jueves, 22 de octubre de 2009

Contra o peche nocturno da Alameda


ESQUERDA UNIDA REAFIRMA O SEU COMPROMISO CO DEPORTE DE BASE

Facéndose partícipe a nosa organización da iniciativa reivindicativa dos atletas e deportistas compostelás da nosa cidade, que amosarán o seu descontento e contrariedade polo peche da Alameda a partir das 21h levando carteis alusivos durante o desenvolvemento da carreira pedestre que terá lugar este domingo 25 de outubro, Esquerda Unida Compostela desexa transmitir o seu apoio e solidariedade con dita iniciativa.

Demóstranse así dúas circunstancias: a primeira, que a nosa organización política tiña razón cando presentou unha moción o 29 de marzo de 2007 reclamando unha alternativa á Alameda avalada coa recollida de 1100 sinaturas, en concreto, a creación no futuro parque das Brañas do Sar dun circuito de terra pisada sen pendentes pronunciadas (un máximo do 3%), sen curvas pechadas, cun amplor de polo menos 3 metros, cunha lonxitude que xira entre os 2.000-2.500 metros e unha axeitada iluminación nocturna para a práctica do atletismo. O silencio foi a resposta do Concello, ao igual que foi silenciosa a resposta á pregunta escrita formulada o 15 de abril de 2008, onde xa deixabamos constancia do descontento dos deportistas da nosa cidade perante o peche da Alameda e perante a existencia de lesións debido á carencia dun espazo en condicións para a practica popular do atletismo. A segunda circunstancia, lamentable e triste, é que os nosos gobernantes municipais falan de deporte coa boca grande, pero, ademais, non só non fan absolutamente nada por dotar á nosa cidade dun espazo en condicións para o deporte de correr, senón que, cada vez máis, incrementan os obstáculos para a realización de dito deporte. Pechar a Alameda ás 21 horas, tendo en conta as actuais xornadas laborais, significa excluír a moitísimos amantes do deporte do atletismo, ou sinxelamente da necesidade de camiñar por un espazo tranquilo e lonxe do tráfico.

Por iso, Esquerda Unida fai súa tamén a petición de que a Alameda non peche ás 21h.

No hay comentarios: