jueves, 30 de abril de 2015

Apoio Feira Primavera de San Pedro



O CONSELLO COMARCAL  DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CENSURA A ACTITUDE DO CONCELLO COA ASOCIACIÓN DE FESTAS DO BARRIO DE SAN PEDRO.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA CRITICA QUE O CONCELLO PAREZA ESTAR BUSCANDO DAÑAR AS ACTIVIDADES DE BARRIO E OS ATRACTIVOS TURÍSTICOS DA CIDADE.

Durante estes catro anos, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela vimos denunciando os constantes atropelos do Concello. Dende lexislacións municipais restritivas ata a súa endémica corrupción, estes catro anos son catro anos perdidos para a cidade, catro anos de desgoberno e mofa.

Agora, cando esta lexislatura remata e hai posibilidades de cambio, parece que o Partido Popular quere morrer matando, e agora o seu obxectivo foi a Feira de Primavera de San Pedro. A Comisión de Festas de dito Barrio vén de denunciar que o Concello déixaos sen acceso ás tomas de luz, supostamente por impedimentos legais, perigando así os concertos e iluminación da festa.

Coma de costume, o PP e o alcalde da cidade, Agustín Hernández, buscan eludir as súas responsabilidades e facer o que se lles antolle, en lugar de poñerse a traballar para solucionar esta problemática que non é menor, posto que a Feira da Primavera é un acontecemento moi coñecido na cidade e arredores e supón un beneficio económico moi importante para as persoas que residen e traballan nese barrio.

É incrible ver como o goberno municipal busca danar ás actividades máis típicas desta cidade, xa sexa prohibindo concertos nos locais da zona vella ou buscando que se cancelen as actividades lúdicas dunha Feira anual.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, coma sempre, demanda que se escoite ás veciñas e veciños. O Concello ten que ser un facilitador das iniciativas da veciñanza, e deixar de poñer obstáculos ás actividades que enriquecen a vida da nosa cidade. Non pode ser que o Concello abandone á Comisión de Festas do Barrio de San Pedro na mesma semana da celebración dunha actividade tan importante.

#BarriosConLuzPropia #QueremosFestas

No hay comentarios: