VALORACIÓN DO PLENO DO 25 DE OUTUBRO DE
2012
Proseguindo co traballo municipal do Consello
Comarcal de Esquerda Unida Compostela, o seu secretario de comunicación,
Vicente Vázquez, acudiu ó Pleno para valorar o que alí se faga ou diga.
Como é habitual en todos os Plenos comezouse pola
protocolaria aprobación de actas, nesta ocasión foron dúas.
O terceiro punto da orde do día, aprobado cos
votos a favor do PP e en contra do BNG e PSdeG, versaba sobre unha modificación
puntual da ordenanza reguladora de publicidade e rotulación.
Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida
Compostela “sorpréndenos” que unha ordenanza aprobada o pasado 26 de abril xa
deba ser modificada, salvo que, como xa manifestaramos, esta ordenanza
represente un pretexto para a liberalización total da publicidade na cidade, e
polo tanto suxeita ás modificacións que as empresas publicitarias indiquen ó
equipo de goberno.
Por suposto, estamos en contra desta ordenanza, e
por tanto desta modificación, que por exemplo permite soportes publicitarios de
até 24 metros, dobrando os 12 que ditaba a ordenanza en abril.
Entendemos que se debe regular a rotulación dos
negocios e de certos soportes publicitarios, pero segundo criterios de
racionalidade e non a liberalización que pretende o PP.
O cuarto punto da orde do día, aprobado cos votos
a favor do PP en contra do BNG e coa abstención do PSdeG, tratou sobre a
resolución de alegacións e aprobación definitiva da ordenanza de ocupación e
uso da vía pública.
Grazas a mobilización cidadá que esta polémica
ordenanza xerou, conseguiuse que o texto aprobado onte sexa menos lesivo para a
liberdade de expresión, dado que se conseguiu eliminar as taxas que se pedían
pola colocación de mesas informativas.
Desde o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela
reiteramos o noso rexeitamento a esta ordenanza xa que, entre outros motivos,
segue manténdose a discrecionalidade permitindo que o goberno local poida ser
máis ou menos flexible segundo a asociación que pida as autorizacións.
Rexeitamos tamén que para a realización de certos
actos públicos na rúa esixa unha garantía - é dicir, o que con anterioridade se
chamaba fianza- pois pode representar atrancos para as asociacións á hora de
realizar a súa actividade ó aire libre.
O Pleno proseguiu coa aprobación, grazas ós votos
a favor do PP e a abstención do BNG e PSdeG, dun expediente de modificación de
créditos para a adquisición de mobiliario urbano, rematando este Pleno coa
designación dun novo membro da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, con dous
puntos de dar conta e un rogo do BNG.
No hay comentarios:
Publicar un comentario