que o bipartito tivo moitos erros, pero non se pode escudar niso o alcalde para cometer o que son simples “actos de vinganza”.

Dende o Consello Comarcal de EU Compostela non teríamos inconvinte en apoiar estas propostas, se realmente significasen un fomento do turismo, sobre todo o de baixa intensidade, pero de calidade, máis aló da espectacularización de actos.

A proposta do Bloque, no punto 15, sobre incorporación laboral das persoas con risco de exclusión laboral, volveu resultar un debate estéril sobre datos e máis datos entre os tres grupos políticos, para rematar sendo rexeitada polos votos do PP. Por suposto o Consello Comarcal de EU Compostela apoiaría esta proposta, se realmente tivera medidas concretas e efectivas para levar a cabo, e non ser unha mera escusa para xustificar traballo organizativo nun Pleno.

O punto 16, unha proposta do BNG sobre a regularización das persoas empregadas do fogar foi aprobada por unanimidade tras unha modificación realizada polo PP.

O Pleno rematou, ademais de con varios puntos protocolarios de dar conta, con 3 rogos do BNG, dos que o PP so tomou en consideración o de poñer a unha rúa da cidade o nome de Valentín Paz Andrade, proseguindo cunha pregunta, tamén do BNG, sobre a taxa turística tendo por resposta que simplemente se estaba estudando, que non era unha medida para levar a cabo de inmediato, e por último o PP non apoiou a urxencia, polo tanto nin se debateron 3 mocións presentadas polo BNG e outras 3 presentadas polo PSdeG.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Paraceme lamentable que unha forza á que lle din meu voto poida decir que entende que o alcalde (non elixido democraticamente) desta cidade vote a dous cidadáns do pleno por exercer a súa liberdade de expresión. Parece mentira que apoiedes poñer barreiras á liberdade de expresión.

Cando un goberno quere aprobar unha medida que vai contra todo principio minimamente democrático é un deber da cidadanía levantarse contra esa medida, levantando a voz en todos os lugares onde sexa necesario.

eu-santiago@esquerdaunida.org dijo...

Boas.

En primeiro lugar agradecerche o teu comentario.

No tocante o que expresas sobre que non te gusta que a forza política a que diches o teu voto poda entender o feito polo alcalde, agardo que a explicación que a continuación expoñerei poida axudarche.

En todos os programas electorais, en todos, EU leva como unha das medidas máis importantes a implementar a de regular debidamente a democracia participativa, como poderás comprobar xa presentamos nesta lexislatura a moción pertinente para conseguir a participación real, tanto no debate como nas propostas, da cidadanía.

Por suposto, como xa expresamos varias veces, é inaceptable esta ordenanza, e obviamente hai que mobilizarse para que non se leve a cabo, pero hai moitos recursos para facelo, dende concentracións, manifestación até recollida de sinaturas ou alegacións, mais consideramos que interromper o transcurrir dun Pleno non é a mellor opción.

E non o consideramos correcto, en primeiro lugar, porque hai outra vías para lograr que se escoite a denuncia e, sobre todo, conseguir que non se leve a cabo.

En segundo lugar porque en que situación ou ata que persoa decide cando é lexítimo interromper un Pleno e cando non, é dicir, como sabrás Esquerda Unida Compostela non está representanda no Pleno porque unha lei electoral inxusta o impide, impide que representemos ás máis de 1900 persoas que nos votaron.

Entón como non estamos no Pleno, para nós de maneira totalmente inxusta, que facemos podemos consideranos no noso dereito de exercer a liberdade de expresión e interromper os Plenos cando o considermos oportuno para, por exempolo, defencer a nosa moción de Democracia Participativa, ou a nosa moción de Orzamentos Participativos, ou a nosa moción sobre a axencia municipal de alguer.

E por este motivos que entendemos que o alcalde non poida deixar intervir a quen queira falar do público asistente, o non entendemos, e por iso estamos loitando, é que a Democracia e moito máis que votar cada 4 anos, por isto neste mesma valoración puideches ler que para evitar estes incidentes, e necesario acadar a Democracia Participativa.

Perdoa a larga contestación, un saúdo.