jueves, 5 de septiembre de 2013

Apoio concentración defensa Universidade Pública



A ÁREA DE MOCIDADE DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA DEFENDE UNHA EDUCACIÓN PÚBLICA, GRATUÍTA E DE CALIDADE.

A ÁREA DE MOCIDADE DE EU COMPOSTELA APOIA A CONCENTRACIÓN DO 6 DE SETEMBRO ÁS 11.00 NO OBRADOIRO EN DEFENSA DA UNIVERSIDADE PÚBLICA.

O día 6 de setembro de 2013 levarase a cabo a apertura do curso 2013 / 2014. Mentres a Institución universitaria celebrará o inicio deste novo curso, milleiros de estudantes non poderán continuar os seus estudos.

Así, este ano 2013/2014 comeza marcado polas grandes dificultades, principalmente económicas, que se lle están a impor ao estudantado. Xa que ademais de elevar as xa de por si caras taxas, o Ministerio de Educación endureceu os requisitos das mesmas, coa lóxica consecuencia da expulsión do alumnado da universidade.

Non podemos esquecer tampouco a situación que teñen que vivir as compañeiras que xa tiveron problemas o curso pasado contraendo débedas coa Universidade a causa de non poder afrontar o pago total da matrícula.

Ante esta situación, na que os órganos institucionais da universidade limítanse a acatar as ordenanzas do goberno, a comunidade educativa vese indefensa ante os decretazos dos gobernos central e autonómico, polo que consideramos necesaria a unidade das forzas en defensa do ensino público, tan debilitado polos diferentes gobernos.

Dende a Area de Mocidade de EU denunciamos a elitización da Universidade Pública, entendida como o acceso reservado so aquelas familias cun elevado poder adquisitivo, deixando fóra a maioría da poboación e a creación de traballadores sen capacidade de análise.

En definitiva, comezamos un curso no que o estudantado e o resto da comunidade universitaria vive unha situación crítica. Os ataques neoliberais ao ensino e aos servizos públicos non cesan.

Por isto apoiamos a concentración convocada para o Venres 6 ás 11 na praza do Obradoiro, na que a comunidade educativa debe rexeitar os xa ditos e constantes ataques a Universidade pública.

Que non recorten os dereitos da clase traballadora.

Educación pública para todas e todos.

No hay comentarios: