jueves, 3 de mayo de 2012

Valoración Pleno abril


VALORACIÓN DO PLENO DO 26 DE ABRIL DE 2012

Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Xenxo Redondo e Vicente Vázquez, proseguindo o traballo municipal desta organización acudiron ó Pleno para valorar o que alí se faga ou diga.

En primeiro lugar antes de posicionarnos sobre os temas tratados neste Pleno, queremos manifestar que é urxente que o PP local presente os orzamentos para este 2012. Recoñecendo a razón ó PP cando expresa as súas queixas polo tardanza do bipartito PSdeG e BNG en facer as contas municipais, isto non pode ser excusa para que, no momento de crise que padecemos, e trala aprobación do Plan de axuste do PP, seguir postergando a presentación do que sen lugar a dúbidas, cumprindo as políticas neoliberais do PP, será un orzamento regresivo no social. Urxe que o equipo do señor Currás cumpra o seu cometido e deixe de laiarse por herdanzas recibidas.

O Pleno comezou, como en todas as ocasións, coa protocolaria aprobación das actas anteriores, proseguindo de inmediato co cuarto punto da orde do día relativo á aprobación da ordenanza sobre publicidade e rotulación.

Esta ordenanza, como a maioría das votacións, foi aprobada polo voto de calidade do alcalde, dado que de momento á espera da sustituta do alcalde, se produce en moitas ocasión un empate de 12 a 12 nas pertinentes votacións.

O posicionamento do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela é contrario a esta ordenanza por varios motivos. En primeiro lugar, como xa remarcaramos, opoñémonos a calquera cartel luminoso publicitario dado o custe enerxético e medioambiental que ten, de ser necesario estes luminosos so apoiaríamos a súa instalación en centros públicos como, por exemplo, hospitais para facilitar que as persoas poidan ubicalos con facilidade.

Tamén nos opoñemos á liberalización da publicidade que supón esta ordenanza, pois, con razón, deixa ó marxe a cidade vella, pero permite que o resto da cidade se poida convertir en soporte publicitario, o Consello Comarcal de EU Compostela so aproba a publicidade-rotulación, con límites claros en tamaño, para os carteis propios dos negocios nas súa fachadas ou nos postes publicitarios xa existentes na cidade, que non son necesarios aumentar en número nin en tamaño.

O quinto punto da orde do día foi a aprobación grazas o voto de calidade do alcalde da ordenanza de terrazas e quioscos de hostalería.

Neste punto concordamos co BNG e PSdeG no voto en contra a esta ordenanza, pois tal é como se recalcou polo grupos da oposición é moi favorable aos intereses particulares dos hostaleiros de Santiago. Por suposto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela entende que o sector hostaleiro é moi importante para a cidade, e que a cidadanía, sobre todo no verán, gústalle disfrutar das terrazas, mais queremos criticar que nesta ordenanza, polo menos para nós, non se regula debidamente o espazo máximo destas terrazas, e sobre todo, coa nosa total discrepancia, permite que unha vez rematado o horario de apertura destes establecementos quede ocupando o espazo público a instalación permanente da terraza.

O punto sexto e sétimo da orde do día aprobados por unanimidade e sen apenas debate foron a ampliación de usos para parcelas no SUNP-22 e a modificación puntual da ordenanza 3 do Plan parcial de Fontiñas.

No tocante o punto oitavo, sobre unha proposición do PSdeG sobre a composición local de comercio, dende o Consello Comarcal de EU Compostela vémonos na obriga de censurar a actitude e verbas da concelleira, e agora primeira tenente de alcalde, Reyes Leis, que, para nós, faltoulle ó respeto a concelleira do PSdeG que tomou a palabra para defender esta proposta, María Luisa del Río. En todas as intervencións que tivo no Pleno a concelleira Reyes Leis mantivo unha lamentable actitude belicosa.

É incrible a actitude totalitaria do PP local aproveitando a maioría absoluta que unha lei electoral inxusta lle permitiu, pois, resumindo, nesta mesa local de comercio, hai 11 representantes da adiministración local, 10 próximos ó PP e 1 do BNG, sendo certo que non é obrigatorio que estén representados todos os grupos políticos do Concello, defendemos que, como no caso do PSdeG, se claramente un partido con representación democrática no Pleno manifesta que desexa estar, consideramos que, por hixiene democrática, debe estar.

Mais parece que esta lóxica non e coherente co ideario do PP, e moito menos co de Reyes Leis, pois esgrimindo discutibles argumentos sobre a ‘deslealdade’ do PSdeG e duras palabras para a concelleira Marisa del Río, o PP non aceptou a proposición do PSdeG de ter un representante nesta mesa.

Tanto o punto 9, 10 , 12 e 13 da orde do día deste Pleno teñen o nexo común do problema do desemprego na cidade, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, aceptando que dende o Concello se poden facer actuacións para favorecer a creación de emprego, queremos manifestar que é mais que evidente que debe ser a Xunta ou o Goberno do Estado o que leven a cabo medidas de estímulo e, sobre todo, que busquen un cambio de modelo produtivo, sendo necesaria, entre outra medidas, a urxente creación Banca Pública.

No relativo o punto 11 da orde do día, alegrámonos que o BNG tome propostas nosas e as leve o Pleno, nesta ocasión o fixo ó inspirarse sobre a nosa moción para a supresión da exención do pago do IBI á Igrexa Católica, e tamén, cara ó final do Pleno ó levar unha moción sobre as participacións preferentes.

No tocante ao debate desta proposición do BNG, non nos sorprende o voto contrario do PP e a defensa feita da Igrexa Católica, como tampouco nos sorprende a abstención do PSdeG que intentou facer unha emenda o texto do BNG, que obviamente o Bloque non aceptou pois suavizaba en sumo grao a súa proposta.

Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela o posicionamento é moi claro: ningún privilexio para a Igrexa Católica e por suposto rematar co Concordato.
O Pleno rematou con 4 rogos do BNG sobre seguridade viaria na Avda de Lugo, na Sionlla , o Eixo e en Fotiñas e con tres mocións súas sobre as participacións preferentes, sobre a seca e sobre as axudas do fogar, só a da seca se tomou en consideración.

No hay comentarios: