sábado, 18 de diciembre de 2010

Situación política do Concello

COMUNICADO DE PRENSA .

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA LAMENTA A INCONSISTENCIA IDEOLÓXICA E POLÍTICA DO CONCELLO E DA OPOSICIÓN
.

Esquerda Unida Compostela expresa o eu malestar polos espectáculos circenses en que se están convertendo os plenos do Concello de Santiago de Compostela. Os responsables do goberno e da oposición esquecen que, tal como aconteceu co pleno de debate do estado do Concello, as súas palabras, discursos e xestos son e serán ollados pola cidadanía.

O consello comarcal de Esquerda Unida lamenta a inconsistencia política e ideolóxica tanto do equipo de goberno como da oposición. Os primeiros incapaces de facer autocrítica e os segundos incapaces de facer unha oposición construtiva, incapaces de ir máis aló do rédito electoralista. Ambos convertendo o pleno do concello nun debate de intimidades lamentables e deteriorando aínda máis a imaxe da política.

Triste é que un día despois de terse producido o debate nos enteremos do esencial e que nós, Esquerda Unida Compostela, xa sabiamos: a nosa cidade, segundo o Anuario Estatístico 2010, perdeu habitantes no 2009 e, malia iso, seguiu aumentando en persoas en situación de desemprego. Iso é o que deberan ter en perspectiva goberno e oposición: hai 7548 persoas en situación de desemprego ao mesmo tempo que se reduce a poboación que se asenta en Compostela. A nosa organización está convencida que cando saian os datos do presente ano 2010 os números serán aínda máis negativos.

As solucións, desde logo, non poden vir da construción de máis e máis vivendas –nunha cidade que ten milleiros de vivendas baleiras- se estas non se acompañan dunha perspectiva realmente social. Por poñer simplemente un exemplo: na zona do Castiñeiriño ofértanse pisos de 80 m2 en réxime de cooperativa e con protección autonómica cun prezo superior aos 140.000 euros. Con esta política de prezos, co contexto de crise e de dificultades sociolaborais en constante crecemento debido á inxusta reforma laboral, imposible acceder a unha vivenda. Se a esas circunstancias lle engadimos a carencia dun parque público de vivendas de aluguer social, a rixidez na aplicación da norma de reempadronamento para persoas migrantes, resulta difícil que as persoas se asenten na nosa cidade.

Desde Esquerda Unida Compostela consideramos que co deseño dunha valente política de emprego público desde o eido local –que contrarreste os efectos negativos da reforma laboral- e co artellamento dunha necesaria política de vivenda pública e social podería comezarse a traballar de verdade para as persoas que viven na cidade. E pedísmoslle ao goberno e á oposición que fagan de verdade política e que non fagan realidade aquilo de “como non hai pan, deámoslle circo” á sociedade.


Decembro 2010

No hay comentarios: