martes, 10 de marzo de 2009

Apoio a AVV As Brañas de San Andrés


Onte, luns 9 de marzo, ás 19h, a Asociación de Veciños de As Brañas de San Andrés realizou unha protesta para esixir dunha vez a apertura do local social, o cal está rematado desde hai anos e ao que non se quere dotar dos mobles imprescindibles para que os veciños e veciñas podan dispoñer dun lugar axeitado para desenvolver a súa vida asociativa.

Esquerda Unida, a través de Xabier Ron, coordinador comarcal, e de José Díaz e José María Tubío, membros do concello comarcal, quixo apoiar a protesta que consistiu nunha clase de informática ao aire libre a uns escasos metros de onde está o local social e transmitirlle á Asociación a súa solidariedade e apoio.

Triste é que os veciños e veciñas se vexan na obriga de levar a cabo tales accións. Debemos lembrarlle ás autoridades que o asociacionismo ten dereitos e que, desde logo, non é de recibo dispoñer dun local restaurado desde hai anos e non poder utilizalo por desidia das administracións públicas.

Agardamos desde Esquerda Unida que a protesta surta efecto e que, en breve, o local poda ser inaugurado pola Asociación de Veciños de As Brañas de San Andrés.

No hay comentarios: