lunes, 3 de noviembre de 2008

TOD@S SOMOS MIGRANTES. A LOITA POLA DIGNIDADE COMEZA NAS TÚAS RÚAS.

FORO DE INMIGRACIÓN

NOTA DE PRENSA

O Foro Galego de Inmigración formado polas asociacións e entidades recollidas abaixo presentou hoxe nunha rolda de prensa informativa celebrada ás 11 h na Galeria Sargadelos (Rúa Nova 16) en Santiago de Compostela o acto: TOD@S SOMOS INMIGRANTES

Este acto desenvolverase o vindeiro sábado día 8 de Novembro de forma paralela en Santiago, A Coruña, Vigo e Ourense, para facer público o noso compromiso con esta nosa sociedade de acollida e reivindicar os mesmos dereitos e deberes para todos e todas.

Os lugares nos que se desenvolverán os actos son: Praza Roxa en Santiago de Compostela, Praza de María Pita en A Coruña, Avda das Camelias en Vigo, e Rúa do Paseo en Ourense

Os actos que se desenvolverán entre as 11h e as 13 h, consistirán en:

- Reparto de balde de Pulseras informativas e solidarias coa lenda: “tod@s somos inmigrantes”.

- Reparto de folletos informativos.

- Concentración con Lectura de Manifesto.

- Xesto de Solidariedade e Compromiso: doazón colectiva de sangue dos e das participantes. Invitación ao conxunto da poboación a sumarse a esta acción solidaria. Nunhas cidades haberá Unidade Mobiles do Centro de Transfusión de Galicia e noutras as persoas participantes desprazaranse a un centro sanitario a realizar a doazón.

Fronte as actuacións políticas orientadas a limitar os dereitos das persoas inmigrantes en diferentes ámbitos polo goberno central e as institucións europeas, o Foro Galego de Inmigración co reparto de balde de pulseras solidarias e coa súa contribución simbólica e efectiva para aumentar as reservas de sangue da nosa comunidade autónoma, quere poñer de manifesto o desexo das persoas inmigrantes residentes en Galicia de vivir e traballar de forma conxunta co resto da sociedade para superar estes momentos difíciles de crise económica e aumento do desemprego, somos membros activos e activas desta sociedade e queremos contribuír solidariamente ao seu desenvolvemento, solicitando tamén os mesmos dereitos e deberes para todos e todas. O texto que leremos na Concentración incidirá nos seguintes puntos:

1.- Que as persoas inmigrantes vimos aquí para atopar un lugar no que poidamos vivir coas nosas familias en condicións dignas, pero que tamén contribuímos de forma notable ao desenvolvemento económico, cultural e social de Galicia e de España nos últimos anos.

2.- Que as persoas inmigrantes aportamos a nosa forza de traballo, pero tamén as nosas culturas, valores, ideas e coñecementos. A maior parte das veces non temos outra alternativa que emigrar dos nosos lugares de orixe, aínda que non nos guste e sendo conscentes de que os nosos países quedan máis empobrecidos coa nosa marcha.

3.- Que a maior partes das persoas inmigrantes residentes aquí optamos por desenvolver neste país o noso proxecto vital e o das nosas familias, e que independentemente da situación económica boa ou mala temos dereito a vir e/ou a seguir aquí.

4.- Que as persoas inmigrantes pedimos neste contexto de crise como no de bonanza económica anterior igualdade de dereitos e obrigas con respecto ao resto da poboación Somos e sentímonos tamén de aquí.

5.- Por todo o anterior, rexeitamos as medidas e propostas orientadas a limitar os nosos dereitos individuais, laborais e sociais:

- A chamada Directiva Europea de Retorno, unida á proposta do goberno español de ampliar o tempo de estancia nos centros de internamento ata os 60 días.

- O programa de Retorno Voluntario, coa posibilidade de cobrar a prestación de desemprego acumulada de forma completa, ou a fortísima limitación dos catálogos de ocupacións de difícil cobertura.

- No horizonte, a anunciada limitación do noso dereito ao reagrupamento familiar ou a ampliación de prazo para poder acceder ao arraigo social, cuestións que serían terribles de se converter en realidade para moitos e moitas de nós e para as nosas familias.

Para máis información: Miguel Fernández (981-580506/ 981576142) -Rocío Rodríguez (600-876480)

No hay comentarios: