miércoles, 20 de febrero de 2013

Apoio presos saharauis



O 8 de novembro de 2010 o Campamento de Gdeim Izik, nos arredores do Aiún, organizado por miles de persoas saharauis para protestar polas súas deplorables condicións de vida, foi disolto violentamente polas forzas de ocupación marroquís causando vítimas e desaparecidos.

Este campamento de máis de 20.000 persoas pretendía denunciar a situación en que viven os e as saharauís no Territorio Non Autónomo do Sahara Occidental, último territorio de África pendente de descolonización baixo tutela do Consello de Seguridade das Nacións Unidas. Unha situación de continuas violacións de dereitos humanos, expoliación dos seus recursos naturais, detencións arbitrarias, desaparicións e torturas.

No que se veu en recoñecer como o inicio da Primavera Árabe, con esa disolución violenta por parte da forza ocupante marroquí, o réxime de Marrocos procedeu a deter e a obter declaración baixo tortura a 24 saharauís para responsabilizalos da morte de axentes marroquís nos acontecementos da violenta disolución de Gdeim Izik.

Posteriormente, e a pesar de non ter xurisdición sobre o Territorio non Autónomo do Sahara Occidental, o réxime marroquí procedeu a xulgalos nun tribunal militar que a xuízo de numerosos observadores internacionais non contou coas debidas garantías por falta de probas. As armas coas que supostamente foron asasinados os axentes carecían de impresións dixitais dos acusados. Ademais, só se practicou unha proba forense e non se realizou ningún test de ADN.

Tras nove días de xuízo e sete horas de deliberación o tribunal militar marroquí condenou a nove activistas a cadea perpetua, a catro a 30 anos de cárcere, a outro dez a penas de entre 20 e 25 anos e aos dous últimos a dous anos de cárcere.

Estas durísimas penas supoñen un novo atentado contra o pobo saharauí, contra o seu dereito de autodeterminación e a súa existencia, xa que se trata dun pobo sometido permanentemente a violacións por parte da forza ocupante marroquí.

Diferentes institucións europeas, parlamentos nacionais e o propio Parlamento Europeo viñeron sistematicamente denunciando estas violacións e esixindo que a Misión das Nacións Unidas despregada na zona (MINURSO, Misión de Nacións Unidas para o referendo no Sahara Occidental), monitorice o respecto aos dereitos humanos do pobo saharauí.

O pasado 7 de febreiro, a última sesión do Parlamento Europeo aprobou o seu mandato para a XXII sesión do Consello de Dereitos Humanos de Nacións Unidas a celebrar en Généve do 25 de febreiro ao 22 de marzo onde se solicita, ademais dunha solución xusta e duradeira ao conflito mediante o exercicio dun referendo de autodeterminación, a liberdade de todos os presos políticos saharauís.

Resolución do Parlamento Europeo, de 7 de febreiro de 2013, sobre o 22º período de sesións do Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas (2013/2533(RSP))*

21.  Manifesta a súa preocupación polo feito de que sigan violándose os dereitos humanos no Sahara Occidental; pide que se protexan os dereitos fundamentais do pobo do Sahara Occidental, incluídos a liberdade de asociación, a liberdade de expresión e o dereito de manifestación; esixe a liberación de todos os presos políticos saharauís; saúda o nomeamento dun enviado especial para o Sahel e destaca a necesidade dun seguimento internacional da situación dos dereitos humanos no Sahara Occidental; apoia unha solución xusta e duradeira do conflito baseada no dereito á autodeterminación do pobo saharaui, de conformidade coas resolucións das Nacións Unidas.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro. Subscribir o mandato do Parlamento Europeo á XXII sesión do Consello de Dereitos Humanos de Nacións Unidas e esixir ao reino de Marrocos a liberdade de todos os presos políticos saharauís, incluído o Grupo de 24 presos de Gdeim Izik, recentemente condenados por un tribunal militar marroquí, así como pedir a protección dos dereitos fundamentais do pobo saharauí, destacar a necesidade dun mecanismo internacional de seguimento dos dereitos humanos no Sahara Occidental e apoiar unha solución do conflito baseada no exercicio do dereito á autodeterminación do pobo saharauí, como establecen numerosas resolucións das Nacións Unidas.

Segundo. Enviar o presente acordo ao Ministro de Asuntos Exteriores, Embaixador de Marrocos en Madrid, ao Presidente do Congreso de Deputados, ao Presidente do Senado, Presidente do Parlamento Europeo e á Alta Representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade.

No hay comentarios: