miércoles, 20 de junio de 2007

Patrimonio e capitalidade....o Camiño de Santiago en perigo

A Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago fixo un chamamento para que non se execute a construción do polígono industrial do Concello de O Pino. Un polígono do que se calculan un millón de metros cadrados e que, ao que parece, vai borrar máis dun quilómetro do Camiño de Santiago entre Amenal e a rotonda de Lavacolla.

O Camiño de Santiago é Patrimonio da Humanidade e, como tal, goza de protección. Se é verdade o que a citada Asociación comunica estaríamos ante un feito grave.

Cómpre, en calquera caso, seriedade e coherencia. Non pode ser que esteamos afeitos a campañas publicitarias que enxalzan as excelencias do Camiño de Santiago para logo ter que denunciar unha situación como a que hoxe se comunica aquí.

Máis aló dos gustos particulares de cada quen, o Camiño, se se respectara a súa dimensión, debería ser e conservarse como unha enorme arteria verde. Loxicamente, na dinámica do capital -aí entra como en tantos outros eidos a contradición do capital-o Camiño vai máis aló do enfoque espiritual e relixioso: e penetra con insistencia na dinámica mercantilista. Esa propia dinámica é, curiosamente, a que fai do Camiño reclamo publicitario e agora carne para o cemento.

Nesta dinámica, é preciso dicilo, o que fai o Concello de O Pino repercute de forma directa na globalidade do Camiño, sobre todo na visión que dará dito Camiño alén destas terras como xa está acontecendo con ducias de mensaxes que nos chegan de América e de diversos puntos da Península.

Pero, ademais, afectará, de consumarse, a imaxe que debe ter o Camiño de Santiago para a cidade que é meta e destino de calquera peregrinación.

Cómpre, insistimos, seriedade e coherencia e, dunha vez por todas, pensar que desenvolvemento non vai asociado de forma inequívoca a arrasar o noso Patrimonio. Non se pode optar por un modelo que manteña intacto e protexido o treito do Camiño de Santiago ao seu paso polo Amenal?

A Capitalidade, se temos que crernos as palabras da Corporación recentemente constituída, conleva un modelo de desenvolvemento que será respectuoso co medio ambiente...., é preciso continuar?

No hay comentarios: