Para o Consello Comarcal de EU Compostela a decisión do Goberno, de non
revalorizar as pensións en España na contía equivalente á desviación entre o
IPC a 30 de novembro e a previsión de inflación abonada a principio de ano, do
1%, volve incidir en diminuír a renda
dispoñible dos pensionistas no marco das políticas de axuste para cumprir cos
obxectivos de déficit.
Para elo, aprobou un Real Decreto Lei de Medidas de Consolidación e
Garantía do Sistema de Seguridade Social, motivando a presentación dun Recurso
de Inconstitucionalidade por parte da maioría de Grupos Parlamentarios, entre
eles Izquierda Unida. Igualmente, modifícase a Lei do Fondo de Reserva da
Seguridade Social.
Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esta medida constitúe
un prexuízo claro para un dos colectivos máis vulnerables, o dos pensionistas.
É, ademais de inconstitucional, unha
medida inxusta e ineficaz e enmárcase na
continuada política de axustes que está a intensificar os negativos efectos da
crise, deprimindo a demanda interna e afectando intensamente á actividade
económica e ao emprego. Con ela, retíranse de maneira inmediata 2.000 millóns
de potencial consumo, que no caso das pensións a práctica totalidade destínase
a ese fin, e outro tanto só ao longo de 2013.
Igualmente, o Goberno cedeu ás esixencias do núcleo máis conservador da
Unión Europea e dos mercados, cuxa actividade especulativa segue provocando que
a economía, non se recupere e que os traballadores, pensionistas e xubilados
sigan perdendo poder adquisitivo e uns dereitos sociais que conseguimos durante
moitos anos de loita.
Tamén o Goberno cambia a Lei Reguladora do Fondo de Reserva da Seguridade
Social, para establecer que durante os exercicios 2012, 2013 e 2014 non
resultará de aplicación o límite do 3 por 100 da nómina de pensións
contributivas e gastos de xestión do sistema, que poden ser dispostos para
atender o pago das devanditas pensións. Durante eses anos o límite será o que
determine e prevexa a Intervención Xeral da Seguridade Social.
Unha medida que se fai sen explicación previa algunha aos grupos
parlamentarios que integran a Comisión de Seguimento e Avaliación do Pacto de
Toledo nin ás organizacións sindicais e empresariais, como debería ocorrer.
Por todo iso, débese esixir que se manteña o espírito de consenso do Pacto
de Toledo, pois as medidas do Goberno prexudican ás persoas máis débiles e non
se toma, nin unha soa medida que afecte aos culpables da crise tan brutal que
temos nestes momentos e que non son precisamente os traballadores/as, nin os pensionistas e
xubilados.
Existe unha gran preocupación cando
vemos o impacto que a crise está a facer
nas persoas maiores. O progresivo envellecemento da sociedade española expón un
dos principais retos socioeconómicos e políticos do Estado de Benestar, xa que
debuxa un escenario de novas necesidades sociais ás que temos que dar resposta
para asegurar os dereitos democráticos da cidadanía.
O aumento da proporción de persoas maiores na sociedade implica fortalecer
os diferentes alicerces sobre os que se sostén o dereito a un envellecemento
digno e de calidade: as pensións, a sanidade, a atención á diversidade
funcional ou as medidas de servizos sociais... que este Goberno está a recortar.
As principais políticas públicas levadas a cabo nos últimos anos, a partir
da irrupción da crise, e os seus efectos na vida das persoas de 65 e máis anos,
está a ser demoledor, levando a un gran número de pensionistas e xubilados á
pobreza e á exclusión social.
Hai que fortalecer a solidariedade interxeracional para asegurar a calidade
de vida da nosa poboación maior e poñer fin ás inxustas políticas de
austeridade, como vía para unha saída da crise de maneira democrática e
sustentable económica e socialmente.
O goberno debe ter en conta que os
máis de 8.800.000 pensionistas e xubilados españois, na inmensa maioría dos
casos, teñen nas súas pensións a
principal e/ou única fonte de ingresos, que ademais serve para o sustento dos
seus familiares en paro ou en serias dificultades económicas, polo que se fai
necesario que recuperen
o IPC perdido inxustamente
Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao
Pleno do Concello de Santiago a seguinte proposta de
ACORDOS
Primeiro. Que o Concello inste ao Goberno Central a
retirar o Real Decreto Lei 28/2012, de 30 de novembro, de medidas de
consolidación e garantía do sistema da Seguridade Social, mantendo o poder
adquisitivo das pensións
Segundo. Que o Concello esixa ao Goberno a proceder ao
abono das cantidades deixadas de percibir por aplicación da citada Lei.
No hay comentarios:
Publicar un comentario