miércoles, 10 de junio de 2015

Vulneración de dereitos das persoas maiores no centro sociocomunitario "Porta do Camiño"



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA DENUNCIA A ACTUACIÓN NEGLIXENTE DA XUNTA DE GALICIA CON RESPECTO AO CENTRO SOCIOCOMUNITARIO “PORTA DO CAMIÑO” DA NOSA CIDADE

O INFORME DO VALEDOR DO POBO DO ANO 2014, PRESENTADO ONTE NO PARLAMENTO DE GALICIA, REFLICTE A VULNERACIÓN DE DEREITOS DAS PERSOAS MAIORES E AS DRAMÁTICAS CONSECUENCIAS DOS RECORTES EN POLÍTICAS SOCIAIS

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela denuncia, unha vez máis, as políticas de recortes que seguen xerando situacións dramáticas e discriminatorias na sociedade galega, tal e como mostra o Informe do Valedor do Pobo do ano 2014, presentado onte no Pleno do Parlamento de Galicia.

Entre outras vulneracións de dereitos, o ano pasado a Xunta de Galicia atacou especialmente ás persoas maiores usuarias do Centro sociocomunitario situado na Residencia de maiores “Porta do Camiño”, na nosa cidade.

Dende hai anos, as persoas usuarias do centro sociocomunitario  (chegaron a ser case 200) viviron a paseniña redución de actividades ocupacionais (coro, teatro, manualidades, …) pero o ano pasado sufriron  a supresión de todas as actividades que se viñan realizando co financiamento da Xunta (obradoiros de prevención de dependencia, memoria, psicomotricidade,…) permanecendo de xeito gratuíto só as actividades impartidas por persoas maiores voluntarias e pola Fundación La Caixa. A Xunta privatizou as outras actividades nunha empresa, o que supuxo o copago para as persoas usuarias, a maioría das cales non poden asumir o custo das mesmas.

Así, o Informe do Valedor do Pobo indica que  “365 cidadáns presentaron queixa polo funcionamento da residencia-centro sociocomunitario Porta do Camiño en Santiago de Compostela  (Q/19122/14 a Q/19486/14 –área de servizos sociais)”. As persoas usuarias, de avanzada idade, nun exemplo de dignidade e de loita polos seus dereitos, protagonizaron múltiples protestas diante do centro, ademais de recorrer ao Valedor do Pobo.

O Consello Comarcal de EU Compostela denuncia esta degradación calculada dos dereitos sociais e a demolición progresiva dos servizos públicos, ademais da súa privatización, mercantilización e externalización. Estes recortes, que veñen a engadirse ás baixas pensións que percibe a maioría do colectivo, debuxa un preocupante perfil de pobreza, precariedade e vulnerabilidade das persoas maiores.

Consideramos que unha política social axeitada para as persoas maiores debe ter unha concepción integral e integrada cara un envellecemento saudable e que os converta en protagonistas das decisións que se adoptan. E esta política social debe encadrarse nos principios de equidade, autonomía, solidariedade, recoñecemento da diversidade, participación, impulso ás relacións interxeneracionais e proximidade.

O movemento asociativo debe ter un importante papel na súa representación e participación social e institucional; así, é imprescindible que as políticas sociais impliquen unha aposta radical pola promoción da autonomía persoal e pola igualdade de dereitos das persoas maiores, e non se limiten a parte meramente asistencialista, a única que parece interesar ao goberno do PP pola súa deriva mercantilista e de negocio.

No hay comentarios: