sábado, 8 de mayo de 2010

Defensa servizos sociais

Dende o consello comarcal de Esquerda Unida queremos facernos eco do seguinte comunicado de prensa da Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais.


COMUNICADO DE PRENSA

A PLATAFORMA EN DEFENSA DO SISTEMA PÚBLICO GALEGO DE SERVIZOS SOCIAIS
composta por 94 entidades de diversa índole: 36 concellos; 46 entidades sociais, dende asociacións e federacións veciñais, asociacións e federacións do ámbito da dependencia e falla de autonomía persoal, do ámbito da exclusión social e tamén do ámbito sociosanitario; e outras 12 entidades entre colexios profesionais, sindicatos e partidos políticos. Ademais de máis de 450 persoas individualmente, que se distribúen de xeito semellante entre profesionais dos servizos sociais e veciñanza en xeral, convoca unha Rolda de Prensa Informativa o martes día 11 de Maio ás 11:00 h. no Rexisto Xeral da Xunta en San Caetano con motivo da presentación pública da solicitude de entrevista de representantes desta Plataforma coa Conselleira de Traballo e Benestar, Dna Beatriz Mato, co fin de presentarlle o documento-base desta Plataforma que basicamente reivindica o desenvolvemento normativo da Lei de Servizos Sociais de Galiza en vigor dende o mes de marzo de 2009 e que presenta neste momento un elevadísimo grao de incumprimento respecto aos prazos que establece a propia Norma. (Xuntamos o documento-base, que explícita eses incumprimentos)
O motivo da presentación pública deste Acto, no que participará á Comisión de Coordenación da citada Plataforma, é que con anterioridade fíxose a mesma solicitude, concretamente con data 3 de marzo de 2010, e despois de moito tempo de espera, a resposta foi unha esixencia inquisitorial de indicar o nome de tódolos compoñentes da Plataforma, para valorar a posibilidade de recibirnos.
Independentemente das sospeitas de control sobre entidades e persoas individuais que poden doadamente deducirse de tal solicitude, queremos denunciar con este Acto Público a intolerable actitude dunha representante da Administración Pública Galega do máximo nivel para coas demandas e iniciativas dun grupo importante de entidades e de cidadáns e cidadás de Galiza.
Máis ala desta actitude, faremos público o noso compromiso co desenvolvemento da citada Lei e a nosa oposición razoada e razoable aos procesos de privatización de servizos sociais públicos que se están a producir neste momento, o que suporá unha notable diminución da calidade dos mesmos, mantendo polo tanto o noso interese en ter a xuntanza solicitada coa responsable das políticas de emprego e benestar social da Xunta de Galicia, para presentarlle as nosas propostas e demandas.
Para máis información: Miguel Fernández (662-307019) e Xosé López(686-506858) enderezo electrónico: defensa.servizossociais.publicos@gmail.com

No hay comentarios: