sábado, 25 de agosto de 2007

As mulleres son as únicas vítimas, os explotadores tan contentos

O Consello Comarcal de Esquerda Unida desexa facer público o seu malestar e indignación polas consecuencias das recentes redadas en dous locais de alterne de Compostela e Bertamiráns. Malestar e indignación xa que o “castigo” para as mulleres atopadas en situación administrativa irregular foi o de abrir un expediente de expulsión, para que recaian, de novo e unha vez máis, nas mesmas redes de trata de persoas que as trouxeron.

Mentres, os responsables dos locais, os explotadores, ou cando menos os que se lucran, tiñan que, unicamente, facer fronte a unha multa de 6000 euros por cada unha das persoas en situación irregular. Iso é o que vale a vida dunha persoa para as autoridades españolas.

A esta agrupación comarcal gustaríalle saber se, cando menos, os explotadores pagaron dita multa para que, cando menos o local de Bertamiráns, xa estea desde hai uns días de novo aberto.

Vése claramente que para os explotadores a sanción económica é unha “ganga” e que as mulleres prostituídas son vítima por partida dobre, vítimas das redes de trata de persoas e da explotación sexual e vítimas da absurda e inhumana Lei de Estranxeiría levada a cabo polo goberno socialista. Inhumanidade que se confirma co Protocolo previsto por Interior onde se permiten prácticas que atentan contra a dignidade das persoas e que sitúan ao noso páis no sendeiro das prácticas dos Estados Unidos e nos afastan dos parámetros dos Dereitos Humanos, hoxe, máis que nunca, no saco dos intereses neoliberais dos países ricos.

Cómpre rematarmos coa hiprocrisía xeral que acompaña ás palabras dos nosos gobernantes e que, dunha vez por todas, se procure unha solución “humana” e integradora para as persoas sometidas a estas redes e a esta explotación. E, desde logo, as sancións para os explotadores deberían ser moito máis severas.

No hay comentarios: