ESQUERDA
UNIDA COMPOSTELA REXISTRA, A TRAVÉS DE AGE, DÚAS INICIATIVAS NO PARLAMENTO DE
GALICIA INTERESÁNDOSE POLOS INVESTIMENTOS A CARGO DO PROXECTO “SANTIAGO NORTE”,
DENTRO DO PROGRAMA INICIATIVA URBANA, FINANCIADO CON FONDOS EUROPEOS.
O
CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA AGARDARÁ Á DEFENSA DAS INICIATIVAS PARA
RECLAMAR QUE SE REALICEN AS OBRAS PROMETIDAS NO BARRIO DA ALMÁCIGA E BASQUIÑOS
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela,
trala xuntanza mantida coa AV Francisco Asorey da Almáciga, rexistrou no
Parlamento de Galicia, a través de AGE, dúas iniciativas interesándose polos
investimentos a cargo do Proxecto “Santiago Norte”, incorporado no Programa
Iniciativa Urbana.
Atendendo precisamente a unha demanda de membros
da Xunta Directiva da Asociación Veciñal, AGE presenta unha Proposición Non de
Lei para coñecer de forma expresa o detalle dos procedementos de auditoría
externa previstos nos mecanismos de xestión e control das obras previstos na
Memoria do Proxecto “Santiago Norte, e a elaboración dunha memoria exahustiva
dos investimentos que se realizaron no barrio da Almáciga, sinalando
especialmente o seu estado de execución,
o seu mantemento e o custo real dos investimentos.
Non pode ser que un Proxecto que nacera para loitar
contra a “carencia e baixa calidade da urbanización” dos barrios afectados,
contribúa, precisamente, a manter ditos parámetros de carencia e baixa
calidade. Desinformación, obras mal planificadas e mal xestionadas, sen
participación real da veciñanza, o estado actual das obras 6 anos despois da
posta en marcha do Proxecto, é o dunha promesa incumprida: son moitos os
proxectos comprometidos que ou non se fixeron ou ben están incompletos ou
mostran deficiencias. Por exemplo, o parque da Almáciga ofrece un aspecto
lamentable e os accesos ofrecen unha elevada perigosidade para as persoas
usuarias, incluso hai zonas sen iluminación. Tamén o edificio da Casa depósito
considerado ben de interese patrimonial, non é a casa-museo que se cita na Memoria
do Proxecto, ou non se construíu o
Centro Cívico Integrado. E poderíamos seguir.








