lunes, 7 de marzo de 2011

Comunicado polo 8 de marzo

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REAFIRMA, UNHA VEZ MÁIS, O SEU COMPROMISO POLA PLENA IGUALDADE ENTRE MULLERES E HOMES.

EU Compostela, neste 8 de Marzo, segue defendendo que as iniciativas políticas e lexislativas que loiten pola igualdade de xénero teñen que ser algo máis que meras palabras escritas nun papel e, por suposto, contar co orzamento necesario para ser executadas.

Unha vez máis hai que denunciar que, na maioría dos casos, os homes non comparten equitativamente as cargas familiares e as tarefas domésticas, e na vida laboral son máis que sabidas as diferenzas, anacrónicas e propias do sistema machista e patriarcal no que nos atopamos, que sofren as mulleres tanto nos seus salarios como nas condicións laborais.

Para lograr a desaparición destas desigualdades, non só son necesarias leis que as combatan, se non tamén, e moito máis importante, crear unha conciencia social de igualdade que transforme esta cultura patriarcal e sexista nunha sociedade igualitaria.

Tamén cómpre destacar na situación de crise económica que padecemos, que un dos risco máis temibles para as mulleres é o retorno cara vellos roles patriarcais que tantos anos se levan a combater, sendo máis apremiante que nunca o reforzamento dos servizos sociais e dos sistemas de protección, para combater os alarmantes índices de pobreza, que afectan con maior dureza ás mulleres inmigrantes, e ás mulleres maiores con pensións mínimas ou non contributivas que non chegan a cubrir as súas necesidades básicas.

Por iso, neste 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, Esquerda Unida Compostela anima a cidadanía a participar activamente na construción dunha sociedade na que a igualdade entre as persoas sexa real, e non palabras escritas nun papel.

Por último, sabendo que está en vigor o III Plan de Igualdade do Concello (2009-2011), Esquerda Unida Compostela volve reclamar que todos os anos se fagan público os resultados dos estudos ou actuacións que se realicen para sabermos en que aspectos se ten que mellorar nas esferas convivencial, laboral, sociocomunitaria e de cooperación institucional para que o noso concello acade o obxectivo da plena igualdade de xénero.

No hay comentarios: