O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera función indispensable
das distintas administracións públicas garantir o dereito á saúde da cidadanía.
Mais isto non está a acontecer en Santiago posto que a Consellería de
traballo e benestar da Xunta de Galicia perpetra un novo ataque ideolóxico
contra os servizos públicos, ao permitir que a nosa cidade quede sen o equipo
de valoración da dependencia e a discapacidade.
É inadmisible que o austericidio, que o PP desexa para levar a cabo as súas
políticas neoliberais, provoque o desmantelamento deste necesario servizo ao despedir
aos 3 asistentes sociais, 2 auxiliares administrativos e 1 psicólogo.
Non existen argumentos lóxicos que permitan xustificar a supresión deste
servizo que atendeu ate o día de hoxe a máis de 20.000 persoas. É evidente que
estamos ante un novo paso no camiño privatizador da sanidade en xeral e dos
servizos de dependencia en particular, tan desexado polo Partido Popular.
A supresión deste servizo significará que as persoas que desexen realizar
unha valoración deberán desprazarse e ir á cidade da Coruña para poder cumprir
con dita tramitación. Un atropelo máis aos nosos dereitos xa que non podemos
esquecer que a promoción da autonomía persoal é considerado o cuarto piar do
estado de benestar e da igualdade de oportunidades.
Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao
Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de
ACORDOS
Primeiro. Que o Concello inste á Xunta de Galicia a que
manteña o equipo de valoración da dependencia e discapacidades en Santiago.
Segundo. Que o Concello inste á Xunta de Galicia a que non
leve a cabo os despedimentos anunciados na consellaría de traballo e benestar e
manteña aos profesionais necesarios para prestar este necesario servizo público.
No hay comentarios:
Publicar un comentario