domingo, 3 de junio de 2007

Esquerda Unida denuncia o enfoque urbanístico dado ao polígono 4 de Fontiñas

Unha vez máis demóstrase que Fontiñas vai perder de forma absoluta todos e cada un dos espazos verdes naturais que lle quedan. Para Esquerda Unida o esencial é que os veciños e veciñas poidan participar no deseño do barrio e, sobre todo, para que se faga unha avaliación das necesidades reais para o mesmo. Isto, hoxe, co goberno saínte e co entrante, é e será unha entelequia.

Esquerda Unida repara en que non se fai nada por humanizar o barrio no seu conxunto, senón que só se procura reurbanizar o rueiro central que leva á superficie comercial e procurar novas construcións. A nosa organización pon énfase en que:

Todas as rúas do barrio precisan dun plan de humanización, xa que as beirarrúas están todas esnaquizadas pola plantación errada de árbores non adecuadas polo medre das súas raíces.

O barrio quedou sen campo da festa debido ao cambio de planificación inicial na rúa Madrid, quedando sepultado para sempre e inutilizado un enorme depósito que recollería as augas de manantío e pluviais para o rego das zonas axardinadas (debaixo de onde se está construindo a ludoteca).

Que dotacións sociais contempla este proceso urbanizador? Unicamente vivendas? Saben os do Concello que xa hai vivendas baleiras en Fontiñas?

O barrio precisa dun centro de calidade para as persoas maiores que sirva de punto de encontro, de información e atención social, de centro de Día, e precisa tamén un espazo verde sen pendentes, con espazo para xogos, de petanca (por exemplo), para o encontro interxeracional.

Os contedores de todo o barrio deben ser soterrados e debe aumentarse o seu número tendo en conta o aumento urbanístico e o remate da rúa Dublín.

Un carril bici desconectado dunha rede global que abranga á cidade non serve para o uso que debe ter: ser un medio de transporte ecolóxico. Para Esquerda Unida, isto pasa por elaborar un Plan Director da Bici, integrado dentro dun Plan de Transporte Público de Calidade e Sustentable, realizados de forma participativa. Que servizo pode facer un carril-bici desconectado??

Non se trata de deseños modernistas, senón da calidade de vida, de unir forma a contido. Hoxe, como é habitual, neste Concello "postmodernista", a forma quere agochar unha deficiencia de contidos sen logralo. Esquerda Unida lamenta que desapareza a perspectiva social e global para o barrio de Fontiñas.

Santiago, 3 de xuño de 2007

No hay comentarios: