martes, 26 de marzo de 2013

Denuncia Concello non contesta ao Valedor



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA DENUNCIA QUE O CONCELLO NON CONTESTA AOS REQUIRIMENTOS DO VALEDOR DO POBO

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA ESIXE AO GOBERNO LOCAL DO PP QUE CUMPRA CO SEU DEBER DEMOCRÁTICO

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que, por hixiene e respecto á Democracia, o Concello debe responder en tempo e forma ás cuestións que se lle presentan.

É inadmisible que, cumprido o prazo dun mes dado polo Valedor do Pobo para que se conteste aos seus requirimentos polas nosas queixas, o silencio administrativo sexa a resposta do Concello de Santiago.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esixe que o Partido Popular respecte á nosa militancia e ás persoas que depositaron co seu voto a súa confianza na nosa organización, e, como mínimo, que cumpra coa obriga legal de contestar á figura institucional que representa o Valedor do Pobo de Galicia.

Ou ben ten moito que agochar ou ben é unha mostra máis da ingobernabilidade do Concello en mans de Ángel Currás. É imposible, se realmente hai vontade democrática de transparencia no goberno local do PP, que nun mes sexa inviable dar unha resposta, acorde coas normas e regulamentos existentes, sobre cales foron os motivos polos que se impediu a entrada aos representantes do Consello Comarcal aos Plenos, e cales van ser as solucións que se adopten para evitar que calquera persoa non poda seguir as sesións plenarias do Concello de Santiago.

Mesma vontade democrática que se debería ter para que a outra queixa debidamente presentada, sobre a ausencia de resposta as nosas preguntas, xa estivera contestada, pois tal e como a normativa regula é de obrigado cumprimento para as administracións públicas contestar aos requirimentos remitidos polo Valedor.

Respectando o novo prazo (“máxima urxencia”) que o Valedor do Pobo lle outorgará ao Concello no novo requirimento que enviou, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esixe que o alcalde Currás dea as debidas explicacións públicas á nosa organización política e a toda a cidadanía que nos apoia.

Por último, unha vez máis, ratificámonos na necesidade de implementar a Democracia Participativa na cidade, medida que o PP non quere poñer en marcha (o PSdG e o BNG tampouco implementaron medidas positivas ao respecto mentres gobernaron) para permitir que a cidadanía poida colaborar e promover medidas no día a día da cidade.

E, por suposto, cos debidos mecanismos de transparencia e comunicación para que se respecte o dereito de información a todo cidadán e cidadá e, incluso, non só a posibilidade de asistir aos Pleno, senón de formar parte activa deles con intervencións para promover o debate e participar na conformación da súa cidade.

No hay comentarios: