miércoles, 6 de marzo de 2013

Moción contra recortes en políticas municipais de Igualdade



A Área de Mulleres de Esquerda Unida Compostela denuncia a reforma da Lei 7/1985 de Bases do Réxime Local, que pretende a redución xeral das competencias municipais centralizando nas deputacións provinciais as competencias dos concellos pequenos, e, nun paso posterior, reducir o número de concelleiros e concelleiras. Esta reforma supón:

1.- A redución do público, privatizando as ganancias e socializando as perdas.

2.- A centralización territorial, a pesar de que os concellos xestionan só o 13% do gasto público en España, moi inferior á media europea. Ignorase o acordado, en setembro de 2012,  na Asemblea de municipios e rexións de Europa celebrada en Cádiz: Descentralización, Desenvolvemento e Democracia deben ser as liñas de traballo.

3.- A perda de democracia, que a Carta Europea de Autonomía Local define como achegamento das decisións á cidadanía e “o dereito e a capacidade efectiva das Entidades locais integradas por membros elixidos por sufraxio libre, segredo, igual, directo e universal -sen prexuízo das canles locais de participación directa dos cidadáns- de ordenar e xestionar unha parte importante dos asuntos públicos, no marco da Lei, baixo a súa propia responsabilidade e en beneficio dos seus habitantes”

4.- Discriminación do medio rural, xa que perde practicamente a institución municipal.

Pero, ademais, as Mulleres de Esquerda Unida Compostela denunciamos que a reforma ten unha incidencia negativa na igualdade entre mulleres e homes, porque:

a)         Suprime o artigo 28, que permitiu desde fai tres décadas á maioría dos concellos ter Concellarías, actividades e plans de promoción da igualdade, en consonancia co mandato do artigo 9.2 da Constitución de promover activamente a igualdade (sobre a súa aplicación aos concellos, ver as sentenzas do Tribunal Constitucional STC 216/1991 e STC 12/2008 FFJJ 5º e 2º).

b)         Limita aos concellos de máis de 20.000 habitantes (art. 7.2.5 do borrador de 22.12.12) a posibilidade de exercer “por delegación da Comunidade Autónoma” a promoción da igualdade da muller, o que supón unha discriminación das mulleres do medio rural, unha redución de esforzos igualitarios e un afastamento das decisións políticas respecto da cidadanía.

c)         Ademais de restrinxir a autonomía local para responder as demandas cidadás e de ignorar o mandato constitucional a todos os poderes públicos de promover a igualdade no ámbito das súas competencias, esta reforma contravén a Carta Europea para a Igualdade de Mulleres e Homes na vida local (Consello de Municipios e Rexións de Europa, 2006), que promove as políticas municipais de igualdade, con obxectivos relevantes e avaliables, e recursos humanos e materiais propios e adecuados.

d)        Dificulta o cumprimento da Lei integral contra a violencia de xénero de 2004, cuxo artigo 19, para a asistencia social integral, esixe a concorrencia dos concellos.

e)         Atenta contra a Democracia paritaria, xa que a elección de 68.462 concellarías constitúe o ámbito máis extenso de participación de mulleres directamente elixidas, a inmensa maioría non retribuídas, na toma de decisións.

Dende a Área de Mulleres de EU Compostela rexeitamos calquera proposta de supresión das políticas municipais de igualdade. O  vindeiro 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, é a data propicia, para que  Concello de Santiago comprométase a por freo aos recortes en políticas de igualdade.

Por todo isto a Área de Mulleres de Esquerda Unida Compostela propón o pleno do Concello de Santiago os seguintes:

ACORDOS:

Primeiro.- O Concello de Santiago nos orzamentos do ano 2013 teña en conta as políticas de igualdade entre mulleres e homes, aumentando o presuposto destas políticas, e os recursos materiais e de persoal para a prevención e atención das mulleres en situacións de especial vulnerabilidade..

Segundo.- Instar ao Goberno, a esixencia de non restrinxir os dereitos das mulleres e paralizar calquera reforma regresiva da lei de Bases do réxime Local..  

No hay comentarios: