sábado, 16 de marzo de 2013

Dimisión Juan de la Fuente



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REITERA A SÚA PETICIÓN DE DIMISIÓN A JUAN DE LA FUENTE.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA MANIFESTA, UNHA VEZ MÁIS, QUE O ADIANTO DE ELECCIÓNS MUNICIPAIS É A SOLUCIÓN QUE SE PRECISA PARA A REXENERACIÓN DO CONCELLO

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esixe que Juan de la Fuente abandone de inmediato o seu cargo público de concelleiro.

Xa sendo grave a nefasta xestión política deste concelleiro, con clara mostra no acontecido na rúa Virxe Branca, o que é inadmisible, e indecente pola honradez coa que debe exercer calquera cargo público, é o caso facturas falsas, no que, según informacións aparecidas, ata a comisión do propio Concello aprecia nas súas conclusión posibles indicios delictivos.

Á espera de que se faga oficial o informe desta comisión, os datos aparecidos nun medio de comunicación demostran que o concelleiro puido incorrer nos graves delitos de falsidade en documento público e mercantil; e, incluso, na suplantación de identidade.

Por suposto respectamos a súa presunción de inocencia, e deberá ser a xustiza quen ditamine se baixo o amparo da lei hai delito ou non, pero para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela Juan de la Fuente queda inhabilitado para calquera cargo público.

Pero, unha vez máis, queremos deixar ben claro que o que acontece no goberno local non é cuestión de persoas senón de política, de ideoloxía, obviamente Juan de la Fuente ten que dimitir ou ser destituído, mais o problema real do Concello non acharía nisto a solución.

É obvio que a decrepitude ética do PP local está levando ao Concello a unha situación insostible de ingobernabilidade, e polo interese xeral das veciñas e veciños é hora de que se tomen decisións que garantan o porvir da administración local.

Xa fai dous meses que dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reclamamos o adianto de eleccións municipais en Santiago, por ser a única solución democrática para a rexeneración que o Concello precisa.

Por suposto, aconteza ou non este adianto electoral, ademais de Juan de la Fuente, todos os cargos públicos do PP, comezando polo alcalde Currás, imputados polas operacións xudiciais Pokemon ou a Manga, deben dimitir.

No hay comentarios: