viernes, 6 de marzo de 2015

Manifesto polo 8 de Marzo



Para a Área de Mulleres de Esquerda Unida Compostela Nos tempos que corren de retroceso en dereitos e liberdades, desde o feminismo seguimos loitando, para que o avance na igualdade real entre homes e mulleres non siga sendo unha quimera, e pase a ser un referente central de loita en todas e cada unha das nosas accións políticas.

Ante a ameaza de regresión continua e permanente no noso dereito a decidir libremente sobre a nosa maternidade; ante a ausencia de políticas efectivas contra Violencia de Xénero; ou ante a discriminación e explotación laboral e salarial das mulleres; o noso posicionamento é: impregnar a nosa axenda política e social, dun profundo contido feminista..

Dende a Área de Mulleres de EU Compostela propoñemos ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de.

MANIFESTO:

Ante a reforma do Dereito ao Aborto; defendemos unha lei sobre interrupción voluntaria do embarazo na que se contemple, como mínimo, a prevención contra os embarazos non desexados cunha educación sexual que percorra todos os estadios educativos; unha lei que permita ás mulleres interromper o seu embarazo na sanidade pública no momento e polas razóns que desexe, sen restricións, sen prazos e sen tutelas; unha lei que elimine o aborto voluntario do código penal tanto para as mulleres como para as e os profesionais sanitarios que o practican.

Ante a imposición da custodia compartida; este Pleno rexeita a mesma, cando é unha medida xudicial imposta sen o acordo de ambos os proxenitores, xa que o único que se consegue é impor unha obriga de continuo contacto e relación entre dúas persoas, o pai e a nai, que é vivida con rexeitamento polo menos por unha delas, repercutindo en moitos casos nun ambiente de crispación e de hostilidade que prexudica ao desenvolvemento persoal das fillas e fillos; polo que a custodia compartida, só debería contemplarse naqueles casos que ambos proxenitores estean de acordo, e preservando sempre o interese das e dos menores que é o ben xurídico a protexer. Non podéndose outorgar, ademais, en caso de Violencia de Xénero.

Ante a violencia machista; apostamos polas políticas municipais/territoriais de prevención, onde un alicerce fundamental é unha educación afectivo-sexual a todos os niveis que facilite desenvolver relacións baseadas no respecto e a igualdade real entre mulleres e homes; a violencia de xénero é unha expresión extrema da desigualdade que se manifesta de múltiples formas e que percorre a vida de todas as mulleres, en maior ou menor medida; non podemos desterrar a violencia contra as mulleres sen socavar as estruturas discriminatorias que percorren as nosas sociedades; polo que desde o Concello comprometémonos a non reducir senón a reforzar os recursos económicos e humanos destinados á implantación de políticas de igualdade activas, integrais e participativas.

Ante a discriminación e explotación laboral das mulleres; esiximos que se asenten as bases de desenvolvemento do noso atacado Estado de Benestar, xerando por parte do Concello emprego de calidade e eliminando os obstáculos que imposibilitan o logro da autonomía persoal e económica, das mulleres.

É imprescindible democratizar a nosa sociedade, desterrando desigualdades e fomentado a participación activa de mulleres e homes, desde unha convencida aposta polo feminismo como alicerce básico desta transformación.

No hay comentarios: