martes, 22 de marzo de 2011

Pregunta Comisión europea sobre a nova EDAR de Santiago

WILLY MEYER, EN COORDINACIÓN CON ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA, ELEVA AO PARLAMENTO EUROPEO AS DENUNCIAS DOS VECIÑOS E VECIÑAS SOBRE A NOVA EDAR DE SANTIAGO.

NA PREGUNTA PRESENTADA PÍDESE A COMISIÓN EUROPEA QUE INVESTIGUE, ENTRE OUTROS ASUNTOS, O IMPACTO AMBIENTAL E SE O PROXECTO CUMPRE COA DIRECTIVA 2008/1/CE SOBRE PREVENCIÓN E CONTROL DA CONTAMINACIÓN.

Esquerda Unida Compostela mantén o seu apoio ás xustas reclamacións dos veciños e veciñas de Laraño, zona na que se asentará a nova depuradora, e eleva a través do seu eurodeputado Willy Meyer, unha pregunta para que se investigue o impacto ambiental e se o proxecto cumpre coa directiva 2008/1/CE sobre prevención e control da contaminación.

Somos coñecedores, ao igual que os propios veciños e veciñas, das deficiencias do tratamento residual da actual depuradora, pero, entendemos tamén que cómpre actuar con seriedade e sobre todo non vulnerar dereitos. Consideramos que existen argumentos suficientes para pensar que é posible mellorar o saneamento sen afectar ás persoas que viven na contorna de Laraño.

Os diferentes documentos probatorios (Anteproxecto, Estudo de Impacto Ambiental, Declaración de Impacto Ambiental e Informe de Viabilidade) recollen aspectos que a Plataforma de afectados pola ubicación da depuradora denuncia, e nós así o entendemos, como contraditorios e que repousan mesmo en falsidades informativas.

Son moitos os aspectos que merecen a nosa desaprobación e que requiren dunha pronta rectificación: a ubicación prevista afecta a vivendas; non se valora a verdadeira magnitude do impacto das escavacións a realizar e o seu impacto medioambiental; non se teñen en conta as prevencións de protección que establece a Axenda Local 21 e ignórase a riqueza da arboleda actual; incúmprense as distancias previstas no Regulamento de Actividades Molestas Insalubres Nocivas e Perigosas (RAMINP) e vense máis vivendas afectadas que co actual emprazamento; afírmase que xa dispoñen dunha superficie total expropiada da orde de 99.544 m2, afirmación que a Plataforma de afectados desminte, xa que é falsa, pois a práctica totalidade destes metros cadrados lle teñen que ser expropiados a eles mesmos, e aínda no se levou a cabo; finalmente, o Informe de Viabilidade (páx. 23) xustifica a actuación baseándose en que “favorecerá la recepción de visitantes, por lo que se prevé un incremento del sector turístico”.

Deixando de lado que dubidamos que unha depuradora potencie o turismo, parécenos moito máis grave asentar este carácter turístico sobre os dereitos dos veciños e veciñas afectados polo emprazamento da nova depuradora.



No hay comentarios: